DE BOLINA

O abandono escolar en Galicia supera ao da UE e é inferior ao español

abandono escolar  29 01 21
Abandono escolar por comunidades autónomas.
Desde a chegada da democracia a España o sistema educativo mellorou, sen que se poida dicir que os vaivéns lexislativos non supuxeran avances. O abandono escolar actual en España, ó redor dun 16%, é superior ao da UE; o de Galicia (12%) duplica ao vasco, sendo inferior á media española. 
O abandono escolar en Galicia supera ao da UE e é inferior ao español

Hai unhas datas o Día Internacional da Educación pasou desapercibido, a pesar de referirse a un dereito fundamental universal. En España criticamos que cada goberno adapte a lei de educación aos seus postulados, sen embargo non parece nítido que sexa un proceder incorrecto e hai que recoñecer que temos moitísimo avanzado. Veño dunha das chamadas escolas unitarias, de aldea. Anos 60-70, cun modelo de edificio construído en moitos lugares; un só mestre -neste caso un exiliado interno- encargábase simultaneamente duns cincuenta rapaces. Sen calefacción, os baños nunca se limpaban, os nenos varriamos aos sábados. Na cabeceira da aula, enriba dunha tarima con táboas podres, a mesa do mestre e, tras ela, un mapa político e outro físico de España, nos que aparecían Sidi Ifni, o Sáhara e a Guinea, un crucifixo e un retrato de Franco; polas paredes, diversos carteis enmarcados cos sistemas circulatorio, dixestivo e muscular; no fondo, un encerado, onde o mestre exhibía unha caligrafía frustrante para min, porque nunca alcanzaría tal perfección no trazado das letras. A aula cerrábase cara ao norte cunha galería a través da que parecía chover incesantemente.

As nenas asistían a outra escola, unha especie de alpendre, onde dedicaban horas á costura, tamén cunha mestra soa, sen baños e sen calefacción. Os medios formativos, vimbio incluído, eran cadernos iniciais para aprender a ler, pizarras, un armario con estantes onde se amoreaban boletíns vellos apardazados, un exemplar de Corazón, de Edmundo de Amicis e outro de Genoveva de Brabante, de Cristóbal Schmid. Os alumnos iamos avanzando pupitre a pupitre, desde os primeiros cadernos ata as Enciclopedias Álvarez: Primeiro, Segundo e, o cumio do coñecemento, Terceiro Grao. O mestre, tan illado, de traxes limpos e gastados, parecía inmensamente sabio; aturaba nenos ágrafos, adolescentes revoltosos e á súa dona enferma, que o reclamaba cada pouco, armándose o correspondente barullo cando se ía. Ao remate de cada xornada, quedaba o traballo infantil: botar o gando, axudar nos labores da terra, recoller leña, herba, toxo. O habitual era fuxir da escola aos 14 anos.

O abandono escolar segue presente

O sistema educativo e o trato infantil evolucionaron, particularmente a partir dos albores da democracia, e hoxe, con vaivéns lexislativos incluídos, temos unha ensinanza mellorable pero homologable. Non é así en todo o mundo e a UNESCO constata cifras espantosas: cincuenta e sete millóns de nenos en idade de primaria que non asisten á escola e seiscentos dezasete millóns de mozos carentes dos coñecementos básicos en aritmética e cun nivel mínimo de alfabetización. En Galicia a taxa de abandono escolar duplica á vasca, é inferior e catro puntos á española e supera tamén en catro puntos á europea, segundo os datos destes días.

O Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4 da ONU busca garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe para todos. Un obxectivo que se freou coa pandemia e o peche de escolas e universidades, privando a uns mil seiscentos millóns de estudantes do exercicio do seu dereito fundamental á educación. Seguro que será un parón momentáneo. Díxoo clariño Nelson Mandela:”A educación é a arma máis potente que se pode usar para cambiar o mundo”. Que non se deteña: é a esperanza da Humanidade. @mundiario

Comentarios