Ante o abandono das infraestruturas da auga, a Xunta obriga agora aos concellos a buscar as fugas

Chorro de agua. / Pexels.com.
Chorro de auga. / Pexels.com.
En definitiva constatamos que existiu por parte do Goberno galego unha despreocupación polo bo funcionamento da rede de abastecemento de auga potable, e non digamos da depuración de augas residuais.
Ante o abandono das infraestruturas da auga, a Xunta obriga agora aos concellos a buscar as fugas

No mes de xullo o Consello da Xunta de Galicia aprobaba un "Proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario” e en outubro a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pasou a presentalo e defendelo no Parlamento. O proxecto  na  Disposición adicional cuarta fai referencia ao límite das perdas de auga nas redes de abastecemento e propón:

“No prazo máximo de tres anos a contar desde a entrada en vigor da presente lei, os titulares das redes de abastecemento adoptarán as medidas necesarias para garantir que as perdas de auga nas redes de abastecemento se sitúen como máximo no 20% do volume total de auga captada “.

Por fin  parece que se iniciará un proceso que fai anos tiña que poñerse en marcha e que pode levar  a reducir as importantes perdas de auga potabilizada nas redes de abastecemento. Pero necesitamos  coñecer o seguinte:

1. Mentres dende principios de século baixaba a porcentaxe no Estado das perdas de auga na rede, Galicia subiu  e contamos cos datos peores dende o ano 2000. Galicia tiña no 2016 máis fugas e perdas de auga  sobre o volume de auga subministrada   que a media do Estado  a principios de século.

O Obxectivo da Xunta resulta  insuficiente e cativo porque a media de perdas de auga sobre o volume de auga subministrada no Estado estaba xa no 2016 no 16,3% (segundo o INE)  e aquí  estamos no 21,5%, cifra que alcanzaría unha porcentaxe do 24% si  en vez de ser sobre o volume de auga subministrada é sobre a auga captada e se tivesen en conta as perdas globais, as reais e as aparentes  -estarían comprendidas avirías, fugas, fraudes, roturas, errores en lectura de contador...-. 

No Estado  baixaron as perdas sobre auga subministrada na rede  publica dende o ano 2000. Estaban en 20,9% e foron a 15,9%  no 2012 e na última estadística do 2016 alcanzaban o 16,3%. En Galicia  a porcentaxe de perdas  era do 13,6% no ano 2000 , do 18,7% no 2014 e do 21,5% no 2016 , foron subindo co paso do tempo. Esta situación contrasta con outras Comunidades  que teñen máis preocupación polo tema, así  Madrid presentaba perdas de tan so o 2,8%, Pais Vasco 8,4%, Cataluña 14,5% . Galicia está na cuarta posición pola cola  como recoñeceu no Parlamento a Conselleira de Infraestruturas e defensora do Proxecto de Lei , mesmo afirmou que existen redes  municipais  que rexistran perdas de auga potabilizada do 40% . 

2. Canto nos custan economicamente aos galegos as  fugas e perdas de auga potable  na rede pública? Cos últimos datos publicados do INE a auga rexistrada e distribuída  foi de 187,9 millóns de metros cúbicos (m3) que representa ao 5,9% do total do Estado e as  perdas reais por fugas, roturas e avirías representaron 55,56 millóns de m3  ao que temos que sumar outros 15,2 millóns de m3 nas “perdas aparentes” (errores, fraudes..). Si o INE da como custo de subministro de auga para Galicia  0,76 euros/m3 no ano 2016 podemos cuantificar os  case 71 millóns de m3 de auga perdida en  máis de 53 millóns de euros  pero  o curioso é que si o servizo como afirman “se autofinancia” estariamos  pagando todos os cidadáns  na factura  as perdas xa que a tarifa actual  din “cubre os gastos operativos do servizo” . 

En realidade os custos destas perdas serían moito maiores si tiveramos en conta  a Directiva Europea Marco da Auga en vigor dende o 2000 terían tamén que incluírse os custos relativos as infraestruturas, amortización, renovación e novas actuacións para a mellora das prestacións ou calidades da auga... polo que  o despilfarro económico por fugas sería moito máis elevado que os 53 millóns estimados. 

3. Son suficientes  as inversións anuais nos servizos de subministro de auga? O INE  da a cifra de 8,3 millóns de euros de inversión total nos servizos de subministro no ano 2016, cando no 2008 foron 7,2 millóns e no 2004 so chegaba a 3,1 millóns. Estas cifras non representan nin o cinco ou seis por cento da facturación anual – abastecemento- e son insuficientes  para corrixir os problemas  de fugas e perdas e son ridículas si se quixera modernizar, dixitalizar e mellorar tecnicamente o servizo aínda que so fose para reducir a metade as perdas. Parece imposíbel hoxe intentar achegarnos a paises como Noruega, Dinamarca ou Xapón onde as perdas da auga na rede de abastecemento son de catro a sete veces inferiores as galegas.

Non so é importante aumentar as inversións senón tamén realizar as obras de forma adecuada con garantía de eficiencia e duración no tempo. No primeiro caso resulta sorprendente coñecer que nos dous últimos anos  a Xunta deixou sen executar  obras destinadas a inversións  en infraestruturas de xestión da auga  por valor de millóns de euros (cítanse nos medios de comunicación da orde de 160 ). No segundo sospeitamos  que as obras (300 ?) de abastecemento que realizou a Xunta en 186 municipios desde o ano 2009 deben ter  xa importantes problemas tanto de eficiencia - fugas, avirías e perdas significativas -, como de duración, dez anos  son poucos e tiña que estar garantido o bo funcionamento e eficiencia que se pide.  Como as farán?

4. Dende o punto de vista ambiental as perdas de auga potábel son un despilfarro inxustificable. A potabilización está implicada nun importante consumo de enerxía eléctrica, combustibles derivados do petróleo, agua, produtos químicos e outros.

Nas ETAP – plantas potabilizadoras de auga– a electricidade é  imprescindible para funcionar en diversas fases e funcións : motores e bombeo de captación, tratamento físico con desbaste, desareado, decantación, equipos de filtración, ... bombeo de subida da auga potábel aos de depósitos, grupos de presión na distribución nas redes publicas. A lonxitude da rede de distribución galega alcanza 15.649 Quilómetros (Qm) e a vista dos datos parece moi fráxil ou mal feita aínda sendo de fundición, plástico ou fibrocemento . Para darnos unha idea baste dicir que unha potabilizadora para unha poboación de pouco máis de 100.000 habitantes e tratamento de 13 millóns de metros cúbicos  ( a de Coruña trata 38 millóns m3 e  ten 354 Qm de lonxitude )  pode gastar preto de medio millón de kwh/ano de electricidade.

Na potabilización precísanse  diversos produtos químicos, principalmente coagulantes, floculantes, desinfectantes, remineralizadores e reactivos correctores . Podemos atopar necesarios carbón activo en po,  cloro – 2 g/m3- como dióxido de cloro, cloro gas ou hipoclorito sódico, sulfato de alumina e sulfato de amonio, polielectrólito, ozono, amidón, cal e outros axentes oxidantes ou correctores de pH dependendo das características/tipo de auga. Os  quimicos utilizados midense en  toneladas ou miles quilogramos.  

No tratamento da auga potable consúmese e evaporase auga e xéranse lodos que precisan tratamento  aínda que sexan menos problemáticos que os lodos xerados nas depuradoras das augas residuais . O volume de lodos xerados pode significar en quilogramos o 1% do volume de auga tratado en metros cúbicos.

Despreocupación polo bo funcionamento da rede

En definitiva constatamos que existiu por parte do Goberno galego unha despreocupación polo bo funcionamento da rede de abastecemento de auga potable, e non digamos da depuración de augas residuais. O Cambio Climático  e as secas vense agora máis preto e as perdas -avirías, fugas, subtraccións...-vólvense agora unha preocupación oficial cando antes nin as citaban. A Xunta atopase agora cun problema maior  que necesita resolver porque o control e a eficiencia do Ciclo da Auga é fundamental na nosa economía e benestar por non dicir xa no medio ambiente.

Os concellos teñen responsabilidades no abastecemento  pero son verdadeiros “reinos de taifas” incluso no prezo da auga, gobernan despreocupados sin que nunca pensaran en cuantificar perdas -agora a Lei formula a necesidade de caudalimetros e dous anos para buscar as fugas-. O  mirar para outro lado e “deixar facer” da Xunta serviu para que os Concellos nunca atenderan ao aforro enerxético e  o despilfarro da auga, , claro que tamén son poucos os concelleiros e alcaldes que teñen formación e preocupación ambiental e/ou económica. 

Canto podiamos mellorar e aforrar con gobernantes preocupados, con boa formación, dirección e estratexia política. @mundiario

Comentarios