A pouca memoria dos mercados facilita a repetición dos desastres financeiros

John Kenneth Galbraith.
John Kenneth Galbraith.

John Kenneth Galbraith advertiu, no outono de 1987, que a historia financeira se repite por unha especie de sofisticada estupidez. O sucedido no 2007 confirmou a solvencia da súa advertencia.

A pouca memoria dos mercados facilita a repetición dos desastres financeiros

O día 30 de Outubro de 1987 aparecía publicado en El País un artigo –“A loucura de 1929 repítese”- do economista John Kenneth Galbraith para comentar o derrube que se tiña rexistrado naqueles semanas no mercado de Wall Street.

Case vinte e sete anos despois, a lectura deste artigo resulta moi reveladora da lóxica do sistema económico dominante.Repasemos algunhas das afirmacións realizadas polo profesor canadiano: ”A historia repítese en asuntos financeiros, por unha especie de sofisticada estupidez.Nos meses e anos que precederon ao grande crash de 1929 había unha grande cantidade de persoas e institucións dispostas a mercar na bolsa simplemente porque estaba subindo, pensando en liquidar antes de que baixara.O mesmo pasou nos últimos meses.(...) O factor dominante foi a cobiza, que se transformou de súpeto en medo –o remate da euforia especulativa-; o desexo de fuxir das persoas e institucións que seguiran no mercado mentres estivo en alza e o medo que orixinou inmediatamente cando o mercado comezou a baixar.(...) En Outubro de 1987, igual que no Outubro de 1929, descubrimos ate que punto as xentes creron cegamente no mito do mercado.(...) A memoria financeira dura uns 10 anos.Este é aproximadamente o intervalo entre un episodio de sofisticada estupidez e o seguinte.(...)Temos que rematar co déficit orzamentario.Parte de isto pode ser realizado eliminando o absurdo exceso dos gastos militares.Se é necesario aumentar impostos, eu faríao nas rendas superiores.Non creo na doutrina Reagan-Thatcher de que os ricos non traballaron porque teñen demasiado pouco diñeiro mentres que os probes non o fan porque teñen demasiado”.

Galbraith non formou parte da corrente de economistas de tradición marxista e mesmo foi considerado, en ocasións, como un exemplo de liberal norteamericano (pais onde desenvolveu a maior parte da súa actividade como pensador e profesor).Porén, o contido desas breves reflexións emitidas en 1987 certifican dúas realidades relevantes:a persistencia dunhas prácticas especulativas no cerne do sistema capitalista e a subordinación ou complicidade dos principais poderes políticos do mundo occidental cos grupos financeiros que provocaron a crise xurdida nos USA.Se Galbraith estivera vivo podería repetir os argumentos básicos do seu diagnóstico para describir o sucedido a partir do outono do 2007.

Cando se trata de explicar o que pasou nestes sete últimos anos existe unha ampla coincidencia entre a maioría dos economistas á hora de sinalar os principais vectores do proceso vivido:

a) Política de préstamos demasiado permisiva por parte de certas entidades financeiras norteamericanas e presenza de produtos financeiros cada vez mais complexos e descontrolados.

b) Insuficiente e inadecuada regulación das actividades do sector financeiro e deficiente actuación das autoridades políticas encargadas de exercer o control das mesmas.

c) Falta de información fiábel sobre os activos e as transaccións das institucións financeiras.

d) Ruptura da confianza entre os bancos e aparición dunha grave crise de liquidez:os propios bancos non obteñen recursos nos mercados financeiros e solicitan axudas aos gobernos para non desaparecer.

e) Translación da crise ao conxunto da economía:os bancos reducen e/ou encarecen os préstamos ás empresas e aos consumidores coa conseguinte diminución da actividade económica e o medre do desemprego.

Os impactos concretos da crise nos distintos territorios gardan, loxicamente, unha relación directa coas propias características de cada economía.No caso do Estado español, o peso excesivo do sector da construción provocou efectos moi negativos no conxunto da dinámica económica.O forte endebedamento das familias e das empresas acumulado durante os anos da expansión –e mais importante, en termos relativos, que o contraído polas Administracións Públicas- constitúe unha debilidade estrutural que penaliza seriamente calquera proceso de saída da crise a curto prazo.

A economía galega tamén percibiu os efectos da crise a pesar da existencia dalgúns aspectos diferenciais a respeito do conxunto estatal (menor peso específico da construción inmobiliaria no tecido produtivo galego e inferior endebedamento das familias e das empresas).

As coincidencias na descrición do sucedido desaparecen no momento de formular criterios e propostas para saír da crise.Hai dous grandes ámbitos nos que se concentran as diverxencias.En primeiro lugar o relativo ás relacións que deben existir entre os chamados mercados financeiros e os gobernos xurdidos da vontade popular expresada mediante sufraxio universal.Para os grandes partidos actuantes en Europa e para aquelas persoas que crean a opinión hexemónica nos medios de comunicación de masas, os “mercados” son as novas divinidades laicas que deben establecer as regras do xogo e os gobernos deben adaptar as súas medidas ás decisións previas deses poderes económicos.”A reacción dos mercados”:velaquí a frase mais repetida nos últimos anos e a proba do nove desa grave adulteración das lóxicas democráticas.Gobernan a economía –e, por tanto, as condicións de vida de millóns de persoas- grupos que non se presentan ás eleccións mais que contan coa inhibición e/ou complicidade daquelas forzas políticas que reciben os apoios maioritarios dos corpos electorais.

Outro campo para o desacordo radica na distribución dos elevados custes provocados pola crise financeira de 2007. Reaparece, neste caso, o vello enfrontamento entre quen reclama unha asunción das cargas por parte daqueles sectores económicos causantes da desfeita e posuidores dunha elevada riqueza acumulada e os que postulan que a factura sexa asumida polas maiorías sociais mediante unha redución substantiva do seu nivel de vida. A pesar dalgúns matices diferenciais, os gobernos dos Estados da UE –mesmo aqueles que teñen unha orientación teoricamente socialdemócrata- están promovendo políticas de redución das prestacións historicamente asociadas ao chamado “Estado do benestar”. A dereita política europea está gañando, por agora, a batalla ideolóxica e práctica a respeito da resposta á crise económica que padecemos.

Comentarios