Conxo, historia e rebeldía

Hospital Psiquiátrico de Conxo. / Antena 3
Este 15 de maio, se cumpre o centenario da anexión de Conxo a Compostela. É tempo, pois, de facer memoria, de lle devolver ao hoxe barrio de Conxo o moito que el achegou a historia de Santiago.

As de Conxo, as de Conxo,

as de Conxo son valentes,

levan a Ponte de Ferro

atravesada nos dentes.

Son moitas as persoas de Compostela para as que dicir Conxo é falar do Hospital Psiquiátrico e da magnífica convivencia entre veciñanza e persoas internas. Conxo, capital mundial da movida mental. Tamén son moitas as que saben hoxe que Rosalía de Castro naceu realmente no Concello de Conxo –xustamente dous anos despois de se constituír como concello– e moitas máis as que foron incorporando ás festas máis populares de Compostela a celebración do Banquete, esa unión fraterna entre estudantado, mundo obreiro e veciñanza que proclamou a liberdade entre pobos e persoas.

Estou segura de que falar de Conxo está ligado á celebración dun potente entroido, ao feito de comer cabra nas festas, ao de gozar dunha vizosa vida cultural e participativa, ao de ser un lugar para o ocio e a troula e ao de ter unha veciñanza solidaria, rebelde e combativa.

Tamén é certo que, como noutros barrios non centrais do noso concello, foi habitual durante moitos anos escoitar a frase de “vou subir a Santiago”, “vou subir ao pueblo”, poñéndose fóra das marxes dos límites municipais, sentíndose doutro lugar diferente ao corazón de Compostela.

O que xa dubido máis é que haxa moitas persoas que coñezan polo miúdo a historia de Conxo como concello independente. E foron 90 anos –entre 1835 e 1925–, dunha rica historia que achegou a Compostela páxinas brillantes e que lembraremos este 15 de maio, día en que se cumpre o centenario da súa anexión a Compostela. É tempo, pois, de facer memoria, de lle devolver ao hoxe barrio de Conxo o moito que el achegou a historia de Santiago.

Rosalía naceu no antigo Concello de Conxo

Compostela non sería a mesma sen os seus barrios. A personalidade do noso concello é a suma da personalidade diferenciada de todos e cada un dos seus barrios e das súas parroquias. E neste 2025 é unha ocasión de excepción para celebrar e evidenciar que nin Compostela sería a mesma sen Conxo, nin Conxo sería o mesmo sen Compostela.

Rosalía de Castro.

Durante o período de 90 anos en que Conxo foi concello transcorreron no seu territorio acontecementos totalmente transcendentais para a nosa historia. Rosalía de Castro é a conxense máis internacional. Poeta fundacional da literatura galega, pioneira en moitos campos -feminismo, ecoloxismo....- e un dos emblemas que nos identifican ante o resto do mundo. Rosalía naceu no antigo Camiño Novo (onde se localizaba o Fielato), hoxe praza de Vigo, antigo Concello de Conxo, en 1837. Hoxe dá nome ao aeroporto da capital da Galiza e é recoñecida como unha muller rabuda e alegre, enérxica e defensora da súa liberdade e da emancipación feminina, por riba de todas as cousas. Unha moi boa representante do espírito de Conxo.

Con todo, o que encarna de xeito máis profundo o pensamento de Rosalía en Conxo é a súa defensa dos carballos centenarios que poboaban os camiños que tripou. En 2016, Henrique Alvarellos, importante cronista local, publicou o volume Os últimos carballos do Banquete de Conxo, que deitou moita luz sobre a localización xeográfica e as pegadas actuais dun espazo especialmente querido pola veciñanza compostelá –e pola de Conxo!!! Se Rosalía se opuxo á tala de árbores nas carballeiras do seu concello, é moi digna sucesora dela a veciñanza actual, que leva tempo erguendo a bandeira da defensa do seu territorio e negándose a que perda a súa esencia e identidade tras o anuncio e xa avanzada construción dunha senda ciclista por parte da Xunta de Galicia que atravesa esa mesma carballeira. Unha senda que ben podería ter elixido outro camiño e que se vendeu como unha vía de mobilidade habitual entre o Milladoiro e Compostela mais que se configura realmente como un espazo de lecer. O Concello presentou alegacións e a Corporación manifestouse maioritariamente en contra deste trazado, o que non significa renunciar nin oporse a un incremento de carrís bici nin ao fomento da bicicleta. Partillamos, pois, o lema de “Senda si, mais non así” que a veciñanza deste lugar fixo súa coas súas reivindicacións.

O 2 de marzo de 1856 desenvolveuse o histórico Banquete Democrático de Conxo, un xantar de confraternidade sen clases sociais, promovido por Aurelio Aguirre, e coa participación de Luís Rodríguez Seoane e Eduardo Pondal e a incógnita de se nel estivo ou non Rosalía de Castro. Neste 2025 conmemoraremos de novo este evento reivindicativo, que non é casualidade que aconteza cando se cumprían 10 anos do tráxico final dos Mártires de Carral e da Revolución de 1846. Aínda que hoxe nos poida parece estraño o formato xantar para un acto político, esa era a maneira de tentar evitar a represión, como na etapa da ditadura o eran concertos ou actividades culturais.  

En setembro de 1873 tiña lugar a primeira viaxe en tren na Galiza que ía da estación de Cornes á de Carril, a través da que foi a primeira liña férrea do país. Carril e Conxo partillan esa historia común de que tamén celebramos recentemente o 150 aniversario. Unha historia coa mesma similitude de anexións municipais, nun caso a Vilagarcía de Arousa e noutro a Santiago de Compostela. Parellos son tamén os intentos de desanexión e os debates sobre a maior ou menor fortuna de pertencer ás entidades máis grandes ou continuar como concellos independentes.

E, finalmente, en 1885 abriu o psiquiátrico de Conxo que, durante 68 anos, foi o único centro dedicado á atención psiquiátrica na Galiza. Nos últimos tempos son diversos os estudos sobre as persoas internas no psiquiátrico, sobre todo no referido ás historias das mulleres. Ese é o centro de investigación do volume de Montse Fajardo recoñecido co Premio Follas Novas, Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, que tamén foi Premio Selic 2023. Tamén o é do libro de Carmen V. Valiña As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936.

Mais Conxo achega á nosa memoria colectiva outros fitos históricos importantes como o que nos sinala o Castelo da Rocha, vestixio dun pasado medieval marcado pola revolta Irmandiña, ou por ser o lugar onde se situou a canteira a ceo aberto de onde se extraeu o granito para levantar as paredes e os arcos da Catedral de Santiago, concretamente das canteiras de Conxo e de Vidán.

En Conxo déronse importantes mobilizacións obreiras, como a que desencadeou a folga das obras da Universidade de 1898, un dos capítulos dun volume que verá a luz proximamente editado polo Consorcio. Non hai que esquecer que Conxo é unha zona industrial con numerosos/as artesáns/ás e que son importantes os serradoiros, os almacéns de fariña, de aceite, de carbón, ou a instalación de industrias de innovación tecnolóxica.

Falamos dun barrio en que houbo unha profunda represión tras o golpe de Estado de 1936. Alí está moi viva, entre outras, a memoria de Marcelino Pasín, asasinado en Boisaca.

Honrar Conxo, a súa histórica e a xente que fai barrio e contribúe a que se manteña vivo e con dinamismo é o sentido do acto de conmemoración que terá lugar o 15 de maio de 2025.

Vistas de Santiago de Compostela desde o monte Pedroso. / Mundiario

Nesta conmemoración simbólica reproduciremos o percorrido que fixo a última corporación municipal de Conxo, mais en sentido contrario: a actual corporación municipal de Santiago de Compostela sairá en comitiva desde o Pazo de Raxoi cara a Conxo. Farémolo en honra da veciñanza das parroquias de Figueiras, Laraño, Villestro, Marrozos, O Eixo, Aríns e Bando que, xunto coa capital de Santa María de Conxo, constituían o antigo territorio municipal.

Realizaremos un pleno extraordinario nun edificio emblemático, no hospital psiquiátrico, con intervención de portavoces municipais e unha representación veciñal.

Ao longo de todo o ano haberá máis actividades conmemorativas: roteiros teatralizados, rutas e camiñadas, actuacións musicais, presentacións de libros, e unha exposición de fotos antigas recollidas nas parroquias que fixeron parte do antigo Concello de Conxo: “100 anos, 100 fotos”. Faremos así xusta promoción dos sinais de identidade tradicionais dun antigo concello, hoxe barrio compostelán, que engrandece a nosa historia e contribúe a ter na diversidade unha das súas maiores riquezas.

E remato o artigo como comecei, a reivindicar de maneira particular as súas mulleres, entre elas as leiteiras, parte substancial da historia do noso concello. Que comece a festa! Viva Conxo! Viva Compostela! @mundiario