As Pontes e Meirama seguirán contaminando cando é imprescindible o seu peche

Central térmica de As Pontes.
Central de As Pontes.

A connivencia entre os gobernos e as empresas eléctricas é mais forte que nunca e Galicia volve estar apartada das grandes decisións.

As Pontes e Meirama seguirán contaminando cando é imprescindible o seu peche

Na Unión Europea funcionan 280 centrais térmicas de carbón, delas 30 son especialmente contaminantes. O Estado español conta con 4 térmicas que están incluidas na lista das 30 máis contaminantes en Europa . A central térmica de As Pontes está a cabeza desas catro ao ser a de maior potencia eléctrica e maiores emisións contaminantes.

As centrais térmicas de carbón no seu funcionamento normal emiten dióxido de carbono, monóxido de carbono, dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, óxido nitroso, partículas, metano, mercurio, chumbo, cadmio, benceno, naftaleno, flúor... e así ate 28 contaminantes catalogados a atmosfera e o mesmo podiamos dicir si comprobamos os vertidos a auga onde podíamos atopar 19 contaminantes. No Rexistro Estatal de emisións contaminantes, PRTR, As Pontes declara 11 contaminantes a atmosfera e Meirama declara 14 contaminantes, ningunha declara contaminantes na auga. Resulta curioso que As Pontes presente menos contaminantes que Meirama cando ten maior produción e utiliza moita mais combustible –hulla–, descoñecemos si é porque non alcanzan un umbral mínimo necesario para declaralos ou por ocultación da empresa.

As Pontes e Meirama

Destacan as térmicas de carbón de As Pontes e Meirama pola emisión de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) cuantificados en 9.130.000 toneladas, cifra que representa o 65% de todos os GEI cuantificados no Rexistro (PRTR) para Galicia que son 14.080.044 t. Si consideraramos todas as fontes de emisión ( automoveis, fogares, agricultura, pesca, industria...) estas dúas térmicas representarían o 31,7% de todas as emisións de GEI.

A nosa contribución a contaminación no Estado é sumamente importante segundo o Rexistro de Emisións (PRTR, datos novembro do 2017 ) , Galicia grazas as térmicas é a terceira Comunidade por emisións a atmosfera e representamos o 12,96% do Estado é As Pontes a primeira industria do Estado polas súas emisións neste gas de efecto invernadoiro, con 6.930.000 toneladas, chega a superar a industrias moi contaminantes de Asturias, Andalucía ou Aragón e mesmo no Pais Vasco ou Cataluña, como sucede con ArcelorMittal siderúrxica de Avilés e Xixón que emite 5.720.000 toneladas e a tres térmicas que lle seguen : Aboño, Litoral e Anllares . Tamén somos a primeira Comunidade por emisión de Dióxido de xofre (10.000 t As Pontes e 6.140 t Meirama), Flúor, Partículas e Perfluorocarbonos con porcentaxes moi elevados. A segunda por Mercurio. A terceira por Cloro, Arsénico, Óxidos de nitróxeno e Benceno. Cuartos por metais pesados ... Na maioría dos casos esta contaminación orixinase ao queimar carbón nas térmicas.

Si as térmicas teñen altas chemineas para expulsar un cóctel de contaminantes é por algo, os 356 m da cheminea de As Pontes ou os 200 m de Meirama pretenden afastar en Km os problemáticos gases e partículas que se moveran na atmosfera dependendo de múltiples factores entre eles as condicións meteorolóxicas: dirección e forza do vento, inversións térmicas, situacións anticiclónicas, radiación solar, precipitación.. Das chemineas saen contaminantes primarios contendo produtos que chegan a ser para nós alérxicos, nocivos, tóxicos, canceríxenos... algúns reaccionan na atmosfera dando lugar a outros contaminantes secundarios de problemática similar ou maior que os anteriores e asi vanse multiplicando os efectos negativos no ambiente e na saúde.

O impacto coñécese de vello

Convén lembrar que o impacto das térmicas coñécese de vello. O dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno e a choiva ácida son coñecidos en Galicia polo seus problemas no medio ambiente dende a década dos anos 80, mentres a administración miraba – e mira– para outro lado e co silencio e a veces a connivencia do “mundo científico” salvo contadas excepcións. As néboas ácidas afectáronlle a cultivos, froita, arborado forestal... en Guitiriz, Betanzos, Pontedeume, A Estrada, Muras, Burela, Foz... e mesmo a presenza de choiva con pH ácido por debaixo de 5 atopouse na década dos anos 90 en numerosos puntos moi distantes das térmicas como Ames, A Estrada, Noia...

Entre os efectos que conleva a contaminación temos: visibilidade reducida, aumento da corrosión dos materiais, perda de crecemento das plantas, defoliación, queimaduras nas follas, perda de floración, diminúe a producción de froita, acidificación do medio, prexudican os microorganismos do solo e afectan a saúde humana: aparato broncopulmonar, circulatorio, inmunitario...

Cada contaminante ten a sua “particularidade” por exemplo o mercurio (emisión de 48,4 kg en As Pontes e 98,9 Kg en Meirama) é especialmente tóxico para o sistema nervioso, e mais para o sistema nervioso infantil en desenvolvemento, ao tempo que é daniño para o medio ambiente e a vida salvaxe. Algúns estudos citan que por cada 450 quilogramos de mercurio liberado a atmósfera, aumenta un 17 por cento a taxa de autismo. En Estados Unidos xa no 2005 e ate o 2020 iniciaron a reducción de case 50% na contaminación por mercurio de centrais térmicas, especialmente para protexer de danos o sistema nervioso dos fetos e nenos pequenos, moi sensibles. Para darnos unha idea do que significan as cifras de emisión de mercurio dicir que nos alimentos procedentes do mar –peixes, marisco– a lexislación europea so permite un contido máximo entre 0,5 e 1 miligramos/kg de peso fresco.

Partículas contaminantes

Tamén son especialmente contaminantes as partículas ( 248 t As Pontes e 284 t Meirama) en particular as partículas finas PM2,5 , responsables de aumentar a morbilidade e mortalidade e repercutir no sistema respiratorio , circulatorio e cerebral... A lexislación na Unión Europea é especialmente permisiva e a OMS recomendou fai anos reducir a metade os niveis permitidos de PM10 e PM2,5.

As Pontes e Meirama desde o ano 2016 ate o 30 de xuño do 2020 (a espera de “modernizarse” ou non) operan acollidas ao mecanismo de flexibilidade establecido para o Plan Nacional Transitorio, teñen fixado un máximo de horas ao ano de funcionamento e teoricamente non poden pasar as emisións dunhas determinadas cantidades. Pero as centrais térmicas non parece importarlle moito, por exemplo As Pontes tiña fixado unha emisión de 6.553 toneladas de óxidos de nitróxeno /ano pero emite 8.109 toneladas sin que pase nada xa que o Goberno acepta que obteña o excedente doutras instalacións do grupo que contamina menos.

¿E os Acordos de París?

A Unión Europea para cumprir o Acordo de París e combater o Cambio Climático pretende a descarbonización e peche paulatino das centrais térmicas de carbón, estableceu medidas rigorosas anticontaminación que estas térmicas non cumpren polo que moitas acabaran pechando. Aquí despois mais de 40 anos de funcionamento no caso de As Pontes e case os mesmos para Meirama pretenden seguir funcionando mais alá do ano 2030 e posiblemente do 2040 , cando a a vida media destas centrais está en 30 anos e cando Iberdrola e mesmo Gas Natural-Fenosa noutros lugares están decididas a pechar térmicas para cumprir os Acordos de París.

Xa sabemos que as multinacionais eléctricas buscan o máximo beneficio económico sen importarlle a contaminación e os custos sociais que implican, que recaen en todos nós. Agora non chegan nin os problemas relativos ao Cambio Climático nin a sinatura do Goberno español aos Acordos de París: As Pontes e Meirama seguirán funcionando e contaminando (aínda que podan estar dentro da lexislación vixente) cando en Europa saben ben que é imprescindible o seu peche para cumprir os Acordos Internacionais. Hoxe a connivencia entre o Goberno (autonómico e estatal) e as empresas eléctricas – multinacionais– é mais forte que nunca e Galicia, como case sempre, volve estar apartada das grandes decisións, e as térmicas de carbón ubicadas aquí acabarán sendo a excepción e quedarán para pechar as últimas. ¿Cando, no 2045? @mundiario

Comentarios