Rúas e soños

Fragmento do retrato de Ánxel Casal feito por Díaz Baliño, en 1936.
Urxe frear este acelerado proceso de involución e denunciar os discursos de odio e de chamamento á violencia. Por Federico García Lorca e Ánxel Casal (e tantas outras persoas), asasinados con só unhas horas de diferenza en agosto de 1936.

É difícil enfrontarse a un papel en branco e non caer na tentación de escribir mil veces “Paren este xenocidio”, de recuperar ese antigo castigo escolar e facer que dirixentes mundiais –a comezar por Netanyahu e Trump– tivesen que poñer en milleiros de cadernos “Paz e xustiza para Palestina”, de condenalos a deambular eternamente polas rúas – como Sísifo, castigado a empuxar eternamente unha pedra que esvara por unha pendente – como homes anuncio con mensaxes de recoñecemento da súa responsabilidade sobre o drama que está acontecendo en Gaza. Así, até que rematasen de verdade por asumir a barbarie que están cometendo. Pasan días, semanas e meses e asistimos con desolación ás noticias dos milleiros de persoas falecidas, de fame, da desolación… E, tal e como  nos contan as noticias, mesmo parece que hai que agradecer a Israel que abra algún corredor humanitario onde os gazatís se enfrontan a perigosos percorridos para conseguir algo de comida para as crianzas. Mentres tanto, quen toma as decisións continúa bombardeando e sometendo o pobo palestino a un intento de borrado do mapa sen que a comunidade internacional reaccione con contundencia.

A estas alturas non abonda pedir paz ou axuda humanitaria. Cómpre pedir o cesamento total do fogo e levar aos tribunais internacionais a quen programou este masacre, a quen deseñou –coa complicidade de gran número de estados e poderes económicos– o exterminio dun pobo.

Mentres tanto, no Estado español hai quen aproveita para espallar mensaxes moi perigosas sobre a inmigración. Nunha espiral de involución que mete medo, a extrema dereita –coa inestimábel axuda da dereita– deita discursos de odio e violencia contra as persoas que tiveron que fuxir dos seus fogares pola fame, a miseria ou as guerras.

Na Galiza todas as persoas temos historias de emigrantes ás nosas costas. No meu caso na familia materna foron Venezuela e Uruguay os lugares de acollida durante décadas. Pola parte paterna, alá foi a miña madriña por Holanda e Francia, para rematar despois en Madrid, lugar onde xa naceu a miña curmá pequena e onde vive unha nova xeración. Polo medio está a historia dun primo que regresou da emigración enfermo e abatido, cunha tristura tal que apenas saía da casa agás para diante da porta en ocasións tocar a harmónica. Nunca máis puido traballar. Nunca falou do acontecido.

Por iso é ben estraño que haxa dirixentes políticos galegos –exerzan aquí ou en Madrid– que queiran desviar a atención para alimentar estereotipos, que practiquen discursos que xogan coa ambigüidade de recibir ben unhas persoas (as que tiveron fortuna ou chegan xa coa riqueza debaixo do brazo), mentres atacan outras, acusándoas de se situaren fóra do sistema. É inaceptábel, con todo o sufrimento padecido, que se busque vincular inmigración con delincuencia ou que se dean escusas de mala planificación na súa acollida para non colaborar cun drama humano cuxa orixe está no espolio secular que practicaron os países ricos con aqueles subdesenvolvidos. E non deixa de ser terríbel que a única solución que a dereita faga súa é a chamada á deportación.

Toca alzar a voz, como fixo o arcebispo de Santiago, contra a violencia racista e a criminalización colectiva. Entronca o seu chamamento coa sociedade compostelá, acolledora, hospitalaria, sabedora dos padecementos e desgrazas dos colectivos máis desfavorecidos e sempre solidaria. Afortunadamente aquí non cabe a crispación que existe noutros lugares do Estado español no referido á presenza de migrantes. Con todo, non deixa de preocuparnos a falta de contundencia con prácticas violentas que nos estremecen. Como tampouco nos é indiferente a suba de ton no ámbito político, tanto a nivel parlamentar como municipal, importando agresividade, demagoxia, descualificacións ou utilizando as redes para falsear a realidade.

Nestes derradeiros días do mes de xullo, a piques de entrarmos nese mes de agosto, mes da memoria democrática en que temos que visibilizar inxustizas, paseos, humillacións, asasinatos e represión, non podemos baixar a garda para proclamar que ningún ser humano é ilegal e que todos os pobos teñen dereito a vivir en paz no seu propio territorio. Mais tamén temos que traballar para que sempre e en calquera lugar paguen aqueles que cometeron crises de lesa humanidade e para que se coñezan os nomes e as atrocidades que, moi concretamente, realizaron os vencedores dese fatídico 1936.

“Calles y sueños”, rúas e soños, é o título da parte III de Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca. Tamén é o nome dun tema da pianista Aida Saco Beiroa, rianxeira de raíces compostelás afincada estes últimos anos, para completar a súa formación, nesa cidade estadounidense. Son poemas para ler devagar e entender con profundidade o choque lorquiano cunha cidade e un contexto agresivo e dramático, que provoca berros e náuseas.

Urxe frear este acelerado proceso de involución e denunciar os discursos de odio e de chamamento á violencia. Por Federico García Lorca e Ánxel Casal (e tantas outras persoas), asasinados con só unhas horas de diferenza en agosto de 1936. @mundiario