Luís Cernuda no bosque de Silva

Luis Cernuda en las Misiones pedagógicas en Cuellar, Segovia, 1932
Toda a poesía da Xeración do 27 chegoulle a Álvaro Cunqueiro a través do seu amigo Xosé Ramón Santeiro, que residía en Madrid e cada verán regresaba a Mondoñedo coas mans cheas de versos.

Hai en Mondoñedo unha aba do monte, entre o Río do Sixto e San Caetano, na beira da estrada que sube cara a Barbeitas e Maariz, que todos e todas alí coñecen polo bosque de Silva. Antonio Reigosa, que é Cronista Oficial da cidade, escribiu que esa masa boscosa “Foi soar de castiñeiros, carballos, bidueiros, pravias, loureiros e de variada arboreda autóctona agora comandada polo omnipresente eucalipto. Tamén é morada de infinidade de paxaros diurnos e nocturnos, e doutras moitas criaturas, berce de imaxinarios alquimistas e gorida de cogomelos e pantasmas”.

Igual que moitos queremos pensar que o Caurel foi creación de Uxío Novoneyra e a Terra Chá de Manuel María, hai quen pensa que o bosque de Silva foi unha imaxinación máis de Álvaro Cunqueiro, tan dado el a vivir nun mundo máxico. O propio Reigosa nos confirma que “O bosque de Silva inventouno Álvaro Cunqueiro de tanto nomealo e contemplalo desde a ventá traseira do faio da hoxe Casa Museo de seu”. E engade o Cronista: “O bosque de Silva creouno Cunqueiro pero é real, existe desde moito antes de nacer Cunqueiro”.

“¡QUÉ NUEVO SE HIZO EL MUNDO!”

Cando eu atopo por Ferrol aos meus amigos Memela e Gus sempre lles pregunto polo bosque de Silva, que algo de propiedade ten alí a familia de Memela. O que nunca eles me contaron é a marabilla que agora veño de descubrir nun artigo de Álvaro Cunqueiro que apareceu en 1960 no periódico vespertino La  Noche, onde o mindoniense publicou 233 artigos entre 1959 e 1962, nunha serie que titulou “Los días”, recollidos hai xa uns anos en libro por Follas Novas, en edición de Luís Alondo Girgado e Lorena Domínguez Mallo, un libro que estas tardes de marzo ando a ler grazas a este fermoso agasallo que o profesor Girgado lle fixo a Medos hai uns días en Mondoñedo, a onde nos achegamos para escoitar un seu magnífico discurso, coincidindo coa súa distinción como Cunqueriano de Honra.

E de que marabilla estamos a falar? Pois nada menos que dun Álvaro Cunqueiro de quince, dezaseis e dezasete anos que na compaña dun seu amigo subía ao bosque de Silva cada verán para leren xuntos os últimos libros de poesía en castelán que se acababan de publicar e que o amigo traía de Madrid, a poesía de Juan Ramón Jiménez, Antonio Machado, Rafael Alberti, García Lorca, Jorge Guillén, Pedro Salinas e un verán incluso algúns poemas mecanografados de Luís Cernuda. “¡Qué nuevo se hizo el mundo! –di Cunqueiro nese artigo de La Noche—Los leíamos en el bosque de Silva, en compañía de toda la parleruela pajarería”. Todas aquelas lecturas da última poesía española serían certamente moi importantes na súa formación como poeta.

XOSÉ RAMÓN SANTEIRO

O amigo era Xosé Ramón Santeiro, a quen Cunqueiro –tres anos menor ca el-- lle dedicará un artigo de benvida en 1928 na revista Vallibria, que fundara e dirixía Xosé Trapero Pardo. Tiña entón Álvaro Cunqueiro dezasete anos e ese foi o seu primeiro artigo, escrito en galego. Xosé Ramón Santeiro era tamén mindoniense e seus pais posuían dúas casas na rúa Leiras Pulpeiro. “La familia Santeiro venía de Madrid a veranear a ellas; a veranear en aquella gran huerta en la que todavía hoy florecen los magnolios y naranjos más bellos”, dinos Cunqueiro. Mais Xosé Ramón Santeiro non só era o amigo que cada verán traía a Mondoñedo a poesía máis vangardista da literatura española e que tanto deslumbraba a un case adolescente Álvaro Cunqueiro, era, así mesmo, xa naquel momento, un poeta “de una madurez de lenguaje y forma sorprendentes”, con influencias de Luís Cernuda e de Vicente Aleixandre. Moi pronto será unha das grandes voces da xeración do 36, moi relacionada coas figuras intelectuais máis destacadas da época da República, publicando os seus versos á beira de Miguel Hernández ou de Gerardo Diego ou facendo tertulia polas tardes na casa de María Zambrano.

Mondoñedo. / Mundiario

Imaxinamos agora aos dous poetas mozos no bosque de Silva, e nos labios de Álvaro Cunqueiro escoitamos tamén nós marabillados os versos de Luís Cernuda: “Bajo la noche el mundo silencioso naufraga; / Bajo la noche rostros fijos, muertos, se pierden. / Sólo esas sombras blancas, oh blancas, sí, tan blancas. / La luz también da sombras, pero sombras azules”. @mundiario