Buscar

Á guerra sen armas

O comezo do confinamento non se acompaña de medidas económicas nen de plan de ataque á epidemia que conte con máis medios de ataque que a anulación das relacións sociais dunha parte da poboación.
Á guerra sen armas
Mascarilla do coronavirus. / Qué
Mascarilla do coronavirus. / Qué

María do Carme García-Negro

Profesora de Economía.

Enteirámonos nunha roda de prensa oferecida por membros responsábeis do denominado mando único (do Goberno do Estado) de que isto (?) é unha guerra. Este mando único (non comité de crise, nen de emerxencia sanitaria,…) componse (BOE 14-03-2020) cos ministros de Defensa, Interior, Transportes e Sanidade. A primeira ollada a este órgao designado polo goberno para xestionar a crise, fainos pensar que o obxectivo primeiro, de non ter outros medios a man, era controlar baixo un mando único o confinamento, subsecuente da declaración de estado de alarma, dunha parte da poboación.

Non están no comité as ministras da área económica, nen de servizos sociais e, por suposto, tampouco figura a de asuntos exteriores. Así mesmo a declaración de estado de alarma non veu acompañada dunha estimación económica das primeiras partidas de gasto e destino para as actuacións do mando único.

E, finalmente, pero non menos importante, a declaración foi coñecida polos responsábeis executivos das comunidades autónomas con posterioridade á declaración, como se de meros delegados do goberno central se tratase.

Sen armas

Unha vez constatado o escenario parece que non queda máis que admitir a linguaxe bélica, dada a súa procedencia, polo que deberemos admitir tamén que se a autoridade competente proclama tal, é porque corresponde a unha diagnose da situación adoptada por tal mando, é dicer, o goberno do estado. Non obstante, cando no pasado  se declaraba unha guerra sempre se contaba con armas ou medios para fabricalas. Neste caso non temos unha cousa nen a outra.

A pesar da experiencia que temos os galegos en crises varias, vímonos agora inmersos nunha nova porque se parece máis a unha guerra biolóxica que a un desastre tecnolóxico. É nova porque é de propagación invisíbel e polo tanto algo máis perversa. Ten en común con todas as anteriores en que é importada, produto da mundialización das relacións económicas e tamén afectada pola incapacidade gobernamental de lle facer fronte. De desastres tecnolóxicos temos experiencia. Comezamos co Urquiola, logo Cason, Aegean Sea e o Prestige e para amenizar os veráns vanse queimando cada ano uns miles de hectáreas de monte, ás veces con ben medo –ou pánico– para os atinxidos pola proximidade ao lume.

Mesmo foi modélica a resposta dos viciños, médicos, enfermeiras e voluntarios de todo tipo cando outro desastre tecnolóxico –o descarrilamento do Alvia– con resultado de 79 mortos, fíxonos protagonizar, en contra dos nosos desexos, informacións de alcance mundial.

Bases para un fracaso

Desde xaneiro soubemos da epidemia en China e aquí semella que todo comezou a se mover cando o presidente da Xunta soliciou ao Goberno do Estado que tomase a decisión de adiar as eleccións galegas.  Petición asombrosa porque o xefe do executivo galego ten a competencia estatutaria, e, polo tanto, constitucional de convocar as eleccións autonómicas, e fixar as condicións para a súa celebración.

A declaración do Goberno de estado de alarma e o confinamento cunha parte da poboación votante impedida de exercer o direito de voto, foi suficiente para adiar a convocatoria. O estado de alarma amosou tamén que os primeiros alarmados eran os responsábeis do goberno español e despois de verbalizar moito ánimo para uns cidadáns (desde a parte de fóra) nun exercicio de condescendencia deplorábel, atopámonos con que o confinamento non traía xestión acaída da crise. Nen da crise de contaxios nen da crise económica que vén de acompañamento. Comezando polo Goberno do Estado ao declarar estado de alarma, pasa por riba da Constitución no referido á configuración autonómica e, sen acordo previo, toma decisións asumindo competencias que son exclusivas dos órgaos autonómicos.

Con esta acción póñense as bases para un fracaso total da xestión porque non hai, non existe, unidade de mando que sexa quen de xestionar o Sergas, xunto co Osakidetza, co Servei Catalá de Salut ou cos restantes departamentos de saúde das autonomías que levan a cabo nalgúns casos todas as funcións e noutros a maior parte da xestión dos servizos públicos de sanidade. O comezo do confinamento non se acompaña de medidas económicas nen de plan de ataque á epidemia que conte con máis medios de ataque que a anulación das relacións sociais dunha parte da poboación.

Preguntámonos: con que armas van  os sanitarios á guerra se non hai  máscaras nen medios de análise, material de protección, respiradores nen UCIS suficientes? Xa empeza a ser moi doloroso para o conxunto de cidadáns que os “oficiais” nesta guerra, o conxunto de todo o persoal sanitario vaia desaparecendo do seu traballo por mor da afectación directa. Despois de 17 días en peche, só nos queda (á parte dos cidadáns que pode confinarse), esperar que dé resultado esta medida. @mundiario