Portugal, espello forestal de Galicia

Restos do gran incendio de Portugal este ano. / RTVE
Restos do gran incendio de Portugal este ano. / RTVE

O eucalipto é a especie que mais área ocupa na floresta portuguesa, o mesmo sucede en Galicia. A forma de loitar contra os incendios non é a correcta tampouco en Galicia.

Portugal, espello forestal de Galicia

Somos unha potencia forestal: a superficie forestal arborada de Galicia  na actualidade representa o 7,7% da superficie arborada do Estado e  producimos 8,25 millóns de metros cúbicos de madeira no ano 2015  que é mais da metade da madeira que se tala no conxunto do Estado . Galicia pasou de producir o 22,5% da madeira do Estado no ano 1980 ao 30% ao inicio da década seguinte, para chegar ao 48% no 2011, superar o 50% no 2014 e alcanzar case o 58% no ano 2015. Galicia aporta ao Estado o 48% das cortas de coníferas e 62% das cortas de eucalipto

Somos unha potencia en Incendios forestais. No ano 2015 en Galicia danse o 24,22% do total de incendios e conatos de incendios  do Estado e o 12,57% da superficie queimada .  No ano 2016 arderon máis de 20.000 ha que representaban mais da terceira parte do total do Estado. Os incendios son na gran maioría intencionados e ocasionan un gran impacto ecolóxico con enormes gastos sociais, perdas económicas, mortaldade e perdas de diversidade nos ecosistemas  e  perdas humanas. O caso de Portugal evidencia o perigo que corremos en Galicia coas repoboacións forestais de crecemento rápido.

Os eucaliptos  dominan por extensión tanto en Portugal como en Galicia. Portugal ten tamén unha gran extensión de cultivos forestais principalmente eucalipto onde ocupan 812.000 hectáreas plantadas, os eucaliptos en Galicia neste momento ocupan preto de 600.000 hectáreas . En ambos casos os cultivos forestais de eucalipto son principalmente para abastecer as fábricas de celulosa.  No ano 2016 a Administración Galega  na 1ª Revisión do Plan Forestal recoñecía  o avance en extensión do Eucalipto , xa se superara en 230.000 hectáreas a extensión que tiñan previsto  no Plan Forestal do 92  que ocuparía no ano  2032 (dentro de 15 anos ).  

Os incendios. A loita contra os incendios non consiste en que ano tras ano vexamos mais medios:  helicópteros, avións, motobombas, persoal, drons, ...e que cada ano gastemos máis e máis , no 2017 serán preto de 200 millóns de euros, isto só é mercado e propaganda porque os incendios seguen ano tras ano. Necesitamos unha nova política forestal que faga fronte eficazmente aos incendios e que actúe fundamentalmente na prevención (de múltiples formas) para evitar os Incendios. Pero a Administración parece non ter forza, intres nen vontade para esixirlle aos propietarios do monte o que ela mesmo non cumpre e que esta escrito mesmo nas súas Normas e Leis: distancias das plantacións a estradas , vivendas e parcelas estremeiras, limpeza do monte,  cortalumes, talas a feito, lei de avaliación ambiental, rexistro de masas autóctonas...  Os incendios son unha forma de expansión espontánea de Eucaliptos glóbulos  e de Eucaliptus nitens a costa doutros tipos de vexetación, como se evidencia coa experiencia de 60 anos.  Precisase contra os incendios un novo enfoque centrado na prevención, aplicación de novas normas estritas nos cultivos forestais , sancións adecuadas aos infractores e incendiarios...  Urxe adoptar como mínimo 6 medidas para evitar os incendios:

1) A Administración debe cumprir as súas propias normas: a altura do 2017 a Xunta de Galicia non obriga a aplicar a laxa normativa ditada na Lei de Montes 7/2012, calquera pode observar que as distancias marcadas para plantación de eucaliptos con relación a cultivos, pradeiras, vivendas, camiños... non se cumpren (aínda sendo mais laxa que en moitos concellos asturianos) e todos saben que non pasa nada. Os Organismos públicos poden actuar de oficio en zonas de dominio público hidráulicos, zonas de servidume a beira dos rios ( franxa de 5 m), zonas de servidume de tránsito a beira do mar (franxa de 6 m Lei 22/1988 Ministerio de Medio Ambiente), zonas de servidumes de estradas estatais ( franxa de 25 m, R.D. 1812/1994 Ministerio de Fomento) e no resto de estradas (franxa de 8m R.D. 1812/1994 e franxa de 10 m Lei de Montes 7/2012), zonas de dominio público do sector ferroviario (franxa de 8m Lei 39/2003 do sector ferroviario Ministerio de Fomento)... Os organismos públicos poden actuar pero non actúan, son os primeiros infractores ao non respectar nin as súas propias Normas nin Leis.

2) Mentres non se  remate cos incendios deben  conxelarse a extensión de Eucaliptus glóbulos e paralizarse inmediatamente as repoboacións de Eucaliptus nitens.

As cortas anuais de madeira de eucalipto son da orde de 4,5 millóns de m3, e cada vez a especie conquista máis territorio. Mesmo sorprendeu no ano 2016 a Administración na 1ª Revisión do Plan Forestal que en masas monoespecificas xa superaron as previsións para o ano 2032 en 40.000 ha e en en masas misturas xa excedeu en 190.000 ha. So este motivo obriga a esixir unha  redución progresiva do espazo que ocupa hoxe o E. glóbulos e eliminar canto antes aos eucaliptos “invasores” que están hoxe colonizando e prexudicando o  bosque caducifolio.

Os eucaliptos nitens pola sua capacidade e potencial invasor– demostrada dende Informes aportados e aceptados polo Ministerio de Agricultura e o Goberno do Principado de Asturias- e por ser unha especie exótica e pirófitica a plantación e extensión de Eucaliptus nitens pon en perigo o bosque clímax galego.    

Ademais debe elaborarse un Plan de control  para levantar o Eucaliptus nitens plantado ilegalmente ( mais de 30.000 ha) e  un Plan para que non se expanda e invada fragas, matorral ou zonas de cultivo das repoboacións existentes hoxe e mesmo poñer datas e prazos para ir paulatinamente diminuíndo a sua extensión ate que sexa cero.

Os incendios forestais favoreceron a expansión do eucalipto, este  é unha especie pirofítica, pioneira e invasora, que rebrota despois do paso do lume e ademais as súas sementes acadan un medio idóneo de xerminación nas cinzas en masas de miles de plántulas.

Co Eucaliptus glóbulus o problema limitábase dende o nivel do mar ate aproximadamente 300 m de altura, agora co Eucaliptus nitens o problema  vai  dende o nivel do mar e alcanza altitudes superiores aos 1000 m. 

Os incendios que afectan a eucaliptos, pinares, carballeiras, fragas ou monte baixo son un “caldo de cultivo” para a introdución e/ou perpetuación do eucalipto nesas áreas. As repoboacións  nuns casos e as “invasións”  fan que cada vez teñamos mais eucaliptos e ocupen un espazo maior. 

3) Ten que aproveitarse sistemáticamente o matorral  e o pasto no forestal arborado  por gando en liberdade  (ou seme-liberdade, en vixilancia a quendas ou individual estrita), a gandeira extensiva : vacún, ovino, caprino, cabalar e en algúns casos porcino, así diminuirá a biomasa a disposición do lume e manterase o monte pastable, ademais de podelo aproveitar para outros usos. Crearía postos de traballo todo o ano, e fixaría poboación no rural. Lembremos que a superficie de matorral que arde anualmente é maior que a superficie arborada, desta maneira a posibilidade de incendio redúcese.  O monte debe  compatibilizar os usos con aproveitamentos diversos: madeireiros si pero tamén debe aproveitarase a leña, biomasa, resina, froitos, mel, cogomelos, caza, plantas medicinais e aromáticas... e mesmo debe contemplarse o fin social.    

4) Unha nova política forestal e unha ordenación do territorio. Debe contemplarse  cambiar as especies forestais nas repoboacións, é mais nun momento de Cambio Climático que leva máis seca no medio, temos especies propias do bosque autóctono (cerdeiras, castiñeiros, carballos, nogueiras, freixos...) que están adaptadas ao medio galego e consumen menos auga do solo que as especies australianas ou californinanas de repoboación actuais e crean un ambiente máis húmido e fresco no interior do bosque, resisten mellor as condicións adversas e o lume e son rendibles economicamente , ecoloxicamente e socialmente. 

5) Convén que a Administración poña normas novas co fin de evitar o inicio do lume. As Comunidades de Montes e os propietarios particulares con repoboacións de crecemento rápido de piñeiros e eucaliptos teñen que vixiar os seus montes, mantelos relativamente “limpos” e en condicións de baixa posibilidade de incendio, aplicando a retirada por parcelas/franxas de biomasa anualmente ou cada certo número de anos dependendo das zonas e de criterios ecolóxicos. En caso de incendio e por ter abandonados os montes deben aportar unha porcentaxe económica relacionada cos gastos realizados para apagar o lume. Os incendiarios teñen que ser perseguidos e sancionados eficazmente, non como ate agora.

6 ) Ten que crearse un Imposto Verde. Non pode recaer no conxunto da sociedade o custo de preto de 200 millóns de euros para a campaña anual de loita contra os incendios, polo que por cada metro cúbico de madeira de piñeiros e eucaliptos que se tale débese aplicar un canon que serva para recadar economicamente e destinado a loita de prevención primeiro e loita contra incendios e recuperación despois, canon que desaparecerá cando desaparezan os incendios forestais. 

Ao mesmo tempo dado o impacto medio ambiental que traen as repoboación s forestais de crecemento rápido debe crearse un imposto verde si se insiste en plantar estas especies, imposto que iría destinado a un fondo exclusivamente medioambiental. 

Hoxe tristemente foi Portugal, mañán de non  adoptar estas e outras medidas pode ser Galicia.

Comentarios