Innovar, avanzar, contar e coidar: unha USC ao servizo da sociedade
O devir histórico e a construción do futuro de Galicia están intensamente unidos á Universidade de Santiago de Compostela (USC), que desde hai máis de cinco séculos cumpre unha misión esencial na formación e na xeración de coñecemento, modelando substancialmente o desenvolvemento económico e social do país e a nosa identidade.
Porén, a universidade non pode acomodarse no legado nin compracerse no seu valor simbólico. A USC debe afrontar o futuro con valentía, ambición e responsabilidade, nun contexto asolagado de profundas transformacións políticas, sociais e tecnolóxicas. Na nosa condición de universidade pública, temos a obriga de anticiparnos ás novas demandas e desafíos, edificando unha institución de referencia na formación das profesionais e dos profesionais do futuro que elixen desenvolver o seu talento nunha contorna investigadora de excelencia.
Dende a nosa candidatura á reitoría, aspiramos a construír unha USC que avance mediante a investigación de fronteira en todos os ámbitos do coñecemento, promovendo e valorizando as colaboracións transversais e interdisciplinares, e garantindo que o coñecemento xerado sexa un ben común e chegue á sociedade a través dunha transferencia eficaz e comprometida.
Queremos tamén unha USC que innove, capaz de impulsar cambios baseados na evidencia, e de construír un modelo organizativo máis áxil, participativo, transparente e sostible, adaptado ás necesidades dunha institución complexa e diversa.
Para acadar estes obxectivos fundamentais, é imprescindible crear unha USC que conte con cada unha das persoas que integran a comunidade universitaria, acompañándoas no seu desenvolvemento persoal e profesional, confiando no seu talento e nas súas capacidades. Unha universidade aberta, que conte coa sociedade e traballe para a sociedade.
E precisamos unha USC que coide das persoas e das comunidades nas que se insire, en Compostela e en Lugo; da nosa lingua, do noso patrimonio, do noso medio ambiente e do noso país. Unha universidade feminista, inclusiva e diversa, comprometida cos valores democráticos.
A nosa proposta nace da escoita e reflexión compartida dun grupo amplo de persoas da comunidade universitaria, e dunha diagnose contrastada da realidade da USC e do seu contexto, das que extraemos as accións que propoñemos para os vindeiros anos, que cambiarán a USC converténdoa nun referente na súa actividade e nos seus principios e valores.
Estas serán as primeiras eleccións posteriores á entrada en vigor da Lei 2/2023, Orgánica do Sistema Universitario, que, partindo do recoñecendo do papel das universidades como principais produtoras e difusoras do coñecemento, aspira, igualmente, a que atendan á sociedade na que están integradas. Satisfacer esa ambición, que sostén o valor social da institución, subliña o reto da atender as necesidades da cidadanía, adaptadas á complexidade das mudanzas contemporáneas.
Xa que logo, a relación universidade-sociedade debe materializarse nun coñecemento socialmente útil, que, mediante programas de ciencia cidadá debe crear espazos de xeración de coñecemento compartido. E, ao tempo, cómpre que esta integración sexa acompañada de iniciativas de participación social nas que, desde a USC, poidamos contribuír a un desenvolvemento económico e social inclusivo e sostible.
Os proxectos de Aprendizaxe Servizo, a posta en marcha de iniciativas interxeracionais e a reactivación do voluntariado universitario constitúen, entre outras, as bases para comezar a reforzar o compromiso social da universidade e para afondar nunha relación máis estreita, vital e transformadora. E esta dimensión debe acompañarse dunha política cultural universitaria innovadora, inclusiva, participativa e situada, chamada a contribuír á formación integral da cidadanía e á súa dinamización comprometida, crítica e defensora dos valores democráticos, en coherencia cunha acción de goberno orientada a avanzar, innovar, contar e coidar. @mundiario