Ivan Castro, o rostro dunha nova xeración política en Lugo, agora baixo control de Tomé
En tempos de incerteza política e desafección cidadá, non deixa de ser alentador ver emerxer figuras como a de Iván Castro, un exemplo do que podería representar o futuro do socialismo galego dende a provincia de Lugo. Natural de Paradela, este mozo de 32 anos, criado nunha familia de gandeiros, simboliza unha xeración de novos liderados que, sen romper cos valores tradicionais, achegan unha mirada renovada e decidida á política.
Castro non é alleo ao esforzo nin á responsabilidade. Licenciado en Ciencias Políticas, exerce como delegado en Galicia dunha empresa de orixe vasca presente en todo o Estado, unha experiencia que lle ofrece unha visión ampla, profesional e descentralizada do país. Mais a súa paixón está na política, e diso xa deu mostras. En Paradela, un concello marcado polo peso simbólico do PP na figura de José Manuel Mato –o alcalde máis veterano da provincia ata o seu recente relevo–, Iván Castro decidiu presentarse como candidato socialista nas últimas municipais. O seu resultado, moi por riba do esperable fronte a un referente conservador, confirmou a súa capacidade de conectar coa veciñanza e de abrir espazos incluso nos feudos máis difíciles.
O relevo de Mato pola tenente de alcalde Montserrat Mulet, a primeira muller en gobernar Paradela, supón unha fenda no inmobilismo político local e un novo escenario que, paradoxalmente, pode favorecer as aspiracións de Castro nunha eventual candidatura municipal futura. Pero antes diso, o seu foco está posto nas primarias do PSdeG na provincia de Lugo, onde aspira a liderar un proxecto político que combine ambición, arraigamento e renovación.
Con experiencia nas executivas galega e provincial do partido e como concelleiro e deputado provincial, Iván Castro representa unha rareza no panorama político actual: un cadro novo con traxectoria interna, intuición política e conexión coa realidade rural, pero tamén urbana. A súa historia é a dun home novo que non renega das súas raíces, que coñece a complexidade da provincia –despoboamento, gandería, servizos públicos, infraestruturas– e que entende que o socialismo non pode vivir alleo a esas problemáticas se quere volver ser útil e transformador.
Unha oportunidade para o cambio
A súa candidatura ás primarias non é só unha aposta persoal, é tamén unha oportunidade para o PSOE de Lugo de iniciar outra xeira co permiso de todo un peso pesado: José Tomé. Trataríase dun ciclo con novos liderados, con arraigo no territorio e con vontade de sumar e construír.
Iván Castro ten as ferramentas e o momento pode acompañalo. Agora toca á militancia decidir se tamén quere acompañalo no camiño. Ambos candidatos, José Tomé e Iván Castro, entregaron o máximo de avais permitidos, pero o actual secretario do PSdeG en Lugo asegura que reuniu máis do dobre. Agrupacións numerosas e colectivos influentes, como UGT e Unións Agrarias (UU AA), serán "determinantes", segundo o xornal El Progreso. Tomé deu a entender que tiña respaldo de todas as agrupacións da provincia e destacou que este foi "espontáneo".
José Tomé, peso político en Lugo
Pola súa banda, a figura de José Tomé destaca como exemplo dunha traxectoria paciente, sostida e fondamente institucional. Nado en Guitiriz (Lugo) en 1958, Tomé é moito máis ca o actual alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación de Lugo: é, por dereito propio, un dos pesos pesados do socialismo lucense e unha das referencias máis estables do PSdeG en Galicia.
O seu percorrido comezou no mundo sindical, ligado á UGT, onde desenvolveu un papel clave na formación e no emprego. Esa experiencia asentouno no coñecemento da realidade laboral e produtiva do país, algo que trasladou á súa etapa política, tanto no Parlamento de Galicia como no ámbito local e provincial. A súa decisión de abandonar o escano en 2011 para centrarse na política municipal non foi un retroceso, senón un cambio de escala: desde Monforte, onde revalidou a alcaldía con maiorías sólidas, conseguiu recuperar para a cidade unha representación provincial que levaba máis de tres décadas ausente.
Desde 2019, José Tomé lidera a Deputación de Lugo e preside tamén a executiva provincial do PSOE. Ese dobre rol dálle un poder que vai máis alá do institucional: manexa os tempos do partido, ten peso no deseño das listas e na xestión do territorio, e conta cunha rede de fidelidades que o converten nun actor central nas dinámicas internas do socialismo lucense. A súa habilidade para combinar perfil técnico e visión estratéxica, a súa capacidade para tecer pactos como o que o levou á presidencia da Deputación con apoio do BNG, e a súa resistencia a modas e vaivéns políticos convérteno nun exemplo de liderado de fondo.
Agora, nun contexto de primarias e movementos internos no PSdeG, o respaldo que Tomé asegura ter de todas as agrupacións da provincia non é casualidade: é o reflexo dun poder acumulado con tempo, traballo e presenza. Poderanse discutir estilos ou orientacións, pero non se pode negar que Tomé é, hoxe por hoxe, o epicentro do PSOE de Lugo. E quen aspire a disputarlle ese lugar terá que enfrontarse non só a unha figura, senón a todo un sistema construído ao seu redor. Iván Castro quere plantarlle cara, con ilusión. @mundiario