Mudar o presente, gañar o futuro
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), as universidades públicas, atópanse nun momento decisivo de cambios globais que cuestionan o que nos distingue: o coñecemento e o pensamento crítico que fai avanzar á sociedade. É preciso dun impulso determinante para converterse nunha institución conectada co país e ser quen de atender os retos que temos por diante. No noso equipo temos o compromiso e a solvencia que vai facer realidade o cambio. Coñecemos a universidade desde as aulas e os grupos de investigación; coordenando mestrados, doutoramentos e cuarto ciclo; xestionando desde os departamentos e os decanatos; facendo divulgación científica e dinamizando a sociedade civil. Somos un elo máis dunha universidade en marcha que ten sido un orgullo para Galicia e da que teñen saído os e as profesionais que hoxe levantan o país e que polo mundo adiante levan o nome da USC. O cerebro colectivo de Galicia, como dicía Castelao.
Agora cómpre ir máis alá. A formación universitaria está a mudar e os graos, mestrados e doutoramentos han de corresponder ás novas demandas sociais, ao avance científico e ás transformacións produtivas. É necesario mudar o presente para gañar o futuro, cunha estratexia integral e coordinada entre campus que pense no que vén: transición ecolóxica, dixitalización, avance sanitario, xustiza social, creación cultural, gobernanza democrática, transferencia na investigación…
O posgrao e o doutoramento, cada vez máis competitivos a nivel internacional, requiren dunha planificación coordinada para ofertar unha formación que aporte profundidade e creatividade nun coñecemento non substituíble pola IA, fortalecer programas con potencial investigador e atraer estudantado doutros países, especialmente de ámbitos cos que compartimos lingua, cultura e intereses estratéxicos.
Queremos que a experiencia na Universidade ofreza máis que un espazo de aulas e de exames; hai vivencias que completan a formación académica e axudan a construír cidadanía comprometida. Actividades culturais, deportivas, asociativas e de voluntariado permiten descubrir talentos, estimular a creatividade, tecer redes e desenvolver competencias persoais e sociais imprescindibles para a vida profesional e comunitaria, por iso temos que ter boas instalacións e programas para promovermos unha vida universitaria activa e diversa, porque significará unha pegada duradeira que vai máis alá dos anos de estudo. Por iso tamén puxemos enriba da mesa a necesidade de que a universidade se comprometa decididamente co benestar do estudantado e o acceso igualitario. E niso o aloxamento universitario é unha necesidade para a que xa conseguimos melloras, como o acceso por criterios económicos ás residencias, pero onde imos facer moito máis porque temos propostas viables a curto prazo.
A USC precisa dun financiamento á altura dunha universidade histórica europea, pois non pode seguir afrontando desafíos estruturais con recursos insuficientes. A negociación co Goberno galego debe ser firme e ambiciosa para garantir o desenvolvemento dunha institución con máis de cinco séculos de historia e cun papel central no sistema universitario galego e europeo.
É tempo de reclamar o que corresponde: recursos acordes ás funcións desta institución, ás singularidades e aos compromisos cos campus e co territorio. Porque a Universidade vai devolver ese investimento acrecentado co valor do coñecemento, da innovación e da modernización a través do traballo humanístico e científico que debe impulsar este país.
A internacionalización da USC debe ser algo máis que cifras de alumnado estranxeiro ou a adhesión formal a redes universitarias. Trátase de que a comunidade universitaria viva experiencias que abran horizontes: mobilidades enriquecedoras, programas conxuntos, investigacións internacionais, docencia ben deseñada e espazos de convivencia académica en que circulen ideas e perspectivas do mundo, cun retorno do talento científico en beneficio do país.
Cómpre activar, conectar e ampliar as redes de alianzas internacionais, converténdoas en oportunidades reais para estudantado, profesorado e persoal técnico. Isto debe facerse desde a nosa identidade: Lugo, Santiago e Galiza ofrecen patrimonio, calidade de vida, ecosistemas produtivos e capacidades científicas únicas no contexto actual, para proxectar desde aquí cara ao mundo.
Unha USC aberta, participativa, activa, igualitaria e comprometida co ben común é a mellor ferramenta para facer avanzar este país. Queremos reforzar o vencello coa sociedade, pois temos a universidade que a comunidade necesita. A relación co tecido económico, cultural, social e ambiental debe ser fluída e constante. A investigación, o coñecemento e a innovación deben retornar ao país en forma de prosperidade, benestar e cohesión social.
Esta grande institución académica fortalécese ao implicarse na súa contorna, porque cando a Universidade fai brillar o país, o país devólvelle luz á Universidade
Temos un programa claro, sólido e viable que vai situar a USC ao servizo da sociedade galega e conectada co mundo. Esta grande institución académica fortalécese ao implicarse na súa contorna, porque cando a Universidade fai brillar o país, o país devólvelle luz á Universidade.
Para levar adiante este programa fai falta liderado, visión estratéxica, capacidade de diálogo e compromiso institucional. Esta candidatura que encabezo quere ir a máis. Integrando a todas as persoas que facemos comunidade no día a día para unha universidade mellor. Somos un proxecto colectivo que ten como sinal o traballo de base, o compromiso e a experiencia contrastada para abrir esta nova etapa.
Neste momento decisivo é necesario traballar por unha USC máis internacional, máis forte, mellor financiada e máis comprometida co país. Esta candidatura representa unha Universidade que mira ao futuro coa bagaxe da nosa identidade. Imos conseguir, traballando man a man, unha Universidade ao servizo da sociedade. @mundiario