Nin coa axuda de san Froilán, señor Besteiro

Alfonso Rueda, Ana Pontón y José Ramón Gómez Besteiro. / Mundiario
​O PSdeG-PSOE precisa un baño de realidade e aceptar que xa lle pasou o sol pola porta para liderar o cambio político en Galiza.

Máis unha vez –e xa van moitas– hai que escoitarlle a un dirixente do PSdeG-PSOE que o cambio político en Galiza só virá ou só é posíbel se o lidera o partido socialista. Dicir iso en 1985, cando o partido socialista, con Fernando González Laxe, acadou 22 escanos e o nacionalismo, no seu conxunto (BNG e PSG-EG), só contaba con 4 escanos no Parlamento galego, pois era abolutamente normal. Mais dicir iso agora mesmo, cando o señor Besteiro encabeza un grupo parlamentario de 9 escanos fronte aos 25 escanos do BNG, non só non é críbel, senón que é de risa, e o que é peor: ese discurso político resulta desmobilizador para moita xente de esquerdas que si quere o cambio, porque o que moitas persoas interpretan é que realmente o PSdeG-PSOE, como hai tempo que non está en condicións de liderar o cambio político en Galiza, xa non vai traballar activamente para que se produza, como xa aconteceu nas últimas eleccións galegas.

Calquera persoa que coñeza a política desde abaixo, desde o territorio e desde a xente do común, sabe que no electorado galego hai masa crítica para o cambio político, unha masa crítica que nunha parte moi maioritaria non está tan preocupada por quen ten que liderar o cambio político, senón porque este se produza. Sempre houbo unha maioría social que nunca votou por Albor, por Fraga, por Feixoo ou por Rueda. O que sucede é que esa maioría social non sempre se transformou en maioría parlamentaria na Cámara galega. A primeira vez que iso aconteceu xa foi en 1985, cando quen realmente mandaba en Coalición Galega obrigou a esa organización a dar o seu apoio a Albor, aínda que fora na terceira votación. Claro que o PSdeG-PSOE naquel momento tampouco tiña demasiado interese en facerse cargo da Xunta. Só o PSG-EG propuxo con verdadeira convicción a posibilidade dun “goberno de progreso”. Os números daban e o mapa político galego seguramente sería moi diferente se desde o comezo da segunda lexislatura se consolidase un goberno alternativo á dereita conservadora.

O TRIPARTITO

A segunda oportunidade para reforzar unha maioría diferente á do Partido Popular foi co goberno tripartito (1987-1989). Mais durante aqueles dous anos o PSdeG-PSOE non foi quen de actuar coa coraxe política necesaria para levar a cabo unha verdadeira política transformadora do país, xa que ademais de carecer de programa de goberno (o tripartito foi un simple reparto de consellerías) non deixou de estar permanentemente atado ás decisións políticas da Moncloa. Limitouse a facer o discurso da modernidade do país e fuxiu de toda confrontación co Goberno central para a defensa dos intereses galegos. Nin sequera se atreveu a aprobar o Instituto de Crédito Galego, que por dúas veces propuxo Carlos Mella. Pero o máis grave foi que a dirección estatal do PSOE preferiu abrirlle as portas da Autonomía galega a Manuel Fraga para darlle aquí o seu retiro político que respaldar ao propio candidato do PSdeG-PSOE para consolidar aquel goberno alternativo ao conservador. Abonda lembrar que Felipe González tardou catro meses en recibir en audiencia na Moncloa ao novo Presidente da Xunta de Galicia e que en ningún momento pisou Galiza para respaldar a González Laxe na campaña electoral de 1989. Finalmente Manuel Fraga gañaría aquelas eleccións por un único escano de diferenza. A responsabilidade do PSOE no asentamento do PP nas institucións galegas é un feito histórico que frustrou un novo ciclo político cunha maioría socialista e nacionalista e unha unha Galiza diferente desde 1989, cando ademais o país estaba en mellores condicións para construír outro futuro.

Hai que dicir aquí que nese momento, meses antes desas eleccións, cando se confirma que Manuel Fraga vai ser o candidato do PP, o BNG xa manifesta a súa disposición a apoiar un goberno de coalición, e de feito fai públicos doce puntos para unha negociación para un pacto de lexislatura. Esa foi a posición do BNG incluso antes de ter grupo propio no Parlamento galego: situar o país por riba de todo. Pola contra, cando o BNG dá o sorpasso en 1997 e se converte en segunda forza política, a actitude do PSdeG-PSOE foi negar un día e outro a posibilidade de apoiar un goberno galego que estivese presidido por un nacionalista, desmobilizando dese xeito ao electorado máis progresista e colocando como prioridade política simplemente recuperar a segunda posición. O PSOE, como aparato do Estado, non podía colaborar a que Galiza pasara a ter outro presidente máis dunha comunidade autónoma dunha forza política nacionalista. Antes diso sempre preferiu que gobernara a dereita. Isto non é unha opinión, é un dato empírico. Só hai que ir á hemeroteca e ver os titulares.

O PSdeG-PSOE, EN CRISE PERMANENTE

Todos sabemos que desde a derrota do bipartito, en 2009, o PSdeG-PSOE xa non foi capaz de restaurar a unidade interna como partido nin de lograr un liderado forte como o que tivo con Emilio Pérez Touriño. E aí segue, en crise permanente. Sinceramente, creo que ao PSdeG-PSOE xa lle pasou o sol pola porta para liderar o cambio político en Galiza. Nin coa axuda de san Froilán iso é posíbel. Así que, aquí e agora, o obxectivo máis realista para o PSdeG-PSOE no plano autonómico sería darse dunha vez un baño de humildade e aspirar a completar a maioría parlamentaria que precisa o país para posibilitar o cambio político galego en 2028, poñéndose a traballar desde xa para pasar de 9 a 12 ou 13 escanos. Cada quen debe asumir o seu papel en cada momento político. Sempre será moi digno e moi positivo para o país contribuír a construír o cambio político, sexa co número de escanos que sexa.

Agora ben, se o PSdeG-PSOE segue coa mesma estratexia irresponsábel, a única alternativa que lle queda á metade da sociedade galega que desexa desde hai tempo desaxolar democraticamente ao PP da Xunta de Galicia é que o BNG traballe aínda máis e con maior eficacia para conseguir 4 ou 5 escanos máis en 2028 dentro do corpo social que tradicionalmente vota ao PP, o que tamén obriga ao nacionalismo galego a facer un discurso e unha proposta programática de goberno que seduza e lle dea confianza a unha parte do electorado que ao mellor vota BNG nas municipais e PP nas autonómicas, ou simplemente non se mobiliza nas eleccións galegas. Ese é outro reto político que non debe faltar tampouco na folla de ruta do nacionalismo galego. @mundiario