O pequeno Universo na arañeira
Sonsoles Piñeiro era unha intelectual recoñecida e apraudida no seu país e na universidade de Berkeley. Non embargante, tiña problemas psicolóxicos de saudade porque, aínda que adicou a súa vida á ciencia, ao ser adoptada, xamáis foi quen de formar unha familia. De feito, especializouse no estudo dos artrópodos por mor dun trauma infantil: unha tarde, durante horas, mentres xacía no berce, unha araña no fío descendía lentamente desde o teito cara a ela coma un axóuxere. Este recordo bloqueado volvía a ela en forma de suorosos pesadelos… Piñeiro foi homenaxeada en vida e soterrada no cemiterio da súa vila, Lalín, nunha cerimonia íntima.
Paralelamente á súa formación, transcorría o boom xenetista que non lle foi indiferente. Tamén, debatíanse a partícula “de Deus” e a filosofía dunha aínda misteriosa materia escura… Eran tempos de debate e descobertas.
Ela é por toda a escena académica coñecida por un aporte literario que é hoxendía un libro de culto, unha xoia imprescindible titulada O pequeno Universo na arañeira, obra deste século precursora de moita máis literatura e discusión, non só no ámbito estudiantil senón inspiración dun novo xénero literario que os aficionados bautizaron como “ciencia paixón”.
Todo comezou no verán de licenciatura, cando Sonsoles, de vacacións en Hawaii, coñeceu a un mozo que estremeceu o seu corazón. Un traballador madrileño do CSIC que preparaba un estudo estatístico de doenzas mutantes. Foi con todo romanticismo que os dous conectaron, entre o surf e o alcol, naquela paixón pola adeviñación científica… Quizáis, ao se ver lonxe da responsabilidade, foi que chegaron a esta abstracción.
─ As hebras do ADN, tecidas nunha tela. Iso é o que practica a miña nai até o Nadal. Eu bícolle na fronte e, nese intre, todo fúndese a escuro. Mais un remuíño de enerxía actívase e atráense os corazóns- murmurioulle Tomás a Sonsoles, cando ela abriuse a el.
Estaban tumbados na area, ollando o ceo por entre as palmeiras.
─ O universo é unha arañeira. O universo é un fractal! ─ aventurou ela.
Así que, en intimación e descoberta, digamos que Sonsoles foi unha viúva negra para Tomás, xa que, entre prácticas de amor, extraeu o seu ideario para a tese doutoral.
Así e todo, a investigadora traballou en laboratorios de todo o planeta, decorrer que, sentimentalmente, abstraeu máis a súa noción de raigame.
E chegou, máis de dez anos de vida despóis da relación, o reencontro. Tomás chamoulle un domingo á mañá:
─ Amor, non es ningunha rara. Acórdaste da pequena Fluffy Arachnid da Selva Negra? Aquela que foi atopada nunha xema, a que vimos no British Museum… Puidemos clonala. Témola nun viveiro, e é ouro! Sonsoles: teño que dicirche que hai un xen que compartimos con esta araña… O Jj7F. O xen que provoca a morte natural, o Jj7F, provén desta araña!
Sonsoles colgou o teléfono, era todo o que tiña que saber.
“É finalmente que o Deus castigador eterno e vingador é unha araña mostruosa. Nunca albiscada por ningunha sonda espacial, pois habita a materia escura. Constátase que as almas da Humanidade van caendo na súa tela, alí atrapadas, formando un conglomerado. É dicir, que Deus é un ser maligno”, exprésase nas páxinas de O pequeno Universo na arañeira. Nel, tamén especifica que a vida é un bucle pechado. “As frecuencias da tristura alcanzan estas redes, de xeito que, ao friccionar, volven á atmósfera terrestre en forma de auga alcanizada. Ao contactar unha soa pinga na pel dunha persoa, actívase a fertilidade”. Sonsoles Piñeiro asegurou que existe unha cantidade cíclica de almas que nin se crean nin se destrúen…
Ora ben, pasou á historia a dramática defunción da investigadora… Non foi senón nun restaurante de Tui (aínda que a investigación forense extraeu que procedeu do coche, adquirida dunha visita a O Rosal) que a muller comezou se atopar mal, febril:
─ Abrir as ventás, que corra o aire, meu Deus! ─ exclamou antes de se desmaiar.
Os presentes relatan que, na agonía, sacudía as mans e as pernas querendo gatear.
Sonsoles era alérxica ás picaduras de araña. @mundiario