Diálogo e participación ou desafección política
Un vello coñecido, deputado un tempo no Parlamento galego mais con importante traxectoria na vida municipal, dicía que para ocupar calquera cargo político todo o mundo debera pasar previamente pola política municipal. Entre as motivacións que sustentaban esta afirmación estaba a de ser a da xestión política máis difícil e máis próxima, que provocaba que todo o mundo aterrase na realidade, na concreción. Existen, como non pode ser doutra maneira, posicións políticas diversas, dirixidas e orientadas ás maiorías sociais ou ás elites, pensadas desde nós, coas persoas no centro e coa xente que vive e tripa un territorio como protagonista ou deseñadas desde fóra, con pouca ou nula implicación de quen reside nun concello. Para o goberno compostelán o importante é construímos comunidade de xeito informado e solidario. De aí que acabemos de presentar unha nova proposta para afondar nunha participación cidadá que levamos practicando desde o primeiro minuto deste mandato.
Por iso, para alén da lóxica diverxencia da aposta de cada formación política, é moi preocupante que se poñan por diante de todo as “batallas” partidistas, o desgaste do goberno, con posicións que son previas ao tema que se debate e, en ocasións –e isto é o máis grave–, mesmo independentes del. Infelizmente, o potente argumento do meu amigo leva un tempo crebando, pois a lóxica de decidir pensando na veciñanza, nas persoas administradas, non é o que guía as posicións políticas de certos grupos municipais. Trasladouse á esfera do ámbito local a tensión política dos partidos, dos parlamentos, do Congreso, do Senado, da política internacional, convertendo nun “ring de boxeo” o que debera ser un espazo de consenso non exento, evidentemente, da lóxica confrontación de propostas. Porque non todas as formación políticas somos iguais, nin todas as persoas que nos dedicamos nalgún momento das nosas vidas ao ámbito político actuamos de idéntica maneira. Este reducionismo do “político” e das persoas que traballamos polo ben común é outro xeito perverso de levar ao distanciamento da res publica, sobre todo na mocidade.
A ninguén se lle oculta que un debate ateigado de insultos e descualificacións, un xeito de relación que rompe as mínimas regras do respecto institucional, provoca desafección política. Iso, unido ao uso das fake news, dos bulos, da mentira e demagoxia como “arma” política, ofrece un futuro moi pouco alentador de persoas, sobre todo mocidade, impedindo que vexan a participación política como servizo público, como unha achega ao ben colectivo, como o é participar nas ANPAS, nas asociacións veciñais, culturais ou deportivas ou encargarse da comunidade do edificio. Cada vez que un colexio visita o Pazo de Raxoi, pregúntolles ás rapazas e rapaces quen querería ser alcaldesa, alcalde, concelleira ou concelleiro. E observo que case ninguén desexa participar desa honra, dese orgullo de contribuír ao ben común. Teño que recoñecer que aquí está a pasar como no caso de mestres e mestras, profesión noutrora moi vocacional que sempre tiña adeptos/as e agora case reducida á mínima porcentaxe de crianzas que a vexan como opción de futuro. Volvendo ao ámbito que nos ocupa, se non mudamos o xeito de relación e de comunicación a nivel político só contribuímos á desinformación e á dereitización da sociedade.
Cada vez que nunha vila, nun concello, nun barrio, ten lugar un feminicidio ou unha agresión sexual, a xente conmóvese porque coñece esa muller
Con todo, o esteo fundamental en que se alicerzaba a afirmación do meu compañeiro de viaxe (para evitar continuar a usar esa linguaxe tan belicista da política de “compañeiro de batallas”) era a esixencia de dialogar, de ter unha conversa permanente con veciñas e veciños que teñen rostro, nome, familia, que se cruzan contigo pola rúa, compran nos mesmos lugares e acoden a espazos aos que ti tamén vas. As mulleres sabemos ben o que significa nomear, isto é, visibilizar, non ocultar. Cada vez que nunha vila, nun concello, nun barrio, ten lugar un feminicidio ou unha agresión sexual, a xente conmóvese porque coñece esa muller, non é un frío número nunha estatística debaixo do cal esconder perfís reducionistas que perseguen minimizar a violencia, inclusive xustificala.
E xustamente por iso, por ese corpo a corpo, corazón a corazón, que supón a política municipal desde o primeiro momento, desde 2023, no Goberno do Concello de Santiago tivemos clara a necesidade de nos dotarmos de ferramentas de participación cidadá. Reactivamos os consellos de participación, que forman parte do ADN do BNG no Goberno compostelán desde os anos 90, convocando consellos como os de Educación, que levaba sen se reunir desde había 13 anos, ou o de Igualdade, en circunstancias similares, mais tamén o de Relacións Veciñais, o de Medio Rural, Cooperación, o da Saúde ou o das Persoas Maiores. Tamén retomamos a ferramenta dos orzamentos participativos ou creamos novos espazos para o debate coas entidades sociais e veciñais, como o futuro foro de turismo sustentábel.
Compostela, un concello especialmente complexo
Por outra parte, son ducias as xuntanzas que o grupo de Goberno mantén coas asociacións veciñais, entidades sectoriais e representantes doutras administracións, nun labor continuado de escoita das demandas e propostas do tecido cidadán. Xa dixen en máis dunha ocasión que Santiago de Compostela é un concello especialmente complexo. Posúe unha cidade histórica cun patrimonio mundial que cómpre manter e preservar para as novas xeracións coa prioridade posta nas persoas que nel viven. Mais ten tamén un extenso ensanche e barrios con personalidade propia e necesidades de cohesión, de espazos de socialización e de vida colectiva. E un amplo rural –o concello ten 220 quilómetros cadrados– que non é homoxéneo, a pesar de ser tratado habitualmente como un conxunto único.
O Concello de Santiago ten, por outra parte, presenza moi relevante de diferentes administracións e institucións, desde a Xunta e o Estado á Igrexa e á Universidade. Compostela posúe, sen lugar a dúbidas, a máis intensa axenda política de representación institucional das cidades galegas. E unha longa traxectoria de participación dos diferentes grupos municipais nos actos que se organizan. Precisa, neste sentido, moitas horas de diálogo, de conversa, de partillar espazos e coñecer as inquedanzas de todo o que se move e contribúe a crear cidade, a crear concello. Ás veces precisa máis horas das que ten o día.
Espazo de contacto directo
Con todo, alguén que anda a pé de rúa como son eu, a alcaldesa de Santiago que se move andando sempre que é factíbel, e que falo coa xente directamente, puiden detectar que hai veciñanza que bota en falta espazos formais e institucionalizados de conversa directa coa Alcaldía para se sentir parte do proxecto deste goberno da xente. Por iso vimos de anunciar que reservarei dous días ao mes para recibir directamente na Alcaldía as persoas que o soliciten a través dun sinxelo formulario na páxina web do Concello. En tempos de redes sociais, conversas en liña e xuntanzas telemáticas, desde o Goberno municipal quixemos procurar ese espazo de contacto directo que é un dos recursos dun concello como Compostela, mesmo que agora chegásemos xa ás 100.000 persoas habitantes. Na esencia do noso concello, na da miña maneira de entender a política, está o contacto directo, coñecer o nome das veciñas, saudármonos, conversar con quen se move nos nosos barrios e parroquias.
O obxectivo desta iniciativa non é só recoller demandas e tentar solucionalas –que tamén– senón escoitar propostas, practicar a escoita activa, creando un novo espazo de participación presencial e individual.
A participación é vital nun goberno da xente. Mais esta idea transcende o local. Tenta procurar ferramentas de información e contraste directo e combater a desafección política. Porque para transformar a realidade, para avanzar en políticas para as maiorías sociais, todas as voces contan. @mundiario