Castelao, unha xeración e un tempo histórico

Alfonso Daniel Rodriguez Castelao.
Diante dunha biografía tan monumental e documentada como a que Miguel Anxo Seixas Seoane realizou sobre Castelao teño que confesar que me debruzo unha e outra vez con enorme pracer como lector.

Naquel Ideal Gallego no que nos anos setenta traballaban xornalistas como Xosé A. Gaciño ou Luís Pita e que dirixía o xornalista sevillano Rafael González, que xa en 1966 publicara na revista Signo, en Madrid, un número especial dedicado a Galiza no que se ofrecía un artigo de X. L. Méndez Ferrín sobre Castelao e un traballo de Bautista Álvarez baixo o título “La Autodeterminación no es separatismo” –como nos ilustrou recentemente Xan Carballa–, no Ideal Gallego de xaneiro de 1975, digo, coincidindo co 25 cabodano da morte de Castelao, tiven a sorte aos meus 14 anos de descubrir a figura de Castelao nun especial que conservei durante varias décadas.

VALENTÍN PAZ-ANDRADE

A miña seguinte e máis profunda aproximación a Castelao sería a lectura do Sempre en Galiza, Cousas, Retrincos, Nós e os álbums de guerra, e en 1983 Isaac Díaz Pardo puxo nas nosas mans Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz-Andrade. Con que emoción e con que entusiasmo lin aquela biografía! Desde entón nunca deixei de admirar a aquel home que fora un dos grandes amigos de Castelao, co que Daniel mantivo sempre a correspondencia, a pesar das diverxencias ideolóxicas e das diferentes traxectorias políticas a partir dun determinado momento.

A amizade e o amor ao país estaba por riba de todo. Era o traballo de Paz-Andrade un libro de memoria vivida, escrito desde as súas propias vivencias á beira de Castelao, utilizando o seu arquivo persoal e as opinións dalgunhas das persoas daquela xeración que sobreviviran á traxedia do 36.

RAMÓN OTERO PEDRAYO

Claro que tamén lin con todo o interese por eses anos Castelao contra a manipulación, editado en Xistral, dentro do inxente labor do nacionalismo galego por dar a coñecer o verdadeiro Castelao, pero a min persoalmente sempre me conmoveron e interesaron máis as páxinas dun libro como o de Paz-Andrade ou A miña amizade con Castelao, aquela conferencia que don Ramón Otero Pedrayo pronunciou o 18 de setembro de 1971 no Museo Carlos Maside,  con 81 anos, co ditador aínda vivo e cando só reivindicar o nome de Castelao era case delito. Acaso no retrato de Otero Pedrayo non temos tamén un Castelao verdadeiro? Non só verdadeiro, senón case vivo na lembranza emocionada do amigo.

Naquel acto do Castro, en Sada, don Ramón Otero Pedrayo dirá que “podía facer unha conferencia posiblemente ouxetiva conforme ás filosofías actuais, pro sería unha cousa sin corazón (…) prefiro falar de recordos porque fai vinte anos que morreu Castelao. Moitas veces parece que escoito a súa voz a carón de min; moitas veces parece que (escoito) a súa sorrisa, que era sempre previa a calquera cousa, a unha conversa, a unha conferencia, ou á discusión parlamentaria”. E nun momento do seu verbo torrencial aínda dirá don Ramón: “Eu ó falar estas cousas adrede busco a risa, sin embargo o meu corazón non rie. Busco a risa para non cecáis diante de vós estalar nalgún salouco”. Non creo que haxa un só ensaio que nos poida impactar como impactaban en nós as palabras de Otero Pedrayo.

MIGUEL ANXO SEIXAS SEOANE

Por suposto que valoramos, como non podía ser doutro xeito, todas as achegas e interpretacións que se fixeron nos últimos anos sobre o pensamento e o conxunto da obra de Castelao, especialmente os libros de María Pilar García Negro e Manuel Rei Romeu, así como canto esforzo se leve a cabo por divulgar a súa enorme figura, mais diante dunha biografía tan monumental e documentada como a que Miguel Anxo Seixas Seoane elaborou sobre Castelao teño que confesar que me debruzo unha e outra vez con enorme pracer como lector.

Portada do libro Castelao. construtor da nación. / Editorial Galaxia

Os tres tomos de Castelao. Construtor da nación, esas 4.000 páxinas desa magna obra, constitúen moito máis que a mellor biografía de Castelao que se escribiu desde a súa morte. É tamén o retrato de toda unha xeración e a crónica rigorosamente fiel, fluída, amena e riquísima dun tempo histórico, na que non falta ningún dato ou acontecemento que ilumine a traxectoria vital de Castelao e a súa época. Unha obra certamente extraordinaria, e por riba de todo, unha visión humana e humanista da figura de Castelao.

Non son estes tres volumes unha lectura para quen só procure coñecer mellor o pensamento político de Castelao. A través da tese de doutoramento de Miguel Anxo Seixas asistimos á construción dunha nación case día a día, como se o vivísemos á beira do propio Castelao e de todas aquelas personalidades, coa ilusión e as adversidades dos tempos da II República ou coa dor, a coraxe política, a perseverancia, a tristeza, a desesperanza e o pesimismo dos anos posteriores. É unha biografía cabal e imprescindíbel de Castelao e dunha xeración que aínda hoxe non fomos quen de superar en altura intelectual, compromiso político e entrega humana. A lectura desta obra de Miguel Anxo Seixas Seoane só pode levar á nosa afervoada admiración por Castelao e por toda aquela xeración e á conciencia de que somos un pobo con historia de seu e momentos moi luminosos na construción da nación. @mundiario