Os libros de 1976
1976 foi un ano dunha grande formada editorial para as letras galegas e para o descubrimento do noso propio país. Só hai que lembrar algúns títulos: a primeira edición do Sempre en Galiza en Akal Editor, aínda incompleta (a obra co texto íntegro de Castelao, que reproducía a de Buenos Aires de 1961, sairía ao ano seguinte); Conflito lingüístico e ideoloxía en Galiza, de Francisco Rodríguez, en Edicións Xistral, do que un importante crítico literario dixo naquel momento que era “a primeira achega do marxismo galego ao estudo do conflito lingüístico na nosa sociedade”, ou a reedición de obras fundamentais da nosa literatura, como Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, Terra brava, de Ánxel Fole ou Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco-Amor.
Outros títulos que apareceron ese ano foron Galou, Z28, de Lois Diéguez, un libro que significaba non só un grande paso adiante na consolidación dun magnífico novelista das novas xeracións, senón tamén unha achega moi valiosa á renovación da narrativa galega; os Ensaios II, de Domingo García-Sabell, con textos sobre o erotismo absolutamente revolucionarios naquela altura, como moito despois recoñecerá unha autora feminista como María Xosé Queizán; a novela Antón e os inocentes, de Méndez Ferrín, onde o de Vilanova dos Infantes nos volvía a sorprender coa súa prosa poderosa, brillante e inconfundíbel; un pequeno-grande libro como Los gallegos, editado en Madrid en Ediciones Istmo, onde a través de máis de cincocentas páxinas, cun claro contido científico e enciclopédico, catorce destacadas personalidades da cultura galega nos achegaban á realidade poliédrica de Galiza; e, por suposto, tres poemarios que renovaron radicalmente a poesía galega, dándolle un altísimo voo: Seraogna, de Alfonso Pexegueiro, Mesteres, de Arcadio López Casanova, e Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín.
A LEDICIA DE LER
Para un mozo de dezaseis anos coma min, que andaba a descubrir o seu país con verdadeira paixón e que os poucos cartos que me daban na casa metíaos en libros, lembro perfectamente que en 1976, aquel ano no que estabamos aínda a saír da ditadura, case lin toda a literatura galega que se publicara ao longo de varias décadas e que por primeira vez estaba ao meu alcance. Eu seguía semana a semana “A ledicia de ler”, a sección a través da que Carlos Casares tanto orientou as nosas lecturas desde 1975. Era ler o seu artigo, recortalo e un, dous ou tres días despois adquirir o libro que Casares acababa de comentar nas páxinas de La Voz de Galicia. Non sei se a mocidade de hoxe fai así despois de ler as recensións críticas de Ramón Nicolás, Vicente Araguas, Armando Requeixo ou Xulio Valcárcel, que tantos centos de artigos levan escrito sobre libros. Non sei sequera se os len. Cambiaron os tempos, as ferramentas de coñecemento e, sobre todo, os valores e as paixóns que nos movían a moitos e a moitas nos anos setenta. E dígoo non con nostalxia, senón con tristeza, porque se non temos a ilusión de coñecer o noso propio país tamén a través dos libros, dificilmente seremos intelectualmente galegos, que é algo fundamental para sentirnos parte dun pobo e copartícipes dunha longa historia colectiva por sermos unha nación no mundo.
UNHA DUCIA DE GALEGOS
De todos aqueles libros do 76, talvez do que máis me nutrín foi de Unha ducia de galegos, de Víctor F. Freixanes, publicado en Galaxia. Debeu ser, ademais, un dos poucos que lin nunha biblioteca, día tras día, xa que eu sempre fun de librería, non de biblioteca. A miña paixón non só era a lectura de todo canto caía nas miñas mans, senón ir facendo unha biblioteca libro a libro. E ese libro, non sei ben porqué, tardei en mercalo uns anos. Mentres non me puiden facer con el, ía a unha biblioteca e tomaba notas. Pero aínda hoxe é dos que máis revisito.
O libro de Freixanes chegou a nós cando tiñamos todas as interrogantes sobre a nosa memoria histórica, mesmo sobre o noso pasado máis inmediato. Aquel libro de conversas foi realmente o noso primeiro libro de historia contemporánea de Galiza, contada por moitos dos seus protagonistas. Alí estaba don Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro e media ducia de persoeiros máis. Hoxe diriamos que era un libro incompleto, con ausencias importantes e sen a presenza dunha soa muller. Mais para min, naquel momento da adolescencia, era un libro que se bebía, que saciaba a miña sede de saber, a miña curiosidade polos tempos da República, pola historia do galeguismo e pola cultura galega en xeral.
O libro de Freixanes, cunha introdución a cada conversa que era xa a fermosísima prosa dun narrador que axiña se metería de cheo na literatura creativa e coas preguntas propias dun brillante xornalista moi mozo con cultura de país, non só nos permitía descubrir ou coñecer mellor o perfil biográfico daquelas nosas grandes figuras, senón tamén a historia máis recente da nosa nación desde diferentes vivencias persoais e desde moi plurais ópticas ideolóxicas. Con este volume asistiamos, ademais, ao inicio dun xénero xornalístico-literario na nosa lingua que nos axudaría a reconstruír o noso pasado como país a través da memoria viva dalgúns dos seus principais protagonistas e que a partir da década dos oitenta frutificou en libros de longas conversas, un dos primeiros e máis exitosos o dedicado ao profesor don Ricardo Carvalho Calero.
Pasaron cincuenta anos da primeira edición de Unha ducia de galegos e aínda hoxendía se pode ler o libro case coa emoción da primeira vez, porque aquelas entrevistas non tiñan a caducidade do efímero, da simple actualidade, do que xa carece de interese ao día seguinte. Era un libro moi oportuno e necesario naquel momento e é un libro que gozamos inmensamente da súa lectura cada vez que o lemos: “Otero bebe o café con leite nunha taciña de louza inglesa. Non hai luxo: a taza é antiga coma os muebles, a casa, a madeira gastada das escaleiras, o pano das sillas. Eu bebo güisqui con dous cubiños de xelo. Cousas da mocedade”. @mundiario