O Dépor é da Coruña
Cousa I
Pois si. Éo desde 1906. O Dépor é da Coruña. E agora felizmente todo indica que vai ser así tamén no nome oficial do clube. Décadas de reivindicación das e dos seareiros deportivistas –co empurrón final da magnífica iniciativa do IES Rafael Dieste Aquí tamén se fala– van virar nun novo chanzo adiante para a normalización da nosa lingua.
Ora, agardo que a resultante sexa finalmente Deportivo da Coruña, non Deportivo de A Coruña, que non vos é o mesmo.
Cousa II
Continúo con temas lingüísticos. Declárome fan dunha conta de Tik Tok, a de Marcos Neves, profesor na Universidade Nova de Lisboa. Fala basicamente da lingua portuguesa... e da súa estreitísima relación coa galega (non deixan de ser dúas formas distintas da mesma substancia). O último que lle vin foi un vídeo en que relataba o xeito específico en que no galego-portugués ou no portugués-galego se responden as preguntas, non co adverbio si, senón repetindo o verbo de quen pregunta.
– Gostou vostede do vídeo?
– Gostei.
Cousa III
O PP, contrario á regularización masiva de inmigrantes promovida pola Igrexa católica. Repito: promovida pola Igrexa católica. Ergo, entre Trump e Prevost, o PP elixe Trump.
Cousa IV
Xogar con Lamine Yamal é literalmente xogar con doce.
Mais ás veces non chega nin xogando con doce.
Cousa V
Prisa coida moi ben os seus escritores. E fai ben. Imposíbel ser lector de El País ou ouvinte da SER e non saber que Eduardo Mendoza vén de tirar do prelo un novo romance.
Cousa VI
Vou tomar un café a La Barra (Rúa Xoán XIII, AC) e soa a voz cavernosa de Tom Waits a interpretar Bella Ciao, con Marc Ribot á guitarra. Temazo. Waits acaba de quitar un tema anti-trumpiano (val dicer, anti-fascista, anti-racista) con Massive Attack: Boots on the ground. Benzón! @mundiario