Buscar

MUNDIARIO

Galicia segue a contar con máis da metade da frota pesqueira de todo o Estado español

Dentro de poucos dìas saberemos o que decide a Comisión Europea en canto ó citado reparto e cómo se aplica o mesmo a cada comunidade autónoma. O reparto de TAC e cotas que se realiza cada ano e a redistribución que aplica posteriormente o ministerio do ramo semella non ser xusto,
Galicia segue a contar con máis da metade da frota pesqueira de todo o Estado español
Barcos de pesca en Galicia. / RTVE
Barcos de pesca en Galicia. / RTVE

Antón Luaces

Periodista.

​O número de barcos de pesca con base en portos galegos reducíuse, só nos últimos cinco anos, un 8%. E o arqueo total, nun 7%. Todo isto significa que a reestruturación da frota se está a realizar, disque e segundo a Administración pesqueira, axeitadamente, contribuíndo á conformación dunha frota máis acorde coas oportunidades de pesca. Sen embargo hai opinións para todos os gustos: os que pensan que España -e particularmente Galicia- está a perder moitas oportunidades de pesca que antes tiña, e aqueles outros máis decididos a que a tal reestruturación fose máis ampla, de xeito que o reparto de cotas beneficiara máis e mellor ós barcos que quedaran. O certo é que as cifras, os datos, falan por sí sós cando estamos a piques de coñecer os que atinxen a este ano 2020. E as cifras coñecidas, se ben nos remiten ó ano pasado, falan por sí mesmas.

A 31 de decembro de 2019, os pesqueiros con menos de 12 metros de eslora eran 6.506; os de 12 a 15 metros, 679; os de 15 a 24 metros, 1.005, e os de máis de 24 metros, 604. Destes barcos, o 95,32% tiñan licenza de pesca para caladoiro nacional; o 1.17% para caladoiro comunitario; o 1.27% para caladoiros internacionais, e o 2,24% para palangre de superficie. Con estes datos, a distribución de licenzas para o caladorio nacional Cantábrico Noroeste era o seguinte: 69 arrastreiros, 4.219 para artes menores, 255 para cerco, 61 para palangre de fondo, 21 para rasco e 40 para volanta. O maior número de buques pesqueiros de Galicia -sen distinción de esloras nen potencias- tiñan a súa base nos portos de Vilanova, Illa de Arousa, Ribeira, Cambados e Rianxo. 

Por provincias, a da Coruña era a que contaba con maior número de embarcacións: 2.331, seguida da de Pontevedra, con 1.953, e Lugo con 173 embarcacións, co que a frota galega estaba composta, vai un ano por 4.457 barcos dos 8.913 que conformaban a frota española. É dicir: Galicia segue a contar con máis da metade da frota pesqueira de todo o Estado español. 

Co reparto de TAC e cotas que se realiza cada ano e a redistribución que aplica posteriormente a Secretaría General de Pesca (do Ministerio de Agricultura y Pesca) empregando en determinados casos os que recoñece como dereitos históricos de determinadas frotas, semella non ser xusto, nin moito menos en función do número de barcos e o arqueo destes. Dentro de poucos dìas saberemos o que decide a Comisión Europea en canto ó citado reparto e cómo se aplica o mesmo a cada comunidade autónoma. @mundiario