A agonía de Europa

Jean Paul Sartre y Simone de Beauvoir.
Jean Paul Sartre y Simone de Beauvoir.

Hai uns oitenta anos que Jean-Paul Sartre publicou “O ser e a nada” e suscitou, nomeadamente nos espiritos novos, un estado de ánimo angustioso: todo é pura continxencia e isto conduce á náusea, ao “existencialismo”. 

A decadencia de Europa é un lugar común dende hai moitos anos. Parecera un círculo infernal que acompaña día a día a evolución desta parte sustancial do orbe moderno. Tan é así, que o título deste artigo é o correspondente a un excelente opúsculo de María Zambrano, publicado por primeira vez en Buenos Aires, en 1945. A súa tese é coñecida: a Europa como realidade histórica perde a grandes pasos a súa grandeza, a súa xenialidade, o seu fondo creativo, xeneroso e solidario, para se entregar á esmagante ditadura dos feitos, “a pavorosidade do inmediato”.

Dente entón, transcorreron máis de setenta anos, quer son moitos, e as cousas mudaron dende o punto de vista institucional. Daquela non había Unión Europea, aínda que dende o remate da Segunda Guerra xa alborexaba un espírito novo, que evitase para sempre novas confrontacións bélicas entre os Estados europeos. E abríuse paulatinamente, grazas a aqueles “pais fundadores” a quen agora tanto se añora, a xanela dunha “Europa da esperanza”. Europa afastabase da inmediatez, da atadura á realidade, do se entregar sumisamente  á influencia dos demais.

Hoxe en día moitos comezamos a ter nostalxia daquela Europa que soubo reaccionar fronte a decadencia. Se cadra, foi isto o que máis pesou en nós cando nos recoñecemos “europeístas”. Por iso sentimos agora que algo se desfae de novo, que outravolta perdemos a pulsión da Historia e dos valores.

 Non é que todo esto ocorra pola “ameaza” dos países emerxentes. O mal está en nós mesmos. Para corroboralo abonda cun par de exemplos de total actualidade. Non hai máis que contemplar, atónitos, a inverecunda expulsión dos xitanos ordeada hai tempo por Sarkozy, no país berce da “égalité” e “fraternité”, e o compracente apoio recibido dos compañeiros comunitarios; unha aceptación ou comprensión que, non o neguemos, advertimos a cotío en boa parte da nosa cidadanía. Non ha máis que afinar o ouvido en calquera cafetería.

 O outro exemplo revelador é o bo resultado da extrema dereita nas eleccións de Suecia. Hai anos, os suecos déranse un Goberno de centro dereita, presidido por Fredrik Reinfeldt. Mais, ao parecer, con esto non lles chegou: o conservador Reinfeldt perdeu a maioría absoluta e a extrema dereita avanzou até un seis por cento de votantes, convertendose en chave para formar Goberno. E o proceso segue adiante: estes días de 2018 dan conta da baixa dos socialdemócratas e a petición de dimisión  do primeiro ministro Stefan Löfve. A imposición da “lei e a orde” está, tan “mussioliniana”, no eixe deste escenario. A dor moral e política esténdese se observamos Austria e ao seu líder Norbert Hoofer, e a Hungría, onde Víktor Orban anula as ONGs, fustiga e controla a prensa e transmuta ao seu favor o sistema electoral. Ou Polonia, onde onde tratan de alterar o sistema xudicial e dos dereitos fundamentais, e a querida Italia, que parece revolverse contra a  Europa institucional ¿e cultural?, posuida dun temor terrible ás migracions.

Se non esquecemos este pan panorama escuro, veremos configurado un eixo Estocolmo, Varsovia, Budapest, Viena, Roma, que move necesariamente a preocupación. De seguiren avanzando as cousas así, ¿cal será o destino dos valores culturais e democráticos definitorios da Europa que non debera sucumbir? En definitiva, ¿Cal será o futuro desta Europa desflecada territorial e identitariamente?

Hai uns oitenta anos que Jean-Paul Sartre publicou “O ser e a nada” e suscitou, nomeadamente nos espiritos novos, un estado de ánimo angustioso: todo é pura continxencia e isto conduce á náusea, ao “existencialismo”. Os sociólogos dixeron entón que Sartre era “o notario do testamento de Europa”. Entre o si e o non está un temor idéntico que nos posúe para o inmediato futuro. Pola miña parte, eu confeso que son un europeísta irreductibel e que seguirei a loitar por esa idea. @mundiario

Comentarios