O abandono do rural de Compostela

Mensaxe da Asociación A Pedra que Fala de Santiago. / Mundiario
Mensaxe da Asociación A Pedra que Fala de Santiago. / Mundiario
Falamos de 90 núcleos rurais que carecen de servizos, de 112 sen abastecemento de auga e 125 sen saneamento. Enormes problemas para unha poboación moi envellecida en que habitan case 15.000 persoas, case un 15% da poboación.
O abandono do rural de Compostela

Cando vivín no rural de Santiago souben ben o que supoñía carecer duns bos servizos públicos: da necesidade de maiores e mellores frecuencias de autobuses á escaseza de contedores e recollida do lixo moi deficitaria, pasando pola deficiente iluminación e a inseguranza viaria e deténdose, moi especialmente, na carencia de saneamento e/ou abastecemento en numerosos núcleos da poboación. Falamos de 90 núcleos rurais que carecen deses dous servizos, de 112 sen abastecemento de auga e 125 sen saneamento. Enormes problemas para unha poboación moi envellecida en que habitan case 15.000 persoas, case un 15% da poboación.

Levamos anos escoitando falar do Pacto polo rural, da fixación dunha serie de prioridades nunha planificación plurianual que contribúa a reducir a discriminación histórica no seu tratamento e camiñe cara á súa eliminación. Desde 2016, en convocatorias realizadas desde a Federación de Asociacións do Rural de Santiago (FERUSA), que engloba a inmensa maioría do asociacionismo do rural, asistín, representando o BNG, a xuntanzas en que participamos todos os grupos políticos para consensuar un texto que servise de guía. O documento estivo preparado en 2019 e nesa campaña electoral formou parte de iniciativas e debates. Todas as forzas políticas subscribimos o seu contido, aínda que o fixésemos de palabra, e aí está a memoria…, e as hemerotecas.

Porén, o PSOE no goberno desde xuño de 2019 esqueceu o seu contido. Alí priorizábanse cunha serie de criterios os investimentos para dotar de servizos básicos os núcleos rurais: aldeas que ficaron sen auga por secas de mananciais nos últimos tres anos e rematar as traídas naqueles lugares en que falten menos de 500 metros ao punto de conexión. Isto é o que acontece, por exemplo, en Santa Lucía, no Eixo, un dos últimos lugares a que a concelleira responsábel e o propio Bugallo negaron poder facilitar a conexión.

O diñeiro para cumprir co estipulado no Pacto debera saír, en primeiro lugar, das importantes cantidades recibidas polo Concello de Santiago a través do Plan único (dos POS) da Deputación, pois se se reciben é xustamente por ter Compostela un amplo territorio rural (190 quilómetros cadrados dun total de 220 de que consta o municipio). É este criterio –o apoio ao rural– o que explica que Santiago reciba moito máis no Plan Único da Deputación que cidades con máis habitantes, como A Coruña, e o que xustifica que todo o que se recibe debe ser investido nese rural que leva anos con carencias básicas. Mais tamén teñen que realizarse investimentos desde propio Concello.

O PSOE incumpriu

O propio Pacto polo rural indica que debe dedicar a esta finalidade ao redor do 1% do orzamento anual, isto é, sobre un millón de euros. E o PSOE incumpriu esta solicitude. Podería solicitar fondos adicionais á Xunta, ao Estado ou concorrer a convocatorias de fondos europeos. Mais non fixo nada disto. En ningunha das conversas con Feijóo ou Rueda, Bugallo levou entre as súas demandas realizar un convenio con Augas de Galiza para iniciar os compromisos do Pacto polo rural, para dotar de saneamento e abastecemento os numerosos lugares que carecen destes servizos.

E diante das demandas da oposición, o grupo de goberno sempre falaba de que o Pacto non estaba asinado e que o compromiso non existía. Mais as evidencias da marxinación e da palabra dada en 2019 eran tantas que non se atreveron a absterse (a súa práctica habitual para responder á súa ineficacia en temas de relevancia, sen adquirir compromisos) cando o BNG presentou en 2021 unha proposición de apoio ao Pacto polo rural. Nela o acordo era moi claro e sintético: “O Goberno local aplicará as medidas contidas no Pacto polo Rural a que se comprometeron en 2019 todos os grupos políticos coa FERUSA”.

A proposición saíu aprobada por unanimidade e, por tanto, cabería agardar un cambio de rumbo do PSOE, un cambio de rumbo que non chegou. Nos orzamentos de 2022, a instancias do BNG, si se reservaron 840.000 euros para abastecemento e saneamento do rural, mais fíxose vinculando esa cantidade á venda de parcelas e non chegou a efectivizarse. É máis, cada vez que a veciñanza solicitaba que nalgunha zona se acometesen as conexións, o PSOE negaba a posibilidade e tentaba culpabilizar a oposición, asegurando que só poderían realizarse estes traballos vinculados a un novo contrato da auga. Unha falsidade como tantas outras.

A FERUSA chama novamente á nosa porta

A pouco máis de dous meses para as eleccións, a FERUSA chama novamente á nosa porta e solicita que se asine con luz e taquígrafxs o Pacto polo rural, para que desta vez non haxa inequívocos nin trasacordo. E o goberno do PSOE xogará a se comprometer de novo tras 4 anos de lle dar as costas. O resultado, un texto moi parecido ao anterior 4 anos máis tarde. Un compromiso a 8 anos que agora comeza en 2023, cando debía terse iniciado en 2019. Máis un territorio compostelán que Bugallo se dedica a percorrer prometendo realizar aquilo que xa prometera hai 4 anos e do que nada fixo.

Foi a propia veciñanza do rural a que dedicou o tempo do confinamento, entre outros momentos, a restaurar o seu patrimonio e poñelo en valor, como aconteceu na aldea de Bálsoma, na parroquia da Gracia, nun espazo verde con diferentes muíños que estaba condenado ao esquecemento. Ou é a propia veciñanza do rural organizada a que está a traballar desde asociacións como A pedra que fala, de Santa Cristina e San Xoán de Fecha, para que toda a contorna coñeza os petróglifos e a Compostela rupestre (un programa este último tamén financiado pola propia Deputación que o Concello de Santiago non aproveitou como debera) e movendo todos os fíos posíbeis para recuperar para a colectividade edificios como vellas reitorais.

Unha vida digna e servizos públicos de calidade

O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir unha vida digna e servizos públicos de calidade. Dicía Otero Pedraio que Santiago era a aldea máis grande da Galiza. Esta grande aldea-capital do país merece moito máis do que leva recibindo dos gobernantes dos últimos anos. Por iso o Pacto polo rural estivo presente nas iniciativas que presentamos ao pleno e nas propostas públicas que presentamos. De aí que unhas forzas teñamos moita máis credibilidade que outras, como o PSOE, cando o próximo sábado, 18 de marzo, asinemos un compromiso co Pacto polo rural. Porque se nos detemos nos seus contidos e nos prazos que marcaba inicialmente, nestes momentos o seu grao de execución debera andar xa polo 50%.

Neste ámbito, como en tantos outros, o actual goberno compostelán non cumpriu. Pretender agora poñer o contador a 0 é un engano a unha poboación que sabe perfectamente que os 4 anos de Bugallo na alcaldía non supuxeron ningunha mellora para a súa calidade de vida. É tempo de mudar as cousas, de que non sigan os de sempre, de dar oportunidades a outras forzas en que confiar para facer realidade, como leva facendo o BNG en numerosos concellos, un novo modelo de políticas coas persoas no centro e cun rural con futuro. @mundiario

Comentarios