Compostela e Ribeira, dous exemplos de orzamentos partidistas
A memoria humana é fraca.
No pleno de marzo de 2017 o Concello de Santiago aprobou por unanimidade unha moción do BNG para lle demandar á Xunta a actualización dos custes da Capitalidade. Todos os grupos defenderon esa necesidade e entenderon que os 2.325.000 euros que naquela altura recibía a capital da Galiza eran insuficientes. Quero lembrar que en 2007 a cifra ascendera a 3 millóns, e que nos anos sucesivos foi incrementándose até 3.180.000 euros en 2009 e 2010, até que o PP recortou a cantidade, primeiro aos 2.703.000 e logo aos 2.392.425 euros que o Concello recibiu até a chegada do BNG ao goberno municipal.
En xullo de 2019, co PSOE no goberno, unha nova moción do BNG, en vista da falta de avances neste sentido, solicitaba, reclamar os 5,5 millónss de euros que determinara o estudo xa de había anos de Luís Caramés. Tamén propoñiamos que se actualizasen os estudos existentes e que se abrise unha negociación coa Xunta de Galicia a este respecto. Nesta proposta xa non houbo unanimidades. O PP abstívose por ser excesivamente concreta e o PSOE, ese PSOE que agora di defender a cantidade que lle corresponde a Santiago en concepto de capitalidade e que fala de facer unha emenda aos Orzamentos da Xunta para que se incrementen os 3 millóns que vai recibir Compostela en 2026, votou en contra. Fíxoo argumentando que esas cuestións se negociaban “doutra maneira”, por atrás, sen dar conta delas para non confrontar coa Xunta de Galicia.
Non sei se ese PSOE que votou en contra do incremento a 5,5 millóns de euros era o mesmo que este PSOE, hoxe roto e dividido na Corporación municipal. O que si sei é que as dúas persoas que hoxe representan o PSOE na Corporación municipal votaron en contra da moción do BNG. E a política do Partido Socialista naquela altura de non confrontación coa Xunta serviu para que a cantidade non se incrementase nin en 2022 nin en 2023. De feito, na celebración do vixésimo aniversario da promulgación da Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade de Santiago de Compostela o daquela alcalde compostelán obviou o tema, cando todo indicaba que era o momento de conseguir un compromiso firme que mudase o rumbo seguido polo PP.
Unha débeda histórica coa capital do país
Tivo que chegar un goberno do BNG para reclamar con contundencia ese financiamento, que é unha débeda histórica coa capital do país, que continúa a medrar ano a ano. Na única reunión formal entre a Alcaldía do Concello de Santiago e a Presidencia da Xunta de Galicia, o 2 de outubro de 2023, o Goberno municipal presentou un estudo da USC que sostiña que eran 8.634.310 euros os que Compostela tiña que recibir. Nesta estimación téñense en conta os custos de oportunidade do solo, que se calculan en máis de 284.000 euros; a carga de conxestións derivadas da intensidade do uso de infraestruturas viarias polo tránsito, 713.000 euros; a seguridade vinculada á capitalidade, 5,7 millóns; gastos derivados do uso e potenciación do idioma galego, 227.000 euros; e patrimonio, representación e turismo, 1,6 millóns de euros. Un estudo anterior, de Luís Caramés e María Cadaval, calculaba xa en 2004 que a cifra debía ser de 5.507.494,3 euros/ano.
De maneira prudente, defendín naqueles momentos (como agora) que entendiamos que non podiamos pasar dun ano para outro de 2,4 millóns a 8, mais que había que ir incrementando a cifra de maneira progresiva, mais substancial, nos seguintes anos. O presidente da Xunta comprometeuse daquela a reunir o Consello da Capitalidade, un organismo que cómpre convocar antes da presentación anual dos orzamentos da Xunta. Porén, incumpriu a súa palabra e decidiu, sen ningún estudo que o avalase, incrementar de 2,4 a 2,6 millóns de euros a cantidade para o ano 2025. A cifra, como vedes, continuaba a ser ridícula, menor que a que Santiago recibía en 2009, mais para o PP tiñamos que aplaudir o que cualificamos de miseria.
O PP chega a finais de 2025 coa obsesión de se facer con determinados concellos na súa loita por chegar ao poder das deputacións en que non goberna. E todo lle vale para iso. Válelle o modelo de moción de censura –practicado, inxustamente mais con eficacia, en Ribeira– e intentado reiteradamente en Compostela sen ser capaz de lograr os apoios necesarios para conseguilo. Mais non só usa ese procedemento. Tamén utiliza o da asfixia e a discriminación, negándolles aos concellos que son obxectivo prioritario (como Santiago) cuestións fundamentais, como a declaración de zona de mercado residencial tensionado (a pesar de cumprir os criterios que marca a lei estatal de vivenda), poñendo paus nas rodas doutras propostas (como o imposto de estadías turísticas), negándose a crear programas de adquisición e rehabilitación de vivendas que noutras cidades da mesma cor política si pon en marcha ou usando a TVG como instrumento para desacreditar e magnificar problemas existentes en todos os concellos do país.
Ribeira e a pinga que fai rebordar a auga
A pinga que fai rebordar a auga destes despropósitos é o que vimos estes días que acontece co Concello de Ribeira após triunfar a moción de censura, e que algún medio con dignidade xa vén de denunciar. A Xunta, que paralizara a construción da residencia de maiores en Ribeira hai uns meses, anuncia de novo que a retoma cinco días despois da moción de censura que fixo que Ribeira teña de novo unha alcaldía do PP. O escándalo é maiúsculo mais non ocupará portadas de xornais nin sairá con esta perspectiva na TVG.
Neste descaro político, e antes de se presentaren oficialmente os orzamentos da Xunta para 2026, o portavoz do PP no Concello de Santiago e deputado no Parlamento galego, Borja Verea, di un día que lle pide sensibilidade á Xunta para incrementar a cantidade para a Capitalidade (non para que se reúna o Consello da Capitalidade e que se analicen estudos ao respecto ou para defender que se duplique a cantidade), cando é evidente que xa sabe que a Xunta incrementará até os 3 millóns de euros a cifra por este concepto. E si, claro, como se todo fose unha casualidade e nada estivese perfectamente orquestrado, ao día seguinte a Xunta filtra esa cantidade e o PP compostelán di que é grazas a el. Mesmo unha concelleira do PP afirmou que “Borja Verea liderando a oposición subiu máis o Estatuto de Capitalidade que nos últimos 15 anos con 6 alcaldes e 9 portavoces”. É importante lembrar que dos 6 alcaldes, 3 eran do PP! Como alguén en resposta a estas declaracións dixo, de maneira moi gráfica, que é “grazas a el estar na oposición” que a Xunta vai facendo estes mínimos incrementos. Pois que continúe.
Mais, falando en serio, como se pode dar por válida unha cifra que aínda é inferior á xa recibida con anterioridade á etapa do PP? E como pode facerse sen ter en conta os estudos existentes a este respecto? Como pode non cumprirse todos os anos coa norma que estipula que se reunirá o Consello da Capitalidade antes de presentar os orzamentos da Xunta? De que serve a palabra dun presidente que desde esa xuntanza de outubro de 2023 se negou a reunirse co Concello de Santiago, para non falar nin da capitalidade nin da política de vivenda nin da política aeroportuaria? E como pode pretender arrogarse un portavoz da oposición, por moito que sexa deputado, a capacidade de poñer cantidades nos orzamentos da Xunta? Daquela, haberá que pasarlle a factura por todas as que non aparecen.
Política de discriminación e arbitrariedad
Se o portavoz do PP en Compostela se interesa de verdade polo noso concello, deberá votar a favor das emendas que soliciten incrementar esa cantidade (algo que non fixo nos exercicios anteriores), como tamén deberá facelo para que se orce o Centro de Día nas Fontiñas, cuxa parcela está cedida hai anos á Xunta de Galicia, deberá apoiar tamén a creación do Conservatorio de Danza, de investimentos deportivos que hai anos que a Xunta non fai en Compostela e si noutros lugares, do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas ou de obras necesarias en instalacións educativas. Como mostra deste interese debera tamén solicitar que a Xunta realice un investimento en Compostela en políticas de rehabilitación. E deberá deixar de incluír como investimentos en Santiago aqueles que o son para todo o país ou unha grande área, como os do Complexo Administrativo de San Caetano, o Centro de Protonterapia ou o CHUS.
Mais sobre todo, sobre todo, deberá esixir que cese a política de discriminación e arbitrariedade cos concellos que non son do PP. Fica para outra ocasión falarmos de como o PP quere darlle a volta ás consecuencias do taxazo de Sogama, querendo converter as vítimas (as administracións municipais) en responsábeis e na manipulación populista que desenvolve até límites insospeitados que dá boa conta das súas ansias de conseguir o poder -todo o poder- a calquera prezo. @mundiario