No ecuador da lexislatura galega obsérvanse cambios pola dereita
É posible que o PP siga gobernando Galicia, mais o ascenso demoscópico de Vox fai perigar a maioría absoluta de Rueda nas eleccións de 2028.
Chegamos xa á metade da XII Lexislatura en Galicia. Lembremos o marcador actual no Hórreo: PPdeG, 40/75; BNG, 25/75; PSdeG, 9/75; e Democracia Ourensana, 1/75.
A última enquisa de Sondaxe, publicada en decembro de 2025, amosou unha perda de 2,3 puntos dos de Rueda. O principal factor de desgaste popular é Vox, que suma un 2,1% máis que o 18-F (2024), de maneira que os nacionalconservadores estarían hoxe moi preto do Parlamento, ou incluso xa dentro desta institución. O empuxe estatal e nalgunhas Autonomías (Extremadura, Aragón) máis a súa oposición ao acordo UE-Mercosur explican o seu eco en Galicia. A posibilidade de que Vox entre con dous escanos na Galicia occidental é cada vez máis realista. Se temos en conta que este inquérito foi elaborado antes dos resultados nesas dúas Autonomías -e que tamén foi deseñado antes do voto dos populares europeos en favor do tratado comercial cos sudamericanos-, é posible que Vox xa estea con 2/75 escanos en Galicia, e a costa do PPdeG.
Pola súa banda, Democracia Ourensana atópase estable socioelectoralmente: en torno ao 1% dos sufraxios, que fican concentrados na súa provincia.
Pola banda esquerda, o citado instituto demoscópico cifrou nun 1,3% a caída do PSdeG e un leve crecemento do BNG (+0,8%). A eterna crise interna dos da Rúa do Pino explica este fracaso continuo dende 2009. Non obstante, os de Besteiro gañarían hoxe un deputado a costa do PPdeG -os populares lograron pola mínima o último escano en Ourense en 2024-, xa que a perda electoral dos conservadores sería superior á que terían os socialistas.
O BNG, pola súa parte, obtería o mesmo rédito institucional que hai un bienio (1/3 da Asemblea lexislativa galega).
O feito de que Sumar e Podemos se presenten e que obteñan xuntos entre o 1-2% dos votos prexudican as posibilidades dun escano máis en Pontevedra e A Coruña no BNG e/ou PSdeG.
En conxunto, as forzas vermellas recurtarían distancias: pasarían de 34/75 a 35/75 escanos: a 3 no número máxico en Galicia: o 38.
Se facemos unha predición demoscópica para a actualidade, posiblemente hoxe o PPdeG perdería xa a maioría absoluta (37/75) e a súa investidura estaría nas mans de DO, o partido de Jácome (1/75), cuxo apoio é máis cómodo sempre que o que lle pode ofrecer Vox, que entraría hoxe posiblemente cunha acta pola Coruña e outra por Pontevedra.
Por outro lado, é pouco probable que a esquerda logre a maioría absoluta en 2028. Para iso, e tendo en conta a socioloxía de cada circunscrición, tería que lograr un 13-12 na Coruña, un 6-8 en Lugo e Ourense e un 13-9 en Pontevedra. Supoñendo que os programas e candidatos de BNG e PSdeG non muden, ditos resultados só poderían acadalos das seguintes formas:
- “Parlamentarizando” os votos de Sumar e Podemos (a través da procura dalgún tipo de acordo con estas dúas forzas) no PSdeG e no BNG.
- Utilizando por primeira vez en Galicia a estratexia do “medo a Vox”, a semellanza do sanchismo nas Xerais.
- E, en terceiro lugar, aproveitando o tirón electoral de Abel Caballero na provincia de Pontevedra. Lembremos que este alcalde goberna un concello, Vigo, que é un terzo demográfico desta provincia e o fai cun 60,86% de apoio popular. Pero sorprendentemente nunca abandonou a alcaldía para ocupar algún tipo de candidatura autonómica. Lembremos que é rexedor do municipio máis poboado de Galicia dende 2007 e que se presentara sen éxito (15/75 parlamentarios) como candidato autonómico de PSdeG-EU-EG-Os Verdes unha década antes do seu vínculo institucional coa cidade olívica.
Sen eses tres condicionantes -e sen que BNG e PSdeG muden o resto da súa estratexia- as opcións de cambio en Galicia son estruturalmente imposibles.
En resumo, se hoxe se celebrasen comicios autonómicos, o PP do birrete ou xenovés seguiría liderando a Xunta e a dereita seguiría sumando maioría absoluta: (37+2+1)/75. Non obstante, o espectro azul deixaría de ser monolítico fóra de Ourense. Lembremos que desde a saída de Coalición Galega do Parlamento en 1993 non houbo ningunha outra forza de centrodereita/dereita nesta institución alén da provincia do sureste galego. E nesta última a presencia de Democracia Ourensana é moi recente: dende 2024.
Por último, o que chama a atención no campo azul é a progresiva dereitización e castelanización do electorado do PPdeG e dos seus rivais pola dereita ao longo do tempo:
- UCD galeguista vs AP galeguista (1981-85).
- Coalición Galega vs Centristas de Galicia/AP galeguista/primeiro PP fraguista (1985-1993).
- Boinas e birretes do PPdeG (1993-2009).
- PP do birrete/xenovés vs UPyD dereitizada en Galicia/Ciudadanos (2009-2020).
- PP do birrete/xenovés vs Democracia Ourensana vs ayusismo/Vox (dende 2020).
Noutras palabras, o segmento demográfico azul de Galicia parécese cada vez máis no ideolóxico ao promedio español que se aprecia nas Autonomías da España interior e monolingüe.
A disminución do uso do galego na sociedade, a oleada liberal e ultraconservadora a nivel internacional na última década, a maior presenza de canles (mediáticas e dixitais) dereitistas de ámbito español, os constantes discursos contra o nacionalismo periférico máis feitos como o terrorismo de ETA (ata 2011) ou o procés catalán (2010-2024) explican este fenómeno sociopolítico. Así, o electorado das formacións de dereita en Galicia asume cada vez máis postulados ideolóxicos que son menos democristiáns, máis liberal-conservadores e que teñen un notable grao de castelán-madrileñismo no eido identitario. @mundiario