O euro e Cataluña: unha ollada crítica

Mario Draghi, presidente del Consejo de Ministros de Italia / RR SS.
Mario Draghi, presidente do BCE / RR SS

Aínda hai que darlle algunha outra volta antes de sentenciar que unha Cataluña declarada independente é expulsada do euro. Onde está contemplado semellante mecanismo?

O euro e Cataluña: unha ollada crítica

Vivimos momentos moi interesantes, máis e mellores, se logramos sobardar o esmagante peso da propaganda: a institucional e a dos acompañantes que como colaboradores necesarios enchen as redes (e restantes aparellos da faena), os papeis, as televisións, as radios e a comunicación vía satélite (por se non estaba incluída na listaxe anterior).

Son interesantes, ao meu modo de ver, porque nos momentos críticos é onde se dá a ver, neses limites estabelecidos pola realidade material dos feitos, a reacción individual e colectiva, o enfoque da situación, polo tanto, a análise e, certamente, o diagnóstico xunto coa posíbel abordaxe da solución do problema. É algo así como coñecer realmente unha persoa que considerabamos amiga, e que nun momento crítico noso reacciona dicendo: “Algo farías”. Aquí o xuízo  –ou, mellor dito, a sentenza–  retrata nidiamente o suxeito opinante.

Ao meu modo de ver, que non é humilde porque non dispoño desa soberba, os cataláns están fartos de soportaren a relación actual e a próxima pasada co Estado. E a situación ten chegado a un ponto de moi difícil retorno, por non dicer imposíbel. En Madrid aínda non se enteiraron de que non queren viver baixo as institucións presentes que conforman o Estado español: non queren. E cando un suxeito, sexa persoal ou colectivo, chegou a romper todos e cada un dos lazos que a convivencia pasada creou, non hai volta atrás, e moito menos no camiño de perda colectiva de dignidade.

O enfoque estatal, o do goberno central, foi lineal: de ‘garrote’ e ‘tente tieso’: a lei é a lei. Cando se lles acabaron as palabras deste teor, pasaron á vía xudicial: a lei é a lei. A continuación, van pedir permiso para usar a Trump de forma propagandística tamén seguindo co mesmo mantra, e o penúltimo recurso foi apelar ao amarre empresarial, para rematar co medo a Alemaña e o seu poder sobre o euro. Tratándose deste último, aínda hai que darlle algunha outra volta antes de sentenciar que unha Cataluña declarada independente é expulsada do euro. Onde está contemplado semellante mecanismo?

Dado que non hai procedemento, igual que non o hai co ‘brexit’ do Reino Unido, está por deseñar, cómpre considerar con toda parsimonia, á vez que con escrupuloso respeito da lei comunitaria, que no proceso de creación ex_novo do mecanismo de expulsión do euro dunha parte realmente importante da economía do Estado español, (chamado Reino de España, en nomenclatura oficial comunitaria)  a zona euro sofrería –non sabería dicer canto– os vaivéns dun mercado internacional de divisas ateigado de tiburóns especuladores, que verían unha magnífica ocasión para os seus negocios. Así funciona o mercado financeiro internacional e, tal e como nos ensina un dos seus mellores coñecedores,  gran nadador en augas revoltas, o señor Soros, a reflexividade é unha componente estrutural dos mercados financeiros: non nomees nen sequer que pode haber problemas, xa que esa é maneira segura de que os haxa.

Soros foi quen, el soíño, de deitar a libra esterlina cuns movementos que se estudan nos manuais de economía financeira internacional; mesmo se lle atribúe responsabilidade na crise rusa do´98. Valéndonos da guía das súas análises teóricas –campo no que tamén andou–, a raíz do problema estaría na toma de decisións do goberno español. Se tivese decidido un divorcio de mutuo acordo, Europa e o mundo estarían de acordo: é un problema interno. Cando se rompen relacións desta forma, todos, os familiares (o Estado) e os viciños (Europa) poden resultar salferidos do problema mal enfocado e pior resolvido. A zona euro ten nestes momentos máis dor de cabeza que os cataláns, que, xa postos, van a por todas.

Comentarios