O 26-M e o futuro político de Alberto Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario
Alberto Núñez Feijóo. / Mundiario

A pesar de non ser candidato nas eleccións do 26 de Maio, o resultado desa cita coas urnas vai ter moita importancia no futuro político de Alberto Núñez Feijóo, presidente do PP de Galicia. Por razóns directas e indirectas.

O 26-M e o futuro político de Alberto Núñez Feijóo

O test principal para medir o éxito ou o fracaso do PPdG vai estar situado nas cidades e nas deputacións. Xa sabemos que esta forza política vai ocupar o primeiro posto no ranking das concellerías e das alcaldías obtidas. A utilización desa contabilidade parcial vai ser o refuxio dos voceiros na noite electoral para agachar a dimensión real do eventual fracaso. O que haberá que mirar é se o partido de Feijóo conserva a alcaldía de Ourense e/ou acada algunha mais nas outras seis cidades. Tamén será pertinente comprobar cantas deputacións vai controlar a partir dese momento. A posibilidade de que a súa hexemonía fique reducida ás vilas medianas e cativas –complementada cunha confirmación do virreinato de Baltar– cuestionaría seriamente a viabilidade da repetición da maioría absoluta existente no Pazo do Hórreo.

O destino do presidente da Xunta tamén se xoga alén do Padornelo. Se o PP perde o control sobre as comunidades autónomas que hoxe administra e non é quen de recuperar o dominio sobre os grandes concellos que perdeu no ano 2015, Pablo Casado terá que considerar a posibilidade de conxugar o verbo dimitir. Se tal cousa ocorrera, o político dos Peares recibiría unha presión moi forte para asumir a presidencia estatal e dirixir a travesía do deserto desta formación nos vindeiros catro anos. Podería respostar cunha negativa semellante á que formulou no mes de xuño do ano pasado? Nesta ocasión sería moi complicado repetir aquelas argumentacións a menos que Núñez Feijoo teña pensado retirarse da primeira liña política cando remate o seu mandato en San Caetano ou ben –circunstancia certamente inimaxinábel– manexe o proxecto de reconvertir o PPdG nunha sorte de forza rexionalista (como pode ser, na actualidade, a UPN).

A política galega pode vivir un punto de inflexión a partir do vindeiro 26 de Maio. Un motivo adicional para agardar, con expectación, as cifras que proporcionen as urnas. @mundiario

O 26-M e o futuro político de Alberto Núñez Feijóo