Pechando o Ano Castelao
Xa contei nalgunha outra ocasión que en 1975, coincidindo co 25 cabodano da morte de Castelao no exilio, e, naturalmente, co ditador aínda no Pardo, un periódico galego de orientación católica como El Ideal Gallego publicou un número monográfico dedicado a Castelao con colaboracións dalgunhas das figuras máis destacadas do novo nacionalismo galego, como eran Xosé Manuel Beiras ou Francisco Rodríguez. Incluso anteriormente, en 1972, ese mesmo periódico, publicou un número extraordinario baixo o título “Sempre en Galiza” cuns versos de Salvador García-Bodaño na portada. Todo isto non sería posíbel se na redacción dese medio non estivesen persoas como os xornalistas Rafael González ou Xosé Antón Gaciño, por certo, ningún dos dous galegos. O primeiro nado en Sevilla e o segundo en Cádiz.
Non hai moito o xornalista e fotógrafo Xan Carballa recuperou para todos e todas nós outra xoia do xornalismo: un número do semanario madrileño Signo, da xuventude de Acción Católica de España, de decembro de 1966, todo el dedicado a Galiza, con textos de diversos autores galegos, desde don Ramón Otero Pedrayo a Xosé L. Méndez Ferrín ou Bautista Álvarez. Curiosamente neses anos o director daquela revista era tamén Rafael González.
Atopar hoxendía na da prensa galega escrita algo semellante ao que fixo naquelas épocas Signo ou El Ideal Gallego é realmente imposíbel, fóra do coleccionábel que editou Nós Diario baixo a coordinación da profesora María Pilar García Negro e no que colaboraron as persoas que mellor coñecen aquí e agora a figura e a obra de Castelao.
Eu deste Ano Castelao quédome coa exposición de fotografías de Xan Carballa e co magnífico catálogo que se editou con motivo desa mostra, que aínda que se inaugurou en 2024 no Museo de Pontevedra, clausurouse no Museo do Pobo Galego este verán, xusto no lugar onde se fixeran moitas das fotos que figuraban na exposición. Un, que estivera presente en Bonaval aquel 28 de xuño de 1984, emocionouse de novo ao ver en imaxes a crónica fotográfica daquel día, igual que o fixo vendo recentemente máis unha vez o vídeo da traída dos restos de Castelao na voz de Tareixa Navaza, algo que non fora posíbel pola coraxe da xornalista e tamén pola valentía e a firmeza do entón director do centro territorial de TVE, o poeta Alexandre Cribeiro. Os dous sufrirían moi pronto a represión por dar testemuña en directo e sen manipulacións daquel acontecemento histórico. Aquela emocionante retransmisión con imaxes da brutal carga contra os alí concentrados, coa lectura de anacos do Sempre en Galiza e coa lectura dun artigo do poeta Uxío Novoneyra que debería aparecer na prensa ao día seguinte, dificilmente o poderiamos ver hoxe.
Este pasado sábado asistín en Compostela ao Simposio Castelao, organizado pola Fundación Galiza Sempre e o BNG, no que interviron unhas vinte persoas coñecedoras da traxectoria humana, política e intelectual de Castelao. Estou seguro que foi o acto máis masivo que houbo durante todo o ano no conxunto do país, con máis de 350 persoas. Ao entrar agasalláronnos cun libro extraordinario: Castelao, deputado nacionalista. Intervencións nas Cortes españolas (1931 e 1933). Os discursos están traducidos ao galego e veñen, ademais, con estudos introdutorios de varios especialistas. Do desenvolvemento da xornada só quero destacar aquí o cariñoso recoñecemento que se lle fixo á xornalista Tareixa Navaza e as súas lúcidas e emocionadas palabras, para min o momento cume do Simposio.
Remata o Ano Castelao e observamos con enorme tristeza como foi outra oportunidade perdida para dar a coñecer a inmensa figura de Castelao ao conxunto da sociedade. Mentres desde as institucións que deberían estar ao servizo do país non se acredite no propio país nin se acepte como imprescindíbel o coñecemento da traxectoria intelectual e política de Castelao, seguiremos sen podernos achegar á súa figura e á súa obra como corresponde por parte do pobo galego que el tanto dignificou e con tanto prestixio representou no mundo enteiro, desde a Unión Soviética a Nova Iorque, desde Cuba a París, desde Madrid a Buenos Aires. @mundiario