Alvarellos Editora publicará os premios de poesía do Concello de Vilalba

Trátase dunha coedición das catro obras gañadoras nos certames literarios de 2011 e 2012, das que son autores Carlos Pereira, Martiño Maseda, Xoán Piñeiro e Xosé Otero Canto. A presentación, e agosto.

Alvarellos Editora publicará os premios de poesía do Concello de Vilalba

Un dos premios de poesía máis veteranos e prestixiosos de Galicia, o Certame Literario do Concello de Vilalba, que este ano alcanza a súa edición número 39, será publicado por Alvarellos Editora, cuxo editor é Quique Alvarellos, columnista de MUNDIARIO. O organismo municipal e esta empresa cultural acaban de chegar a un acordo para coeditar os volumes gañadores das últimas dúas edicións, a nº 37 de 2011 e a nº 38 de 2012.

Trátase das obras Río Alzheimer, de Carlos Pereira Martínez (1º Premio, 2011); Entre as paredes do silencio, de Martiño Maseda Lozano (2º Premio, 2011); Quenda da catividade, de Xoán Xosé Piñeiro Cochón (1º Premio, 2012), e Nenias chairegas, de Xosé Otero Canto (2º Premio, 2012).

O 23 de agosto, presentación

O Certame Literario do Concello de Vilalba consta de dous premios: un primeiro de 3.000 €, flor natural e diploma, e un segundo de 1.000 €, flor natural e diploma.

O xurado está presidido por José María García‐Leira Boado, concelleiro de Cultura, e integrado por Darío Villanueva Prieto, José Carlos Rodríguez‐Andina, Fidel Fernán Vello e, como secretario, Xulio Xiz Ramil.

Os catro volumes, que nestes momentos se encontran en proceso de edición, serán presentados conxuntamente en Vilalba o 23 de agosto, nun acto público que contará coa intervención dos catro autores galardoados. Ao día seguinte comunicarase o fallo da edición de 2013, a número 39.

Alvarellos Editora publicará os premios de poesía do Concello de Vilalba
Comentarios