Buscar

MUNDIARIO

Na historia houbo empresarios comprometidos co galego pero non na medida desexada

A Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia debería condicionar o crédito oficial a empresas a que estas incorporen a lingua galega a un mínimo de actividades, propón este autor.

Na historia houbo empresarios comprometidos co galego pero non na medida desexada
A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño.
A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño.

Firma

Xosé González Martínez

Xosé González Martínez

Colaborador de MUNDIARIO. Preside o Foro E. Peinador.

A Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia debería condicionar o crédito oficial a empresas a que estas incorporen a lingua galega a un mínimo de actividades, propón este autor.

 

 

Cando fomos chamados  pola comisión técnica encargada de elaborar o Plan Xeral de Normalización Lingüística  que posteriormente aprobaría por unanimidade o Parlamento de Galicia en 2004,  iamos avalados polo traballo realizado na galeguización empresarial en menos dunha década. Foi un período ilusionante e ao tempo innovador no eido da política lingüística. Os que nos embarcaramos  naquela marea normalizadora extramuros das prácticas culturais habituais sabiamos das súas dificultades. Mais isto non nos arredou do empeño. Eramos conscientes da necesidade de movermos os marcos da normalización lingüística para chegarmos a outros espazos de considerable transcendencia para o noso idioma.

Desde entón vimos celebrando con  constancia e puntual periodicidade encontros  con moitos empresarios  dispostos a escoitaren as nosas propostas de graduable aplicación nos centros de traballo; encontros nos que participaron  tamén representantes  dalgunhas institucións e,  de maneira especial a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nese ambiente socrático foron nacendo complicidades e adhesións transcendentais.

Na historia da economía houbo empresarios de claro compromiso coa nosa identidade; se ben é certo que non na medida desexada. Malia  iso, velaí están Enrique Peinador Lines,  Ramón Obella Vidal, Antonio Fernández, Xesús Canabal Fuentes, Álvaro Gil Varela, Isidro Parga Pondal, e máis recentemente Isaac Díaz Pardo, para confirmalo como referentes da ilustración empresarial galeguista. Figuras apenas coñecidas polos xestores das empresas de hoxendía que non recibiron a adecuada formación nas aulas das facultades de económicas e escolas empresariais. E non foi porque non insistisemos para que se organizasen cursos de posgraos ou outros módulos formativos, porque intentámolo ben veces por distintos medios.

O Foro E. Peinador vén de convocar un novo ano máis o Día da Galeguidade Empresarial que se celebrará o próximo día 22 no Parlamento de Galicia coincidindo co décimo aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Serán moitos os empresarios que asinarán unha Declaración  para“ reiteraren o convencemento de que o galego axuda a vender, e que a denominación de orixe e calidade que imprime o uso da nosa lingua debe medrar e internacionalizarse levando con ela a noticia dunha lingua secular, auténtica e perfectamente instalada para gañar un futuro próspero, porque para sermos competitivos no acrisolado mundo dos negocios non temos que renunciar á nosa idiosincrasia. A economía galega debe ter acento propio nos mercados da globalidade. Facer negocios en lingua galega é posible. Non hai un só indicador estatístico que desaconselle o seu uso”.

Dun tempo para acó vimos constatando unha maior receptividade aos chamamentos da galeguidade empresarial. As industrias de transformación do agro galego, nomeadamente as adegas están na avangarda deste proceso etiquetando os seus envases no noso idioma, que deste xeito chega a mercados internacionais.

Identificarse cos elementos lingüísticos que definen a nosa sociedade é un xeito de reforzar o discurso da personalidade corporativa, cooperando na creación de sinerxias e na cohesión social e cultural de Galicia, recoñecendo tamén  os dereitos lingüísticos dos traballadores e consumidores. As consellerías da Xunta de Galicia con competencias en materia económica e laboral deberían elaborar senllas políticas lingüísticas. Para unha maior efectividade desas accións consideramos que a lei de orzamentos da Xunta de Galicia debería  establecer o criterio legal da obrigatoriedade de destinar unha porcentaxe do crédito oficial concedido á galeguización das relacións laborais, sinalética, publicidade e etiquetaxe.

O Día da Galeguidade Empresarial inclúe tamén a descuberta dun monumento a Isidro Parga Pondal no Campus da Universidade de Santiago, grazas ao patrocinio da Deputación  Provincial da Coruña, e a edición da primeira biografía da autoría do historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez.