Abanca súmase ao Día da Educación Financeira con actividades en Galicia e Madrid

Una persona consulta sus finanzas. / RR SS
Una persona consulta sus finanzas. / RR SS
Entre as iniciativas previstas para esta xornada destaca a mesa redonda Claves para levar a ciberseguridade á túa aula.
Abanca súmase ao Día da Educación Financeira con actividades en Galicia e Madrid

Abanca sumarase este luns 3 de outubro á conmemoración do Día da Educación Financeira cunha serie de actividades, dirixidas a públicos con diferentes necesidades, que reflicten o espírito do programa de educación financeira que desenvolve desde 2015 en colaboración coa súa Obra Social, Afundación.

Entre as iniciativas previstas para esta xornada destaca a mesa redonda Claves para levar a ciberseguridade á túa aula que se desenvolverá no Centro Territorial de Innovación e Formación Madrid-Sur e na que participarán David Cervera, subdirector xeral de Programas de Innovación e Formación da CAM; Carlota Sánchez-Montaña, coordinadora adxunta da área de Educación da Obra Social Abanca; Antonio Ronda, profesor de Primaria gañador da última edición dos Premios Educa Abanca; Clara Cordero, formadora e deseñadora de experiencias de aprendizaxe de participación social e comunicativa, e Raquel Alonso, xefa de proxectos de Concienciación en Ciberseguridade en S2 Grupo.

A actividade ten como obxectivo fomentar o debate e facilitar novos recursos aos profesionais da educación. Comezará ás 16.30 horas e poderá seguirse en directo a través de Afundación TV.

As outras tres propostas para esta xornada conmemorativa terán lugar en Galicia. A primeira será unha sesión de formación e capacitación dixital para persoas maiores no Concello de Moraña (Pontevedra), na que se ensinará aos asistentes a utilizar o caixeiro automático para que poidan realizar as operacións máis habituais con confianza e seguridade. Terá lugar no Edificio Multiusos do Concello entre as 10.30 e as 12.30 horas.

Doutra banda, o CEIP San Francisco Javier (A Coruña) acollerá o Gran Prix Financeiro, unha actividade que permite achegar aos escolares os conceptos máis básicos da xestión do diñeiro dunha forma lúdica para que empecen a tomar conciencia da importancia do aforro. Participarán ao redor de 60 alumnos entre as 9.00 e as 14.00 horas.

A última proposta para este día é unha conferencia sobre opcións e produtos de investimento, dirixida a estudantes maiores de 16 anos, que se impartirá no Centro de Formación Profesional de Afundación na Coruña ás 10.00 horas. @mundiario

Comentarios