Pagos ilegais do Estado as centrais térmicas: Bruxelas mira para outro lado

Manuel Morán, Borja Prado, Alberto Núñez Feijóo, Valentín González Formoso y José Ribelles, en Endesa As Pontes. / Mundiario
Manuel Morán, Borja Prado, Alberto Núñez Feijóo, Valentín González Formoso e José Ribelles, en Endesa As Pontes. / Mundiario

Resulta preocupante pensar que as maiores responsables do efecto invernadoiro, como son as centrais térmicas de carbón, seguirán emitindo gases e partículas  contaminantes e ademáis serán subvencionadas.

Pagos ilegais do Estado as centrais térmicas: Bruxelas mira para outro lado

A Comisión Europea anunciou en novembro do 2017 unha investigación aberta e “pormenoriza” para determinar si o “incentivo medioambiental” dado polo Estado Español as  centrais térmicas de carbón se axustaba as normas sobre axudas estatais da UE, investigación que trataría de esclarecer si en realidade estas  subvencións a fondo perdido eran “ilegais”.  España non se molestara en notificalas a  Comisión para a sua avaliación con arranxo as normas sobre axudas estatais da UE.

O problema  procedía do ano 2007, cando  o Goberno Español decidiu que as centrais térmicas de carbón tiñan dereito a recibir axudas públicas de 8.750 euros por megawatio e ano durante un período de dez años  para a instalación de novos filtros de óxido de xofre e diminuír así a contaminación que xera serios problemas na saúde (respiratorios, cardíacos, cerebrais...) e nos ecosistemas (“choiva ácida”). Un total de  catorce centrais térmicas de carbón do Estado entre elas As Pontes (Endesa )  e Meirama (Gas Natural -Fenosa) acolleranse  a este réxime  de subvencións a fondo perdido. Nos últimos dez anos as térmicas en conxunto recibiron 440 millóns de euros, Endesa recibiu case a metade desta cantidade  grazas a Central Térmica de As Pontes, a de maior potencia e producción do Estado.

Na UE a Comisaria responsable da política da Competencia declarara en novembro do 2017: ”Creemos actualmente que non se incentivou as centrais de carbón para que reduciran  as prexudiciais emisións de óxido de xofre, pois xa estaban obrigadas a facelo en virtude do Dereito da UE en materia de medio ambiente. Polo tanto, tememos que o apoio dado a esas centrais de carbón deulles unha vantaxe competitiva desleal respecto doutras formas de produción de electricidade” . Por outra parte os Estados membros  non poden conceder axudas estatais as empresas para que cumpran as normas obrigatorias da UE en materia de medio ambiente pois estarían atentando contra o principio de "quen contamina, paga".

Cando parecía que  en Bruxelas estaban en cuestión as axudas  encubertas dos Estados as centrais térmicas de carbón, e se “ investigaba” a ilegalidade de algunhas, en decembro do 2017 o Consello de Ministros da Enerxía da UE  acorda   conceder unha prórroga ao carbón e as centrais térmicas   ate o ano 2030 ,  aceptando claramente que podan ter subvencións – pagos por capacidade- . Así mesmo acepta  que en cada un dos Estados membros  so se reduza  ao 27%  a cota de consumo enerxético  procedente de enerxías renovables cando a  Comisión xa tiña previsto  alcanzar o 30% no 2030  .

Resulta preocupante pensar que as maiores responsables do efecto invernadoiro, como son as centrais térmicas de carbón, seguirán emitindo gases e partículas  contaminantes (As Pontes  e Meirama emiten o 31,7% de todas as emisións de Galicia de gases de efecto invernadoiro) e ademáis serán subvencionadas xenerosamente polo Estado con fondos públicos,  axudas que se están incluíndo no prezo da enerxía e que xa  figuran camufladas  no recibo da luz.

Non importa que o seu funcionamento “normal”  teña graves  repercusións na saúde, que aumente a morbilidade e  mortaldade. Non importa  a problemática que ocasionan na saúde, tampouco o impacto local ou global: “efecto invernadoiro”, “choiva ácida” ou “destrución da capa de ozono”. A economía manda e a industria eléctrica está a cabeza.

A Comisión parece que o único que lle importa é un problema de transparencia e contabilidade: advirte de que "as axudas que se apliquen en adiante requirirán reformas previas no mercado. É dicir, haberá que xustificar moito máis a necesidade de habilitalas”. Despois de meses de silencio e as novas decisións do Consello de Ministros de Enerxía da UE, ¿que podemos esperar das “investigacións abertas” e do Parlamento Europeo?. Quen manda, manda. @mundiario

Comentarios