A UE, un clube pouco serio

Parlamento europeo. / europa.eu
Parlamento europeo. / europa.eu

O Brexit demostra que aos fundadores da UE non lles acordou ditar normas de abandono. Neste momento, e desde hai máis de dous anos de baile en falso, o Reino Unido vai acabar toleando a Bruxelas despois de entoleceren eles, arredor dunha nora de despropósitos.

A UE, un clube pouco serio

Dicemos pouco serio, non por adoptar aquel dito de Groucho Marx dos clubes: “nunca entraría nun clube que me admitise como socio”, senón por ter uns estatutos moi mellorábeis. Só contemplaron as normas de entrada como Estados membros, pero non se lembraron de redixiren as de saída. O asunto do ‘Brexit’ demostra que aos fundadores da UE, do reino dos ceos na Terra, non lles acordou ditar normas de abandono de tal Edén. Neste momento, e desde hai máis de dous anos de baile en falso, o Reino Unido vai acabar toleando a Bruxelas despois de entoleceren eles, arredor dunha nora de despropósitos.

Hai ben anos opinabamos que era modulábel a adhesión inquebrantábel ás vantaxes derivadas da incorporación á Comunidade Económica Europea. O medular do argumento residía na perspectiva, no noso caso galega, non estatal/única, así como nas normas de composición interna da Comunidade. No primeiro chanzo, situábamos o coñecemento das nosas condicións de crecemento económico, que naquel momento gozaban dunha distancia notábel á media da CE.

A diferenza de tamaño e de medios de crecemento era tan ampla que non tiña traza algunha esperar beneficios da incorporación E, a máis, hai algunhas cousas –é sabido por todo o mundo- que non teñen arranxo co diñeiro: as de vida, as vinculadas á produción dependente dos recursos naturais, a evolución dun mercado de traballo emisor de emigrantes… E algo que todos os economistas saben ou deberían saber: non é igual capital que diñeiro, por isto, os asesores dos gobernantes deben facérllello saber antes de que entreguen un país con capital proprio só a cambio de diñeiro.

O clube comunitario (en linguaxe coloquial, non precisa, Europa) xa estaba constituído e con moito camiño percorrido cando o Estado Español se adheriu e, loxicamente, e tal  como o termo indica, foi unha petición da condición de socio, realizada con moita ansiedade, co resultado do Tratado de Adhesión, que semella unha listaxe de condicións contractuais deseñadas en Europa. Este proceso tamén oíu voces críticas rapidamente tachadas de calquer cousa menos  de racionais: retrógrados, os do non, inimigos do crecemento…,  insultos fóra do marco da discusión en política.

Por outra banda, e desde a perspectiva exclusivamente de debate de intereses, sábese ben que nesa finca é de máis intelixentes defender os proprios proveitos que os do contrario. Á forza, e unha vez comprobados os perxuízos da adhesión inquebrantábel á Europa, foi preciso defender os intereses españois, mesmo en condicións adversas, dadas as premisas do Tratado.  

No presente divertímonos co teatro do ‘Brexit’. Chámolle teatro sen querer ofender aos colegas dedicados á nobre función, só para denominar o espectáculo penoso que se está dando á vista de todo mundo: Trump e Li Keqiang celebran, e non precisamente con champaña (ha ser con viño de California ou con  licor de arroz), as liortas entre socios máis proprias do que os europeus chaman povos sen civilizar. Desde os USA á China, pasando por Noruega, seguindo pola India e acabando en Rusia, hai millóns de cidadáns do mundo escachándose de risa. @mundiario

Comentarios