A forza do amor ao país

Fragmento de Cen anos de nacionalismo galego. / Leandro Lamas
O amor ao país, a defensa de Galiza e o humanismo constitúen un pensamento infinitamente máis poderoso para unir e mover o país que calquera outro pensamento ideolóxico.

A sociedade galega, como todas as sociedades europeas, é unha sociedade moi plural, de composición rural e urbana, e cada vez cunha maior presenza humana procedente de países moi diversos, e diversas son tamén as concepcións de país e de sociedade que posúen os habitantes que a integran, como é natural cando conviven persoas con ópticas de pensamento moi diferentes, con intereses non sempre concordantes, produto de realidades persoais e sociais distintas, que se expresan en compromisos cívicos de múltiples cores e en correntes políticas -organizadas ou non- que se corresponden con ideas nacionalistas, galeguistas ou españolistas, de esquerda, de centro ou de dereita, ou simplemente con esa outra parte da sociedade que decidiu non participar activamente nas decisións colectivas do país, nin sequera no exercicio democrático máis elemental, como son os procesos electorais.

Poderiamos dicir sen temor a equivocarnos que a inmensa maioría da sociedade galega é sentimentalmente galega (por algo a dereita galega de Alianza Popular, transformada logo en Partido Popular, fixo campañas electorais tan exitosas con lemas como “Galego coma ti” ou “Galicia primeiro”; por algo aquela breve experiencia de Coalición Galega obtivo un resultado espectacular cando foi quen de crear ilusión co lema “Fagámonos respectar”, ou por algo funcionou tan ben o slogan publicitario de Gadis “Vivamos como galegos!). Mais tampoco podemos ignorar que a sociedade galega é unha sociedade moi agredida, longamente agredida, na súa identidade lingüística e cultural, e igualmente moi fráxil na confianza plena na súa propia forza política como país, como suxeito político, mirando sempre excesivamente para todo o que vén de Madrid. Galiza é así. Nin é Cataluña, nin é Euskadi, nin tampouco é España. O fracaso de Vox en Galiza, sen haber no seo da sociedade galega maioritariamente un sentimento anti-español, é a mellor demostración de que aínda somos un pobo que non renunciou a ser el mesmo.

O nacionalismo galego é un movemento político e social imprescindíbel para construír outro futuro para Galiza. Foino en todas as súas etapas. Mais ese futuro haino que construír na propia sociedade, tal e como é en cada momento histórico, e coa participación e a vontade da propia sociedade galega, gañando a súa confianza e o seu apoio. Detrás dun ideario político cómpre que haxa sempre corpo social para facelo avanzar. De aí a importancia de coñecer ben as necesidades reais da sociedade, as súas aspiracións, as súas maneiras de pensar, as diferentes sensibilidades culturais e ideolóxicas e as diversas miradas que existen sobre o país, sobre o que é Galiza. O nacionalismo galego ten que conectar necesariamente as súas preocupacións políticas coas preocupacións da sociedade á que se debe.

Temos a certeza de que a ligazón emocional ao país, o sentimento de pertencermos a un territorio concreto que nos define e nos conforma como pobo e nos une, é unha forza moito máis poderosa que calquera ideoloxía, por moi revolucionaria e transformadora que esta sexa. O slogan “Vivamos como galegos!” é unha idea moi potente de cohesión, de vertebración e de unión de todo un pobo. Por iso pensamos que cada vez que o nacionalismo galego actúa cunha mirada ampla e integradora da sociedade galega, acerta de cheo. Acerta porque se está a dirixir non a un segmento da sociedade, senón á sociedade galega no seu conxunto.

Cando o nacionalismo atina

Acerta o nacionalismo cando negocia en Madrid a supresión das peaxes, porque lle afectan a toda a cidadanía. Acerta cando defende a necesidade dun rural vivo, porque o comprende incluso a poboación máis urbana. Acerta cando reivindica un ensino e unha sanidade de calidade. Acerta cando demanda o acceso á vivienda para a xente moza e a clase traballadora. Acerta cando conecta o nacionalismo e o autogoberno aos problemas reais, a solucións concretas e ao benestar social. Acerta cada vez que elabora e presenta unha proposta programática que nos abre a mente a unha nova Galiza. Acerta o nacionalismo galego cando tende a man a persoas que sen definirse como nacionalistas se identifican coa defensa que o nacionalismo fai do país. Acerta cando empatiza, emociona e ilusiona coas súas ideas e coa forma de transmitilas. Acerta cando na relación coa sociedade a mirada humana prevalece sobre a mirada ideolóxica.

Historicamente unha das eivas do nacionalismo galego foi poñer demasiado empeño en resaltar e avivar as diferenzas ideolóxicas entre as organizacións políticas máis próximas, entre as siglas políticas e as persoas máis comprometidas co país. Iso foi nefasto para Galiza. Pensemos, por exemplo, no que supuxo a ruptura do Consello de Forzas Políticas Galegas en novembro de 1976 ou a concorrencia ás eleccións xerais de 1977 con dúas candidaturas nacionalistas. Non hai clarificación política nin coherencia ideolóxica que xustifique tal desunión nun momento histórico tan crucial como aquel, xa que ese divorcio tivo consecuencias moi negativas no inicio da Transición e deixou ao noso país absolutamente á intemperie durante longos anos. Que non o vísemos daquela, cando non sabiamos nin o que ía suceder, é comprensíbel, pero tantas décadas despois non debería haber ninguén que non o vexa como un fracaso político colectivo, como un fracaso de país, do que xa deberiamos aprender de inmediato a correspondente lección.

O amor ao país, a defensa de Galiza e o humanismo constitúen un pensamento infinitamente máis poderoso para unir, mover e erguer o país que calquera outro pensamento ideolóxico, autóctono ou foráneo. Non hai libro de doutrina política que nos ensine tanto como a lección que nos deron, por exemplo, Castelao e Otero Pedrayo, eses dous grandes mestres do nacionalismo galego, que desde que se coñeceron foron quen de manter sempre unha relación de verdadeira e profunda irmandade, compartindo ao longo das súas vidas un mesmo ideal de entrega ao país por riba das súas diferenzas ideolóxicas ou das diferentes estratexias que foron obxecto de afervoado debate no partido no que os dous militaban.

Felizmente, no BNG, desde a súa fundación, o amor ao país e unha visión de país constantemente na súa acción política foi talvez a súa principal idea forza para construír a casa común do nacionalismo galego e para darlle ilusión e esperanza á causa galega. E o liderado de Ana Pontón todos estes últimos anos non fixo máis que nutrir e acrecentar día a día esa concepción plural, integradora e humana do compromiso político con Galiza. Milleiros de persoas estaban a esperar que alguén lles dixese desde o nacionalismo galego que “Hai moitas maneiras de sentirse galegos e galegas e todas son necesarias”. E os froitos están aí.

Hai dous poemas de dous grandes poetas galegos contemporáneos que deberían ser a guía de conduta na actitude política e humana de toda persoa que se define como galeguista ou nacionalista. O primeiro poema, de Celso Emilio Ferreiro, remata con estes catro versos: “Común temos a patria, / común a loita, ambos. / A miña mau che dou, / coma un irmau che falo”. E o segundo poema, de Uxío Novoneyra, di así no seu último verso: “Non a forza do noso amor non pode ser inutle!”.

Non deixemos de confiar nunca na forza do amor ao país nin no inmenso poder da fraternidade e do afecto entre persoas que comparten un mesmo ideal. @mundiario