Contos de ciencia ficción

Méritos: a divisa cuxa orixe está en Kalakia

Consta unha anterga economía baseada no elemento Ouro. / Mundiario.
Poucos saben que en Kalakia inventárase a versión máis arcaica do mérito! E velaquí a historia da aparición da divisa que democratizou a galaxia, non menos ca no occidente da vella Europa. 

A Orde do Ouro era unha institución que popularmente era estimada, ademais de inservible, emblemática do centenario da Confederación Forestal. Naquela rica paraxe, quen se asentaba obtiña uns poderes místicos que eran temidos mundialmente, xaora fachenda do país. Así, todos os habitantes de Kalakia manifestaban unha pel curtida pola pedra granítica, ollos verdes na costa e azuis no interior, e cabelos de todas cores ─ outono rubio as novas, grisáceo ceo as sabias.

Ademais, a súa lingua era inintelixible para a intelixencia artificial por mor de vellos contenciosos, de xeito que este pobo comunicábase cunha retórica enxebre que dera lugar a un singular emprendemento no Mercado.

Non embargante, a máis antiga versión económica da súa horta era kalakesa. Poucos saben que en Kalakia inventárase a versión máis arcaica do mérito! E velaquí a historia da aparición da divisa que democratizou a galaxia, non menos ca no occidente da vella Europa.

Todo comezou nas pioneiras nacións capitalistas trala instauración da lectura do iris, ante a cal tivera habido dende protestas até manobras militares en varias zonas do planeta. Xa que, en principio, valorábase a perda de liberdades.

Na primeira fase, indicábase a lectura do iris para dispositivos persoais, identificación empresarial e mobilidade… Mais axiña ofrecéronse voluntarios para a dixitalización nervosa carentes de patoloxías, unha vez demostrada a resucitación eléctrica. Daquela, o individuo mundial comezou documentacións cerebrais por estímulo, endocuración sanitaria, mesmo xordeu, daquela, o amor sentimental; aquel que consiste na compartición de emocións e sensacións ben por intercambio de información, ben por acoplamento. No pasado temérase o poder dun amor que multiplica expoñencialmente os contidos mentais e rastrea a psique na base de datos na busca da parella ideal…

Mais a piratería dos carnais destrucionistas obrou a aparición de vicios publicitarios. Estes ataques consistían na radiación de necesidades mercantís que afectaban non só ás necesidades da persoa, senón que alteraban os seus circuitos de mobilidade no trasego do urbanismo. A partiren deste fenómeno, os piratas convocaran flash mobs en vías urbanas onde programaron aos infectados a practicar obras de vagancia.

Axiña, a cúpula informática normalizou, sinxelamente, os lentes protectores. Desenvolveuse unha cultura do embeleso, de xeito que as donas e galáns facíanse as beiras establecendo contacto visual, asomando os ollos por atrás das gafas. Tradicionalmente, noméase esta cultura amatoria “glassfree”.

Entón, no aumento exacerbado do consumo, así como a diversificación do mercado personalizado, e por mor do comercio ilegal (xa que se elevara o nivel intelectual dos traballadores), volvérase a un momento histórico do troque. Fora daquela unha revolución emparellada ao colapso planetario da reutilización de residuos que provocou a erradicación da Vella Era. Os diferentes sectores da economía comezaron pagar as súas adquisicións con roupa de segunda man, ovos da casa, froita silvestre, pezas de recambio, materiais revalorizados como arte pop ou porcións de minerais, sementes; mesmo creouse a institucionalizada “cota da compaña”: os usuarios do mercado entregaban a súa tarxeta corporativa na que tachaban horas de conexión telepática, o que supuxera unha grande evasión, así como unha celebración da diversidade.

Ante todo isto, apareceu o “mal da nena isótopo”: proxenie clónica sen herdanza xenética que manifestaba un comportamento monofuncional, xaora, extremadamente avanzado. Mais estas nenas non tiñan tendencias sentimentais nin gostaban de participar da sociedade. Tendían a marxinarse en habitáculos mecánicos para obrar a súa laboura virtuosa. Así, a pesar de contar con altas capacidades, foron perseguidas como unha lacra social, pechadas en laboratorios e nalgunhas, aplicadas cirurxía e quimioterapia…

Kalakia rebelouse contra a senrazón desas persecucións! Xa que, aínda que a nena isótopo non expresaba lazos afectivos, era dunha lindeza conductual semellante á beleza dunha nube ou unha xoaniña: Kalakia loitou polas súas fillas.

Establecidas as totais independencia e sistema cibernético de autarquía, esta Civilización non era transmitida polas grandes canles, estimada coma rebelde. Mais ningunha guerra lle foi declarada, respectouse, humanamente, a súa especialidade!

Esta circunstancia cambiou coa aparición dos Méritos universais, un sistema económico consistente na radiografía do individuo para a adquisición de riqueza. Rescatouse a lectura do iris mesmo para o intercambio comercial, e enriquecéronse as persoas de psique máis completa, aquelas de comportamento honesto… A lectura do iris outorgaba a transacción de méritos segundo a perfección, o traballo, todo o historial do individuo escaneado.

Hoxendía, o mérito é o sistema económico único para toda a galaxia humana e non ten habido nin alternativa nin discusión á pacificación da informática e a natureza humana que esta invención kalakesa supuxo. @mundiario