Eucalipto: ciencia e política van por camiños diferentes
A Comisión das Comunidades Europeas, na década dos 80 do século pasado pretendía dedicar fondos comunitarios a subvencionar plantacións e repoboacións de eucalipto, e mesmo insinuaba subvencionar novas celulosas. Pero ante a polémica que xurdira, nese tempo, polo intento de instalación na Galiza novas celulosas e as protestas pola masiva plantacións de eucalipto no norte da Península Ibérica, Bruxelas decide encargar un estudo sobre os efectos da plantación do eucalipto.
O traballo de campo e a investigación encárganlla o renomeado catedrático de ecoloxía F. G. Bernáldez do Departamento Interuniversitario de Ecologia (Universidad Autónoma e Universidad Complutense de Madrid ) e o Informe final destinado a Directión Générale de Environnement darase a coñecer no ano 1989 baixo o título “Effets des plantations d`eucalytus dans le nord de l`Espagne”.
Un informe dos 80 silenciado
O Estudo de campo e investigación para a Comisión das Comunidades Europeas centrase na Galiza e no Norte de España e estuda a diversidade biolóxica e efectos na biocenose ( parte viva do ecosistema), comproban que a flora dos eucaliptais comparada coa do bosque natural de carballos ou castiñeiros é moi pobre na composición, e ademais resulta ser máis monótona e ten menos especies raras. Observan unha vexetación asociada aos eucaliptos que está sometida a estrés nutritivo e hídrico, e ven que diminúen as aves forestais.
Estes resultados son coincidente con diversos estudos anteriores dos anos 60 e 70 sobre a flora (Bellot, 1964, Castroviejo, 1973, Diaz Gonzáles, 1975 e outros) e con estudos de empobrecemento das comunidades animais ( Amopres, 1979, Bongiorno, 1982, F. E Galarza , 1986, Pina, 1982) .
Destacamos do informe de 60 páxinas algunha das proposicións:
1. - Dado que a superficie de eucaliptos aumenta non só por plantacións e repoboacións forestais, senón tamén de forma “espontánea” (invasión de terras próximas) e con taxas elevadas, non deberían alentarse ou promoverse con subvencións e préstamos comunitarios. E o mesmo é de aplicación para a industria da celulosa.
2. Polo contrario sería interesante aplicar subvencións a utilización do solo que manteña a diversidade e a textura da paisaxe. Suxire axudas a un programa forestal integrado que poda seguir as premisas do programa Forestal Francés ( diversificado) .
3. Para responder a demanda de madeira de eucalipto suxiren unha mellor xestión, cortas máis tardías, aumento de emprego na produción bruta por Ha que tamén contribuiría a diminución de incendios, e outras medidas, que conseguirían dobrar a produción por Ha. Unha intensificación e racionalización do cultivo levaría unha diminución da superficie de eucalipto.
Pero a Comunidade Europea era naquel momento deficitaria en madeira nun 50% e a industria da celulosa e papel apura e preme para aumentar a repoboación forestal, nin que dicir ten que Bruxelas fixo caso omiso ao Informe e en contra das recomendacións e proposicións aplicou coa PAC (Política Agricola Común ) xenerosas subvencións para ao abandono de terras agrícolas -dado os excedentes agrícolas europeus- e potenciou a forestación, medida que podía ser acaida en algún país, pero catastrófica, inexplicábel e inxustificábel para a realidade galega.
Naquel tempo existian proxectos parar instalar na Galiza dúas celulosas, a multinacional alemá Fedmühle Aktiengesellschaft pretendía instalarse nas Pontes e a finlandesa Tampella OY e Iberpapel constituían Eurogalicia Forestal para instalarse no concello de Narón. Querían igual que agora Altri subvencións a fondo perdido para instalar a industria, pero a presión popular paralizou os proxectos e so quedaron as subvencións a especies de crecemento rápido como eucaliptos. De calquera forma a industria da celulosa saia ganando pois subvencionaban a súa materia prima
A situación antes e hoxe
As cifras sobre a extensión do eucalipto na Galiza oscilaban a finais dos anos 80 entre 80.000 Ha de masas puras e 200.000 Ha si incluímos todo o territorio onde se atopa o eucalipto. As cifras oficiais indicaban a finais dos 70 unha extensión total xa de 225.234 Ha (MAPA, 1988). No ano 2023 as cifras oficiais asignan a Galiza 419.000 Ha de masas puras e si considerásemos ademais da masas puras en monocultivo as mixtas podemos estar na orde de 600.000 Ha, ou o que é o mesmo os eucaliptos ocuparían a terceira parte da extensión forestal galega.
Diversos investigadores afirman que no norte de España a superficie cuberta por plantacións de eucalipto multiplicouse por 4,6 nos últimos 50 anos, incluso espazos de Rede Natura 2000 teñen hoxe plantacións de eucalipto sobre terras agrícolas ou pradeiras, igual que acontece nas Reservas da Biosfera (UNESCO) como sucede na Terra Chá de Lugo, agrícola-gandeira por excelencia pertencente a Reserva da Biosfera Terra do Miño. As repoboacións están dentro e nas proximidades de todas as zonas protexidas e aumentan cada vez máis. A especie invasora e exótica chega hoxe dende o litoral ( Illas Cies ) ate as ladeiras de Fonsagrada na montaña luguesa.
No futuro cabe predicir, que si a nivel político non se toman medidas drásticas, só podemos esperar un aumento do eucalipto no territorio, Galiza ten posibilidades de aproveitamento agrícola-gandeiro, para cultivos e pradeiras entre un 50-75% do territorio e na actualidade non pasamos dun aproveitamento real do 30% . O problema non é ecolóxico só, senón económico, cultural - de patrimonio e identidade- e social. O forestal vai en detrimento do agrícola-gandeiro pois obriga a importacións masivas de cereais ( porto da Coruña principalmente, con desembarco de 2,5 millóns de toneladas de alimento para o gando no 2022), coa conseguinte dependencia e gasto económico.
Solucións?
A solución para mitigar a perda de biodiversidade - que a Xunta nin se plantexa nin formula- , non chegaría con intercalar unha mínima franxa de caducifolias no medio dos eucaliptais, nin deixar estreitas franxas sin xestionar dentro das plantacións, sen dúbida melloraría algo a fauna e en particular as aves. Mesmo aumentaría a heteroxeneidade do hábitat, a diversidade estrutural , melloraría a paisaxe monocromo actual, o que sempre é positivo.
Tampouco chega un moratoria obrigada polo Goberno Galego ate o 2030, moratoria que resulta difícil de cumprir e demostrouse que é permisiva a administración, a mesma Xunta recoñece que tivo que impoñer sancións a preto de 1.200 fincas por saltar a moratoria, cando todos sabemos, e vemos, que ese número é ridículo e representa na realidade unha mínima parte das infraccións, son miles e miles as fincas que tiñan que sancionarse por incumprimento.
A solución pasa por unha nova política forestal que diminuía a extensión do eucalipto polo menos á metade da extensión actual. A produción non diminuiría con xestión adecuada - mellor xestión implicaría case os mesmo resultados actuais- , asi liberase de eucaliptos territorio e mitigaríase a perda de biodiversidade e diminuirían parte dos efectos negativos actuais. A superficie recuperada do eucalipto debería ser dedicada múltiples usos, mesmo para producir madeira de calidade: castiñeiro, carballo, cerdeira, nogueira.. e para devolver o solo ao seu uso de sempre agrícola-gandeiro . Desenvolveríase unha nova industria do moble e derivada e de produtos ecolóxicos: plantas medicinais, fungos, mel, froitos, carne de animais en liberdade, ...
No informe citado arriba, sintetizan a economia do eucalipto na frase seguinte: “Economiquement l`utilisation du territoire par l´eucalyptus est un gaspillage...” . E si no 1989 era unha dilapidación , un desperdicio, un mal emprego,... como podiamos cualificalo hoxe?
Ciencia e política van por camiños diferentes, a economía e o país sofren as consecuencias. @mundiario