Vox ameaza a hexemonía do PPdeG, pero non a da dereita en Galicia

Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal.
Se, finalmente, a dereita alternativa consegue representación na Coruña e en Pontevedra nas eleccións xerais, a maioría absoluta do PPdeG no Hórreo verase seriamente comprometida.

O barómetro do CIS de novembro de 2025 situou a Vox no 18,8% fronte ao 22,4% do PP en intención de voto no conxunto de España. Se facemos unha regla de tres, Vox sacou un 12,38% de sufraxios o 23-X no conxunto do Estado e un 4,87% na Autonomía galega nesa mesma data, polo que ese 18,8% sería equivalente a aproximadamente un 7,39% de intención de voto de media nas catro circunscricións galegas. Tamén cómpre afirmar que en novembro de 2019 os de Abascal lograron un 15,08% no total español fronte a un 7,91% galego. Se facemos unha nova regra de tres, pero incluíndo o citado 18,8% dese inquérito, a intención de voto alt-right en Galicia estaría ao redor do 10% (9,86%). É dicir, posiblemente, Vox estaría rozando -ou mesmo conseguido- un deputado na Coruña e outro en Pontevedra se hoxe houbese comicios xerais.

Un forte ascenso, ou mesmo sorpasso, dos nacionalconservadores aos conservadores en España aumentaría considerablemente as opcións de Vox de romper o muro de formigón que os de Abascal experimentaron en Galicia nas eleccións autonómicas de 2020 e 2024.

Ben é certo que, tanto á dereita como á esquerda, o voto en Galicia é moi dual. Por exemplo, Ciudadanos (2015 e 2019) e Sumar (2023) lograron representación galega nas Xerais, mais nunca acadaron un parlamentario no Hórreo. Non obstante, Vox ten tres diferencias notables cos liberaldemocrátas e cos ecosocialistas:

- Unha parcela ideolóxica ben definida.

- O seu electorado só é competido co PP e a través do “voto útil”.

- Conta cunha sólida presenza institucional, mediática, dixital e social no conxunto de España, aínda que en Galicia a implantación territorial da dereita alternativa castelán-madrileñista sexa aínda feble.

Ademais, nesta comunidade a poboación estranxeira aumentou un 30% nos últimos catro anos, segundo o INE (outubro de 2025). Este organismo oficial sinala, ademais, que, se segue este ritmo, Galicia poderá superar os tres millóns de habitantes en 2030. Este fenómeno demográfico facilita o crecemento electoral de Vox, un partido que, a pesar de aceptar a inmigración ordenada, normalmente amosa unha actitude de desconfianza cara ao multiculturalismo.

Tal e como expliquei no artigo Doce mitos sobre a socioloxía política galega que convén desmontar, en Galicia atopamos sete espazos sociopolíticos que obterían cadansúa representación nun sistema mediático-electoral plenamente democrático (1,34% dos votos = 1 escano):

- Conservadurismo xenovés constitucionalista (78,34% do electorado do PPdeG, dacordo coas interpretacións demoscópicas deste colaborador).

- Soberanismo de esquerdas (BNG).

- Socialdemocracia constitucionalista (PSdeG).

- Ourensanismo de centrodereita (Democracia Ourensana), sempre que Jácome fose o candidato provincial, xa que teñen menos do 1,34%: 1,03% dos sufraxios o 18-F de 2024 e, precisamente, un 1,34% nas municipais de 2023.

- Nacionalconservadurismo/liberalismo conservador (Vox e 11,56% do PPdeG, como veremos máis abaixo na elaboración propia)

- Esquerda alternativa federalista (Sumar e Podemos).

- Nacionalismo galego de centrodereita (10,1% dos votantes do PPdeG, segundo o CIS de marzo de 2024, e tamén un sector moi minoritario de votantes do BNG).

Parlamento de Galicia. / Mundiario

No que respecta á órbita da dereita galega (PPdeG, Vox e DO), esta sumou o 50,58% (47,36+2,19+1,03) dos votos nos últimos comicios autonómicos, celebrados en febrero de 2024. Destacaron os de Alfonso Rueda con 711.713 sufraxios (40/75 escanos) fronte aos 34.045 de Díaz-Mella (0/75) e os 15.442 de Armando Ojea (1/75). Como podemos apreciar, incriblemente 677.668 votos e 45,17 puntos porcentuais separan a dous espazos sociopolíticos fronteirizos entre si: o do PP do birrete (típicamente xenovés e dominante en Galicia dende 2009) e Vox: se hai pouca distancia ideolóxica e moita diferencia de éxito (PP vs Vox), o risco para o partido gañador é maior a longo prazo.

Se retrocedemos ás xerais do 10 de novembro de 2019, 116.381 galegos votaron a Vox: o mellor rexistro dun partido de corte españolista-castelanista e de dereita alternativa na historia autonómica de Galicia. Tendo en conta que os de Abascal obtiveron 34.045 sufraxios en febreiro de 2024, hai en torno a (116.381-34.045) 82.336 votantes de Rueda que están na órbita ideolóxica ayusista e abascalista, os cales representan o seguinte dato cuantitativo: (82.336/711.713) *100=11.56% do corpo electoral aproximado do PPdeG. E, se temos en conta o último estudio de Tezanos (18,8% de intención de voto en España e ao redor dun 8%-10% (9,86%) galego para Vox, lembremos), proporcionalmente en Galicia hai na actualidade ao redor de 150.000 potenciais votantes de dereita alternativa: se 7,91%=116.381, 9,86%=145.071 persoas que puderen depositar a papeleta verde nas próximas lexislativas estatais. Inevitablemente, isto daría lugar a consecuencias nas próximas autonómicas. Se eses 116.381 electores nacionalconservadores galegos de novembro de 2019 (datos non demoscópicos, senón oficiais do Ministerio do Interior) abandonan o “voto útil”, a dereita radical sacaría ao redor de 6/75 escanos na cámara galega. É dicir, o PPdeG perdería a maioría absoluta, polo que se viría abocado a pactar co seu gran rival pola dereita. Isto traería consigo outro problema para os populares galegos: o 10,1% de votantes nacionalistas galegos de centrodereita (71.883 individuos, aproximadamente: un 4,78% do total de electores o 18-F) terían un dilema ao que non se enfrontaron ata o de agora: seguir votando a un partido que pacta cunha forza contraria á autonomía Galega ou elixir outras opcións ante a ausencia dunha candidatura situada nas coordenadas ideolóxicas do exconselleiro Xosé Cuíña: abstención, voto nulo, voto en branco, Espazo Común Galeguista, PSdeG ou BNG.

En definitiva, Galicia é a última das dezanove autonomías onde Vox xamais obtivo representación parlamentaria, mais esta situación está preto de mudar. Isto suporía un triple e grave problema estrutural para o PPdeG: competencia pola dereita, aprobación de normas controvertidas -froito dese hipotético pacto- e posible fuga dos votantes máis centristas e galeguistas. En todo caso, o que si que non perdería o PPdeG sería o poder na Xunta, xa que a dereita seguiría sumando maioría absoluta… mentres o BNG non modere e aclare algúns aspectos do seu programa (independentismo ou defensa do monolingüismo en galego no ensino), mentres Sumar e Podemos estraguen 32.025 votos para a esquerda e 2 escanos (18-F), mentres o PSdeG desaproveite o potencial electoral autonómico de Abel Caballero na provincia de Pontevedra e mentres esta organización socialdemócrata manteña unha posición sucursalista ante Ferraz e cainita entre si.

Pero este último xa é un tema distinto. @mundiario