De Adrián Solovio a Otero Pedrayo
Estes últimos días, ademais de ir lendo os moi interesantes traballos que Nós Diario está a publicar sobre don Ramón Otero Pedrayo, dedicamos algunhas horas a revisitar os seus libros que máis amamos e algúns outros que se escribiron sobre a súa figura. Para nós sempre foi un pracer reler a Otero. Aínda lembro cando na miña mocidade merquei Arredor de si. Tan fascinado estaba co libro, incluso coa súa fermosa edición, a terceira que fixo Galaxia, que recordo perfectamente de ir unha tarde con miña avoa amontoar as fabas a unha terra que lle chamamos A Reguiña e que levaba comigo o libro de Otero Pedrayo para o terreo, para collelo entre as mans cada vez que faciamos un pequeno descanso e nos sentabamos no cómaro. E logo, mentres traballabamos co raño, eu faláballe a miña avoa de don Ramón Otero Pedrayo e de Adrián Solovio.
A miña idea inicial sobre aquela obra de Otero non cambiou substancialmente co tempo, aínda que a visión que agora teño acerca da súa relevancia literaria e filosófica si se acrecentou ao longo dos anos coa lectura de diversos ensaios que abordan este texto oteriano, e iso aconteceu moi especialmente co discurso de ingreso na Real Academia Galega do historiador Ramón Villares, Fuga e retorno de Adrián Solovio, sen dúbida algunha o mellor traballo que até agora se publicou sobre Arredor de si. A lección que eu aprendera naquela primeira lectura de 1980 é desas leccións que se aprenden dunha vez e para sempre e que con textos como o de Villares podemos alcanzar a comprender dunha forma cabal, en toda a súa riqueza.
AUTOBIOGRAFÍA DE OTERO OU DO GRUPO NÓS?
Existe certa controversia a respecto de se esta obra de Otero é a súa propia autobiografía sentimental, intelectual e ideolóxica ou a da súa xeración. Unha das persoas que máis estudou o conxunto do corpus narrativo de Otero Pedrayo, a profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, advírtenos de non interpretar este libro de Otero só en claves biográficas, pois o propio Vicente Risco, no seu famoso ensaio Nós, os inadaptados, veu reflictido o seu grupo xeracional nas súas páxinas. “É a autobiografía do cenáculo do autor, ao que eu pertenecín tamén”, di Risco. Pola contra, Carlos Casares, bo coñecedor tamén da obra oteriana, sempre mantivo que era o propio Otero Pedrayo quen estaba detrás do personaxe de Adrián Solovio. O que é innegábel, como ben indica Villares, é a evidencia de que a figura central de Arredor de sí, Adrián Solovio, ten abondosas semellanzas coa traxectoria vital de Otero, sen que iso nos leve a non ver os compoñentes de carácter xeracional que tamén hai na obra. E non ignoremos tampoco que Ramón Otero Pedrayo, naquela conversa con Vítor Freixanes para o libro Unha ducia de galegos, recoñece que en Arredor de si hai “vivencias moi íntimas que dalgún xeito non soio eran miñas sinón de toda a miña xeración, que atopou o galeguismo por aqueles anos”.
UNHA MIRADA NOVA SOBRE O PAÍS
Sexa a viaxe espiritual dun só individuo ou dunha xeración, o que a nós nos interesa destacar aquí é como a través desa viaxe, o protagonista da novela, Adrián Solovio, se transforma nun home cunha mirada nova sobre as súas orixes, sobre a cultura do seu país, sobre Galiza, que, efectivamente, coincide coa traxectoria de Otero Pedrayo. Non se trata só do retorno dun Ulises á súa patria, senón do proceso de construción da propia identidade de Adrián Solovio, da descuberta de Galiza como a súa nación e da súa plena identificación co país, máis aló do vínculo afectivo coa nai e co tío-avó don Bernaldo, aquel fidalgo de espírito romántico que á luz dunha vela lle mostraba o rostro físico de Galiza no Mapa de Fontán. Desa longa viaxe de fuga e retorno, desa profunda aprendizaxe espiritual, nace un home novo, un intelectual que deixa de andar errante polo mundo para alcanzar ao fin o acougo, a seguranza e a ilusión de comprometerse coa redención da súa Terra.
O Adrián Solovio que vive en Madrid, que sente verdadeira paixón por Toledo, ao seu regreso a Galiza percátase que el, que viña de coñecer cidades como París, Colonia, Berlín, Anveres, Bruxas ou Gante, “nunca estivera en Santiago”, e durante a viaxe que fai desde Compostela á súa aldea de Ourense mesmo descobre con asombro que toda aquela xeografía tan pouco coñecida para el ten nome propio paso a paso, aldea a aldea, para o chofer que o leva á súa casa familiar da bocarribeira. Todo iso conduce a Adrián Solovio a unha nova mentalidade, a outra maneira de ver e sentir o país, que Otero Pedrayo transformará algúns anos despois en compromiso e acción galeguista a través de Martiño Dumbría, un dos protagonistas das páxinas de Devalar, esa outra novela que cómpre ler como a continuidade de Arredor de si.
A experiencia que vive Adrián Solovio ten moito a ver, por suposto, coas peripecias vitais de Ramón Otero Pedrayo até que conquistou o seu sosego espiritual, até sentirse parte dun pobo, un intelectual da nación galega consciente da súa responsabilidade coa redención da súa Terra. Esa viaxe de retorno, esa aprendizaxe, é unha das grandes leccións que todas e todos nós podemos aprender simplemente lendo Arredor de si. Non para alcanzarmos a categoría humana e intelectual de don Ramón, que iso é imposíbel, pero si para reencontrarnos co noso país, coa súa lingua e coa súa cultura. Tamén para redescubrir a Otero Pedrayo, que é un país de palabras, unha literatura enteira.
Lin demasiado tarde Os camiños da vida. Moito me houbese gustado lerlle o primeiro capítulo a miña avoa Lola. @mundiario