Qué foi de Pemex?

Pemex.
Pemex.

Na nosa economía hai falta verdadeiramente de planificación para organizar novos investimentos, e tamén hai ausencia de rigor no destino e seguimento dos investimentos públicos realizados

A pregunta non é esa exactamente, xa que Pemex seguirá coa súa  vida pola  senda do mercado petroleiro mundial. Pemex ha ter bastante cos seus avatares (antes usabamos este termo no sentido dos traballos marcados polo sino ou destino de cada quen, hoxe pareceu personalizarse nun monstro ou persoaxe). Pemex é un exemplo de empresa pública. No momento actual segue sendo unha das grandes petroleiras mundiais, posúe o prestixio histórico de compañía paraestatal modélica e asimesmo sinalaríamos que está sufrindo os problemas propios dun mercado mundial petroleiro moi convulso, problemas que toman a forma empresarial/económica e/ou política. Parte dos problemas internos proceden da discusión traumática para os mexicanos da posíbel privatización parcial xa que Pemex é algo mais que un conglomerado de compañías petroleiras : é un símbolo expresivo da soberanía nacional con mais de 79 anos de vida exitosa.

A nosa relación con Pemex procede do ano 2012 en que despois dunha entrevista entre o presidente galego e un directivo da compañía anunciase a bombo e pratiño, mais bombo que prato- un investimento enorme de Pemex na Galiza con tantos postos de traballo que iban significar(sic) o comezo da saída da crise. De paso o investimento estranxeiro levado a cabo pola empresa mexicana daba sentido ao inútil (chamámoslle inútil a un ben que non ten función) porto de punta Langosteira: a suposta instalación no porto exterior coruñés dun centro loxístico e mais unha terminal de graneles líquidos, así como a construción dunha serie de floteis que darían un empurrón á industria naval galega. De entrada o negocio inicial foi adquirir un 51% do capital de Barreras por un importe que da vergoña escribilo (5,1 millóns de euros) para acabar hoxe abandonando o deber de xestión do asteleiro adquirido, incumprir os prazos dos floteis encarregados e finalmente abandonar o restante posíbel investimento facendo mutis polo foro.

Non obstante, mesmo mantendo unha actitude de comprensión dos problemas da empresa para non rematar os proxectos anunciados na Galiza, hai un aspecto deste asunto que reclama atención. Suponse que ao estabelecer negociacións con gobernos  estranxeiros, neste caso cunha empresa paraestatal existirá un degrau de elaboración dos preacordos o suficientemente prolixos para que unha vez anunciado o acordo teña firmeza de contrato. De non ser así as conversas son só conversas para quedar en:” agora fago isto e logo… xa veremos”. Unha conversa non é un proxecto e non se debería xogar coa esperanza e a necesidade dos galegos, criando falsas ilusións nun porvir engaiolante. Ou estamos negociando no ámbito dos proxectos ou estamos inaugurando maquetas. E, xa se sabe, as maquetas crían ilusión óptica pero unha vez fóra do foco da imaxe, non son máis que iso: ilusión. Na nosa economía hai falta verdadeiramente de planificación para organizar novos investimentos, e tamén hai ausencia de rigor no destino e seguimento dos investimentos públicos realizados. A esperanza no elefante branco do investimento estranxeiro, sen atender as nosas capacidades, é só confiar en que os demais, facendo o seu negocio, beneficien á economía galega.

Comentarios