Cousas miúdas

Claro que agora non é antes!

Editorial Galaxia publica Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila, de Antón Baamonde. / Mundiario
Seis cousas miúdas sobre o novo libro de Antón Baamonde, Rueda e Altri, Feijoo e o emérito, o bloqueo petroleiro a Cuba, a transparencia financeira dos medios e o derradeiro valse de Miguel Ríos.

Cousa I

Vólvome atrever co capítulo das recomendacións. Galaxia tira do prelo o novo ensaio de Antón Baamonde, Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila. Un novo exercicio de pensamento sobre o noso país, a fechar unha sorte de triloxía que ten como elos anteriores Unha nova Olanda e Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla.

Necesitamos máis pensamento, máis obra escrita, sobre Galiza. Necesitamos obxectivar a súa realidade, lonxe do estatismo, a apreixar a súa dinámica: nunca podemos bañarnos no mesmo río, etc. Nese sentido, a achega de Baamonde é moi digna de ser tida en conta.

Alguén diría que “revolución tranquila” é un oxímoro, mais talvez non o sexa, talvez o que precisamos sexa iso, tranquilidade, serenidade, ter bo xuízo, acertar coas análises, aprender da vida ou, como dicía Deng Xiaoping, emancipar a mente e procurar a verdade a partir dos feitos.

Cousa II

Rueda di que Galiza vai perder un proxecto industrial por culpa do nacionalismo.

Refírese a ese proxecto industrial que Portugal non quería no seu territorio?

Quen vai agora pelexar por ese magnífico proxecto industrial? Algún país minimamente avanzado?

Cousa III

Feijóo reivindica o emérito: Dios los da y ellos se juntan.

Cousa IV

O bloqueo petroleiro estadounidense a Cuba é un acto de guerra. Vergoñento o comportamento da "comunidade internacional" ao respeito e non digamos a focaxe do asunto de certos meios sedicentemente progresistas.

Cousa V

Estou moito a prol da transparencia nas contas das empresas -por cima de todo, no que atinxe ao diñeiro público- que xestionan o dereito de todas e todos a sermos verazmente informados.

Supoño que non haberá ninguén que se opoña.

A que non?

Cousa VI

Fun ver Miguel Ríos ao vivo, 81 anos, fechas os ollos, escoitas a voz, esqueces a idade, que este non sexa o teu derradeiro valse, mestre. @mundiario