O outro Lamine
Cousa I
"Quero durmir nunha cama e ducharme ben", explicou Lamine, un mozo senegalés. Desaloxado do instituto B9 en Badalona, a orde ditada polo xulgado obrigaba o Concello a prestar atención de emerxencia social a el e as outras 400 persoas que foron desafiuzadas. Mais García Albiol (PP) dixo que non, que o Concello non ía gastar "nin un euro" en procurar alternativa habitacional para seres humanos aos que condenaba a durmir á intemperie, nunha época do ano marcada polas baixas temperaturas.
Non é demagoxia, é pura descrición da realidade. Hai outro Lamine (o seu testemuño léoo no xornal Ara). Hai outro Lamine e as súas condicións de vida son as que son e á vista está o que fai, para as mellorar, o partido que pretende gobernar no Estado e que goberna Galiza desde 2009.
O outro Lamine só quere durmir nunha cama, non ao frío ar libre, exposto a sofrer hipotermia. Quere iso e ducharse ben.
Non seremos unha sociedade decente mentres non recoñezamos igual dignidade humana a todas as persoas e mentres non asumamos que non existe ningunha persoa ilegal.
Cousa II
O xornalismo de declaracións –A dixo B, B dixo Z– é xornalismo, mais é o menos xornalismo posíbel.
Cousa III
Entro nun baño e leo: "Say less". Xusto a brevidade –mesturada con clareza– pola que devezo.
Cousa IV
Realmente o obxectivo do PP en Estremadura non era a maioría absoluta, nin gañar autonomía a respecto de Vox: era evidenciar a extrema debilidade do PSOE e aumentar a presión sobre Sánchez.
Obxectivo conseguido.
Cousa V
Hai catro cancións de Lux que só podes escoitar se mercas o disco físico. Non as tes nin en Spotify nin en ningunha plataforma. Intelixente estratexia. Canto a min, só escoitei unha das universalmente dispoñíbeis: Cristo a deitar bágoas diamantinas. Ben, embora me pareceu que a talentosa intérprete catalá sobreactúa de máis.
Cousa VI
En X, @IrishUnity escribe atinadamente: "Xesús naceu en Palestina. Foi un refuxiado, cuxos pais se viron obrigados a abandonar o seu lar. Viviu nun país ocupado e foi crucificado polo Imperio".
Con ese retrato choca a súa apropiación pola dereita, pola que é directamente xenófoba e pola que está disposta a pactar coa que é directamente xenófoba. @mundiario