Paco García, sempre co seu sorriso e optimismo
Así o definiu Ana Pontón nas súas primeiras palabras escritas tras coñecer a inesperada e tristísima noticia que nos chegou desde Allariz: “Doe profundamente a morte de Francisco García. Marcha un exemplo de compromiso con Galiza, de xenerosidade e humanidade. É unha das persoas que máis admirei e das que máis aprendín no BNG, sempre co seu sorriso e optimismo”.
Todas as persoas que ao longo das últimas décadas tivemos a fortuna de coñecer e tratar, pouco ou moito, a Francisco García, o Paco de Allariz, poderiamos subscribir unha por unha esas palabras de Ana Pontón. A súa traxectoria política e humana foi e será sempre un espello onde nos temos que mirar os demais, porque o seu exemplo como militante, dirixente e cargo público do BNG constitúe unha auténtica cátedra de amor ao país e de entrega política sen límites, procurando en todo momento, mesmo nos debates máis acalorados, o rigor, a serenidade e a ponderación, o que o fixo acredor do respecto, do aprecio e da admiración do conxunto da militancia nacionalista de todas as sensibilidades e de todo o país, tanto de militantes de base como das figuras máis destacadas. Para todos e todas nós Francisco García era un home dunha grande talla política, un mestre, cunha autoridade moral que poucas persoas alcanzan, e era, ademais, unha belísima persoa, das que se fan querer nada máis coñecelas.
De Allariz pode facerse un tratado de teoría e praxe política nacionalista. O Modelo Allariz é xa un dos fitos históricos do nacionalismo galego contemporáneo. Para comezar, foi alí onde, co ditador aínda vivo, se logrou organizar e celebrar en xaneiro de 1975 talvez a primeira homenaxe a Castelao, sorprendentemente coa correspondente autorización do Goberno Civil da provincia de Ourense, unha homenaxe que acabou sendo un acto político de afirmación nacionalista, un verdadeiro mitin, o primeiro, por certo, ao que asistiu un mociño de quince ou dezaseis anos que todos coñecían por Quin.
Allariz foi a primeira grande ilusión do nacionalismo. Demostrábase que con ideas, traballo e honradez os soños eran posíbeis. O BNG sabía gobernar
Entre aquelas persoas que impulsaran aquel histórico acto de reivindicación de Castelao como político nacionalista estaban, claro está, Alfredo Suárez Canal e Francisco García. Pouco despois, estes tres alaricanos, Alfredo, Paco e Anxo, convértense en referentes políticos, non só no Concello de Allariz, senón en todo Ourense e en toda Galiza. Alfredo Suárez Canal será xa concelleiro en Allariz e deputado provincial no primeiro mandato democrático, tras as eleccións de 1979. Francisco García e Anxo Quintana entran no Concello de Allariz en 1983 e ambos protagonizan, con toda a veciñanza, unha revolta popular que os leva ao goberno da Vila en 1989, exercendo Anxo Quintana o cargo de alcalde e Francisco García o de primeiro tenente alcalde. Allariz foi a primeira grande ilusión do nacionalismo. Demostrábase que con ideas, traballo e honradez os soños eran posíbeis. O BNG sabía gobernar. Amplos sectores da sociedade galega comezaron a pronunciar o nome de Allariz con orgullo e mesmo con envexa.
Os tres coincidían no ideario, na militancia política, primeiro na AN-PG e no BN-PG e logo no BNG, mais tamén en algo que é fundamental para facer avanzar as ideas na sociedade e para transformar a realidade: a visión social da política, unha visión máis aló do ideolóxico. Iso foi o que lles permitiu estender o nacionalismo por todo o territorio de Ourense, mobilizar o campo, tan importante aínda nese momento, acadar uns resultados francamente magníficos nas primeiras eleccións municipais, e desde o 89 facer de Allariz unha referencia municipal para todo o país e incluso para concellos doutras latitudes. Detrás de toda esa inmensa obra política estivo sempre Francisco García, como concelleiro primeiro, despois como Alcalde, durante catro mandatos consecutivos con maioría absoluta, e sempre, sempre, como un militante máis, até a derradeira asamblea local á que asistiu.
Non se pode comprender o nacionalismo galego contemporáneo sen o papel que desempeñaron desde os anos setenta nas diferentes organizacións nacionalistas, nos órganos de dirección do BNG e na política institucional galega Alfredo Suárez Canal, Francisco García e Anxo Quintana, os dous primeiros, ademais, militantes da UPG. E nunca, nunca, ao longo de tantísimos anos, o debate político quebrou a súa profunda amizade, porque os uniu sempre non só o amor e a entrega ao país, senón tamén esa irmandade que nace alén das ideas, que sae do corazón e que é inquebrantábel. Teño a certeza de que ese sentido da amizade é o máis belo que posúen os seres humanos, o que de verdade engrandece a calquera persoa. Tamén niso nos deron un exemplo a todas e todos nós.
Se a todos nos doe a morte de Francisco García, imaxínome ben que amargas serán estas horas para os seus amigos de toda a vida. Talvez ninguén o expresou mellor que Antón Avilés de Taramancos: como doe “a ausencia do amigo / e esa dor de non verte”. Roi, claro que si, lembrarémolo sempre co seu sorriso e optimismo. @mundiario