2.700 litros de auga para fabricar unha camiseta e cinco veces máis para uns vaqueiros

Una camiseta símbolo de reciclaje.
Unha camiseta símbolo de reciclaxe.
Inditex eliminará no 2023 os plásticos dun so uso  para clientes e tamén se reciclarán ou reutilizarán todos os residuos dos centros do grupo. Para  antes do 2025  o 100% do algodón, liño ou poliéster  que utilicen –oito marcas do grupo– será  orgánico, sostible ou reciclado.
2.700 litros de auga para fabricar unha camiseta e cinco veces máis para uns vaqueiros

En menos dun ano as grandes multinacionais do sector do téxtil-moda asinaron tres acordos de sostenibilidade, o último o 23 de agosto en París onde 32 empresas lideres mundiais presentaron no Palacio do Eliseo o Pacto da Moda (coñecido como “Fashion Pact”), que din é un compromiso  con folla de ruta para impulsar a sostenibilidade ambiental no sector téxtil, moda, luxo, deportes e estilo de vida, ademáis de englobar a distribuidores e provedores. Tal suceso foi  apadriñado polo Presidente da República Francesa, con Enmanuel Macron como promotor da iniciativa nun  momento no que ía celebrar a reunión  da Cima do G7 en Biarritz.  

Este acordo intersectorial  comprende 16 obxectivos e tres conxuntos de compromisos  relacionados co clima, biodiversidade e océanos, que en resumo son:

a) Deter o cambio climático e limitar o quentamento global en 1,5º C. O acordo persigue emisións netas cero de gases de efecto invernadoiro para o ano 2050 e xa no 2030 utilización de enerxías renovables en todos os procesos produtivos de alto impacto.

b) Restaurar a biodiversidade. Os 32 xigantes empresariais pretenden  protexer os ecosistemas ao eliminar materias primas cuxa extracción obrigue a consumos intensivos de gran impacto. Perseguen a restauración de solos e campos e eliminación de abastecemento (coiro) de granxas que utilicen cría intensiva por engorde. En definitiva queren prácticas respectuosas  coa vida silvestre na agricultura, silvicultura e minería.

c) Protexer os océanos. Eliminarán plásticos dun só uso no 2030 e limitarán e investigarán a propagación de microfibras plásticas e medidas que eviten a contaminación.  

Entre as empresas que ratificaron o acordo do “Fashion Pact” están compañías do téxtil, deporte, luxo e moda... algúns de nome ben coñecidos: Indixente, H y M, Bestseller, Burberry, Adidas, Nike,  Puma, Fashion3, Fung Group, Moncler, Carrefour, Chanel, Giorgio Armani, Hermés, Galeries Lafayette... Inditex nun comunicado apuntou que xa no 2023 eliminará os plásticos dun so uso  para clientes e tamén se reciclarán ou reutilizarán todos os residuos dos centros do Grupo. Para  antes do 2025  o 100% do algodón, liño ou poliéster  que utilicen -oito marcas do grupo- será  orgánico, sostible ou reciclado.

En marzo do 2018 altos executivos da ONU en Xenebra (UNECE, “Fashion and the SDGs: What role for the UN?”) calificaban a industria da moda rápida (“Fast Fashion”) como moi contaminante  mesmo falaban de emerxencia medioambiental. Aseguraban que esta industria era a segunda que máis auga utilizaba no seus procesos,  producía o 20% das augas residuais a escala global, ao tempo que  xeraba o 10% das emisións de dióxido de carbono -responsables do efecto invernadoiro-. Propoñían hábitos de consumo sostibles para atallar os numerosos problemas creados.

O consumo de auga e enerxía  nesta industria é insoportábel, xa a principios de século so a confección alcanzaba consumir  3,3 toneladas (t) de auga por t de produto terminado e xeraba 4,3 t de residuos e o téxtil tiña de media de consumo de auga 2 t/t produto e 2,5 t de residuos.  Por este motivo Organizacións de defensa ecolóxica, Fundacións,  .... denunciaran públicamente o tremendo gasto enerxético, de auga e a contaminación que xeraba obter fibras sintéticas a partir do petróleo e mesmo cultivar algodón para usar e tirar dado que demandaba cantidades inxentes de auga  e produtos químicos (insecticidas, abonos...). Citaban a contaminación individual e dos ecosistemas coas tinguiduras e tratamento do téxtil, a enerxía que se consume no transporte -marítimo e terrestre en contendores-, as viaxes dos consumidores para ir de tendas, a contaminación por microplásticos que se desprenden no lavado das prendas e que rematan nos océanos, e cómo non, as prendas que rematan nos vertedoiro ou se incineran e incluso prendas que se mercan e nunca se utilizan...

O consumidor non sabe seguramente que o cultivo de algodón e o proceso de fabricación dunha camiseta de 250 gramos de peso precisou  2.700 litros de agua, e os vaqueiros multiplican por 5 ou 6 esta cantidade, auga máis necesaria que nunca nos momentos de cambio climático, auga que  en parte vai tamén contaminar aos  ecosistemas.

Pode chegar a moda a ser sostible? Pode a moda, o téxtil, os deportes... entrar no desenvolvemento sostible e satisfacer as necesidades do presente sin comprometer a capacidade e o ambiente das futuras xeracións? Con seguridade estes sectores de produtos de usar e tirar  si queren sobrevivir teñen que cambiar, cantos máis beneficios teñen  máis deterioran a sua base e máis poñen en perigo o presente e o futuro.

Xa non chega con que algunha empresa concreta leve a cabo plans pilotos e ben intencionados de xestión e recuperación da auga e enerxía . Non serve dar lixeiros retoques e pinceladas de sostenibilidade -obrigados hoxe mesmo por certos consumidores-, e pretender modificar a fachada para que o edificio quede intacto na sua estrutura e seguir con inmensos beneficios multimillonarios deixando a cambio altos custos sociais que pagamos todos.  Resulta curioso e paradóxico que sexan os sectores implicados, as grandes multinacionais os que ofrezan hipotéticas solucións e dezaseis medidas concretas a tomar, mentres os gobernos quedan como árbitros e permanecen ao marxe sen adoptar medidas e sen querer ir a raíz dos problemas. Os xigantes do téxtil ofrécense efusivamente con medidas e prazos. Todos contentos.

Falar de sostenibilidade é poñer en cuestión o concepto de moda, consumo de usar e tirar e globalización. Tamén é analizar o papel de contribución deste sectores  ao cambio climático e o ao impacto ambiental  local e global e o que significa a xeración de residuos e as micropartículas nos océanos. Falar de sostenibilidade e ir progresivamente diminuindo o consumo innecesario e formar a poboación nun consumo responsabel que conleve unha mínima demanda –imprescindibel– de produtos naturais como o algodón, liño... e que poña en cuestión aos  sintéticos como fibras derivadas do petróleo. Falar de sostenibilidade e tratar de desigualdade, pobreza, salarios e explotación dos traballadores, de perda de identidade dos individuos, da obligación necesaria de inverter parte dos beneficios en fins sociais....

En China din que dende hai anos teñen cursos de auga  que  cambian de color varias veces ao ano en función dos tons que estean de moda nese momento en Europa. Aquí comenzan agora a apuntarse algunhas medidas de  sostenibilidade nun sector industrial clave e gran contaminante. Esperemos que a sostinibilidade chegue a abarcar aos múltiples aspectos que comprende a palabra  e aos múltiples países afectados. Pero por algo se comenza ainda que sexan 16 obxectivos e vale máis tarde que nunca. Eso si, non deben demorar. @mundiario

Comentarios