O epílogo das caixas galegas: unha frustrante crónica con nomes e apelidos

Rótulo de Novagalicia Banco.
Rótulo de Novagalicia Banco.

A reforma financeira foi o único espazo de concertación entre o agónico goberno socialista e o futuro relevo que xa se albiscaba, constata este experto no seu debut en MUNDIARIO. 

O epílogo das caixas galegas: unha frustrante crónica con nomes e apelidos

A chamada reforma financeira foi o único espazo de concertación entre o agónico goberno socialista e o futuro relevo que xa se albiscaba, constata este experto no seu debut en MUNDIARIO.

As dinámicas actualmente dominantes na política parlamentaria provocan, en certas ocasións, situacións moi afastadas do sentir maioritario da sociedade. Aí temos o caso da comisión creada no Parlamento galego para investigar o sucedido coas Caixas de Aforro. Consumada a venta de NCG Banco por parte do FROB aínda non existen unhas conclusións definitivas aprobadas na Cámara do Hórreo. Mais alá dos factores concretos que explican semellante demora, a comprobación de que a vida política oficial vai moi por detrás dos avatares da realidade suscita unha lóxica frustración e o convencemento de que o sistema democrático precisa unha urxente rexeneración.

Durante as comparecencias parlamentarias rexistráronse opacidades informativas inaceptábeis (a documentación non aportada pola Comisión Europea e o Banco de España así como as restricións impostas á que procedía da Xunta) e ausencias de persoas determinantes na historia da desfeita desas entidades financeiras (Fernández Ordóñez, Almunia e Marta Fernández Currás). Existiu, tamén, un significativo denominador común entre os directivos das Caixas, os cargos gobernamentais (de Madrid e de Santiago) e os responsábeis dos organismos reguladores: pouco recoñecemento autocrítico dos erros cometidos, desprazamento das culpas cara os demais actores e refuxio na imprevisibilidade da evolución económica acontecida nos últimos anos.

Algo surrealista

Non deixa de ser surrealista comprobar que os mesmos que participaban na cerimonia apoloxética dun modelo de crecemento no que só cabía contemplar virtuosos ciclos ascendentes e desprezaban a bomba que se estaba cebando coa burbulla inmobiliaria, descubran agora, sen pudor, o inferno do devalo prolongado e a volatilidade da economía de casino.

O resultado das comparecencias confirmou o efecto destrutor dun sumatorio indiscutíbel: aventuras expansivas de Méndez e Gayoso –obsesionados por demostrar que eran discípulos presuntamente avantaxados de Botín e González- cando o ladrillo xa era cuestionado polos líderes da orxía especulativa;  pasividade ou complicidade dos organismos reguladores (Banco de España e CNMV) e dimisión no cumprimento das obrigas de control residenciadas no goberno da Xunta.

Poren, houbo dous aspectos pouco tratados neses debates parlamentares. En primeiro lugar, non se analizou suficientemente o período anterior á chegada do goberno bipartito. O propio Feijoo só falou do sucedido a partir de 2004 dando a entender que ate ese momento todo discorría acertadamente no universo das Caixas.

Anos de fraguismo

Mais non se pode entender o enorme poder acumulado por Gayoso e Méndez sen botar unha mirada, como mínimo, aos 16 anos de fraguismo e observar as lóxicas que presidían as relación entre os directivos e os responsábeis gobernamentais.

A pesar de que en 1995 e tamén no 2003 foron acometidas reformas parciais da Lei galega de Caixas, o PP non quixo cambiar as regras que rexían o funcionamento interno das entidades e que permitían consolidar prácticas de dominio incompatíbeis mesmo coa lóxica dunha administración mercantil eficiente e moderna. En realidade, durante eses anos, formalizouse un singular pacto implícito: Méndez e Gayoso eran intocábeis na súa estrutura de poder corporativo a cambio da utilización dunha parte dos importantes recursos que administraban no financiamento de proxectos e actividades sinaladas polo goberno de Fraga.

O labor de PsdG e BNG 

A partir de ese status consensuado, todo o que veu despois resulta certamente intelixíbel aínda que non sexa aceptábel para quen pensamos que as institucións políticas e as Caixas deberían ser ferramentas ao servizo dun proxecto de creación de riqueza e benestar para a maioría da sociedade galega. O labor da coalición entre o PSdG e o BNG, tan meritorio en moitos campos, naufragou gravemente nesta asignatura tan relevante. E o non recoñecemento explícito desta eiva debilitou mais do necesario as posteriores estratexias opositoras ao novo ciclo triunfante do PP.

Por outra banda, o actual presidente da Xunta non foi quen de explicar o papel xogado por Rajoy e Montoro cando a equipa económica de Zapatero modificou os criterios de solvencia e provocou o fracaso da fusión e o inmediato proceso de bancarización que xa coñecemos. A chamada reforma financeira foi o único espazo de concertación entre o agónico goberno socialista e o futuro relevo que xa se albiscaba. Feijóo era un convidado de pedra: quería aparentar unha capacidade de influencia que non tiña para evitar un custe electoral que finalmente non pagou.

Comentarios