A primeira biografía de Otero Pedrayo
Se o libro Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacimento, editado por Galaxia en 1958, coincidindo coa xubilación de don Ramón como catedrático de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, constitúe a primeira aproximación colectiva a esta nosa grande personalidade, e o número 52 da revista Grial, publicado en 1976, tras o seu pasamento, talvez a primeira ocasión que moitas e moitos tivemos de aproximarnos á figura de Otero a través do que outras persoas de recoñecido prestixio pensaban e dicían da súa vida, da súa obra e do seu pensamento, a biografía que escribiu Carlos Casares sobre o polígrafo ourensán, e que deu ao prelo Galaxia en xuño de 1981, foi durante anos, sen dúbida algunha, a mellor porta de entrada a don Ramón Otero Pedrayo.
Non é estraño que con ese libro levara Carlos Casares en 1977 o Primeiro Premio Ramón Otero Pedrayo, convocado polas catro deputacións galegas, cun xurado onde estaban, entre outros, Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro, Celestino Fernández de la Vega e Marino Dónega.
OS ESTUDOS SOBRE OTERO PEDRAYO
Desde entón até hoxe a bibliografía sobre o mundo oteriano non deixou de medrar ano a ano, igual que a reedición da súa obra. Despois do libro de Carlos Casares, e a partir da segunda metade dos oitenta, foron chegando ás nosas mans outras importantes publicacións, como o extra de A Nosa Terra, en 1987, a biografía de Xosé Ramón Quintana e Marcos Valcárcel, publicada en Ir Indo en 1988, un conxunto de artigos de X.L. Méndez Ferrín, Co son honrado das antigas falas, publicado en 2001 pola Fundación Otero Pedrayo, ou a obra de Carme Fernández Pérez-Sanjulián A construcción nacional no discurso literario de Ramón Otero Pedrayo, que apareceu en edicións A Nosa Terra en 2003. Por citarmos só algúns títulos.
Desde o ensaio de Carvalho Calero “Ramón, príncipe de Aquitania”, publicado en 1958, até o estudo de Arredor de si de Manuel Castelao Mexuto, que veu a luz en Edicións Laiovento en 2022, a obra de Ramón Otero Pedrayo non deixou de merecer a atención de moi diversos e destacados autores. E agora Nós Diario vén de anunciar para o mes de abril o coleccionábel “Nación Otero”, coordinado pola profesora Pérez-Sanjulián, que felizmente ha de permitir achegar unha visión actualizada e integral da figura de Otero a varios milleiros de persoas.
O XÉNERO EPISTOLAR
Por suposto, tanto o corpus creativo de Otero Pedrayo, case inabarcábel, como os estudos sobre a súa personalidade, nos últimos anos víronse enriquecidos, ademais, con diversos libros que recollen a súa voluminosa correspondencia coa nai, con dona Eladia Pedrayo, ou con amigos como Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero ou Francisco Fernández del Riego, sen ignorar outras moitas cartas con Castelao, Virxinia Pereira, Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro ou Manuel María. Até un rapaz novo nos anos setenta como era a aquela altura Felipe Senén posúe algunhas cartas dirixidas a el por aquel mestre de oitenta e moitos anos que fora membro das Irmandades da Fala e o último presidente do Seminario de Estudos Galegos e que era nese momento o último supervivente da Xeración Nós e o último deputado galego nacionalista das Cortes Constituíntes.
Cómpre recoñecer aquí, así mesmo, a difícil e inmensa tarefa de transcribir todas esas cartas de don Ramón –que escribía sempre á man naquela letra tan miudiña e moitas veces non doada de comprender--, unha empresa que levou a cabo a profesora Patricia Arias Cachero, sen dúbida a persoa máis familiarizada coa letra de Otero Pedrayo e tan leal ela ao espírito oteriano. E non só transcribiu, senón que elaborou as interesantísimas notas que acompañan cada carta, máis de 800 notas, por exemplo, no epistolario con Del Riego, que conforman unha mina de información sobre Otero e o seu tempo e que fan de Patricia Arias unha das maiores autoridades no coñecemento da personalidade de Otero Pedrayo.
O LIBRO DE CARLOS CASARES
Mais regresemos á biografía da autoría de Carlos Casares, que a nós séguenos a parecer un libro imprescindíbel para achegar a calquera lector ou lectora á figura de don Ramón. Casares era un magnífico biógrafo, porque ía ao esencial e escribía case como se estivese elaborando un relato, procurando sempre, en cada páxina, non caer na investigación fría e académica, que seguramente pode ser moi interesante para os estudosos, mais de moi escaso gozo para unha persoa que non se dedica á investigación ou ao ensino, que só é lectora, que é o que tanto precisa a literatura galega hoxe en día, lectores e lectoras que de verdade desfruten cos libros. Carlos Casares lograba en todas as biografías que el fixo que foran biografías con alma, lecturas tan deliciosas como os seus relatos e as súas novelas. Iso só o pode facer quen á súa vez é un extraordinario narrador de historias.
O autor de Deus sentado nun sillón azul non renunciou nunca ao rigor académico e a ningunha fonte que fora imprescindíbel coñecer para elaborar o seu traballo, nin tampoco á profundidade analítica dunha obra ou dun pensamento –non esquezamos que na orixe das súas biografías sobre Vicente Risco e Otero Pedrayo está o seu proxecto, logo abandonado, dunha tese de doutoramento sobre os escritores da Xeración Nós–, pero o resultado da súa escrita é un texto dunha extraordinaria claridade, dunha singular limpeza estilística, onde tamén está moi presente a arte de contar, que é algo que moi frecuentemente outras persoas que investigan e que teñen amplos saberes non dominan ou simplemente non procuran.
OS ANOS DA VELLEZ
Así describe Carlos Casares o vivir de don Ramón no seu piso da rúa da Paz ou na Casa Grande de Cimadevila, nas terras de Trasalba, cando vai xa cara aos seus oitenta anos:
“os fantasmas da vellez e da soedade fanlle carantoñas desde lonxe. Non lle faltan nin a compañía nin o agasallo dos amigos, pero o convencemento de que a sua vida, por moito que dure, se vai achegando irremediablemente ao final, prodúcelle sentementos de anguria. O gozador universal que según a fina observación antropolóxica de García-Sabell fora Otero (gozaba cos dons materiais da vida, coa contemplación da paisaxe, coa amistade, coa conversa) non podía mirar a vellez e a morte de outra maneira, aínda a pesar da sua firme fe relixiosa. Por outro lado, a idea de que a sua vida é xa un ir contra corrente, prodúcelle ás veces un sentemento de caducidade e de tristura. Sábese querido e admirado, a sua persoa suscita un respeto unánime, a crítica implacable dos mozos máis radicais é relativamente benévola con el, ninguén pon en duda a importancia da sua obra, a exemplaridade da sua conducta é recoñecida por todos, pero a sua desperta intelixencia non lle permite ignorar a realidade de saberse e sentirse un home de outro tempo”. @mundiario