A quen beneficia esa contiosa cifra millonaria do gasto familiar?

La Navidad suele incentivar el consumo. / muypymes.com
Tenda de Nadal. / muypymes.com

As próximas semanas poderían ser aproveitadas para facermos consumo solidario cos produtos elaborados en Galicia; crean riqueza e emprego, segundo este comentarista.

A quen beneficia esa contiosa cifra millonaria do gasto familiar?

O peche progresivo de explotacións agrarias é a causante, en gran medida, dos fluxos migratorios cara as vilas e cidades localizadas na franxa atlántica do país, onde  se concentra xa o 60%, máis ou menos, da poboación galega. Vigo e a súa comarca, por exemplo superan o número de habitantes da provincia de Ourense.

Co peche  de explotacións agrarias Galicia perde recursos, que as grandes cadeas de distribución aproveitan para introducir produtos foráneos que desprazan aos autóctonos que atopan serias dificultades para introducirse nestas canles de comercialización. As dificultades son tan grandes como a competitividade deses mercados. Producir para non poder vender é o drama de moitos pequenos empresarios de transformación de produtos agrícolas.

O repunte dos índices de consumo que se anuncian para a campaña do nadal beneficiarán ás marcas comerciais que non son galegas. O negocio das festas en Galicia ascenderá a preto de 890 millóns de euros, e iso sen contar,como teñen dito voces autorizadas, que o factor emocional provoque que o consumidor gaste máis dos 684 euros, que é o gasto medio de cada fogar.

A quen beneficia esa contiosa cifra millonaria do gasto familiar? Imaxínese por un momento, amigo ou amiga lectora, que os consumidores galegos aplicasen o principio da discriminación positiva nas súas compras e optasen por decantarse por aquelas ofertas que se elaboran en Galicia. Os resultados serían evidentes: maior crecemento económico do noso tecido produtivo, evitando que os gastos fosen para engordar os beneficios de marcas comerciais producidas fóra do noso país.

Estamos, xa que logo, ante unha situación que é merecente dunha reflexión por parte dos partidos políticos, que estes días tratan de convencer aos electores das bondades das súas propostas para Galicia; dos sindicatos que aglutinan a un número considerable  de traballadores, moitos deles no paro, precisamente pola destrución do emprego; e polo movemento asociativo que reivindica os sinais de identidade de Galicia; e nomeadamente das amas de casa que son as que manexan as economías familiares. Optar pola compra duns produtos foráneos, se cadra algo máis baratos, é tirar pedras contra o noso propio tellado: fartura para hoxe e fame para mañá.

Os galeguistas do primeiro terzo do pasado século tíñano claro. Exhortaban á poboación  a consumir produtos galegos: “os que  enriquecen e consumen produtos alleos, sabotean así a nosa economía e o noso traballo”. Fan o mesmo os nacionalistas de hoxendía? Hai que predicar co exemplo.

O Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen insistindo coas súas campañas publicitarias neste discurso, engadindo algo máis: amosar preferenza por aqueles que están etiquetados na nosa lingua.

Seremos quen de sermos todos mías solidarios?  Os que teñen que facer pedagoxía social de amor polo país teñen que ser os primeiros dando exemplo.

Comentarios