Cada día son máis as empresas galegas e de fóra que utilizan o galego

A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño.
A Irmandade de Adegueiros defende o galego no viño

Discurso pronunciado no Parlamento de Galicia no Día da Galeguidade Empresarial, xa anunciado e comentado en MUNDIARIO por Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador.

Cada día son máis as empresas galegas e de fóra que utilizan o galego

Discurso pronunciado no Parlamento de Galicia no Día da Galeguidade Empresarial, xa anunciado e comentado en MUNDIARIO por Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador.

Síntome moi honrado de poder tomar a palabra neste lugar, onde está representado o meu pobo, e poder dirixirme a todos vostedes na nosa fala. Cando era neno -e me reprendían por falar en  galego- nunca soñei que poderia chegar tal día como hoxe. Pois xa non é un soño: un cidadán corrente pode falar na sua língua diante do Parlamento do seu país. 

Moito temos avanzado, pero ainda queda moito camiño por diante. Falar galego xa non é un delito nin é, (como era antes en certos médios), motivo de ridículo.

Nas últimas décadas o avance do galego, na regulación normativa e no recoñecemento social, foi certamente moi importante. O idioma  que é o elemento cultural mais importante do país-, sigue vivo na sociedade e na vida cotiá. O compromiso e o traballo de moitas persoas permitiu que sobrevivise a tempos difíciles. Tamén cómpre destacar o labor político desenvolvido por os deputados actuais e por cantos os precederon nesta tarefa-,  na defensa da nosa língua. 

Polo tanto, quero expresar publicamente a miña gratitude aos diputados aqui presentes e a cantos pasaron por esta cámara, e que traballaron para que esto sexa unha realidade. Tamén aproveito a ocasión, (aínda que non sexa o motivo desta xuntanza), para manifestar o meu desacordo coa demonización dos políticos e da política. Porque non é certo que todos os políticos sexan corruptos. A corrupción está na sociedade e chega ao exercicio da política igual que a outros ámbitos. E terá que ser a política a que procure sanear e rexenerar a vida pública, do mesmo xeito que é a vontade política a que pode garantir a pervivencia e potenciación do noso idioma. 

Porque a nosa língua, ainda que perde implantación social, (segun os últimos informes), nunca estivo tan ben. 

Hai anos falar galego era proprio de paletos ou de roxos separatistas. Hoxe convertiuse nun signo de calidade e de cultura. Falar galego é moderno, falar galego é de persoas cultas e mesmo pode ser rendible. Falar galego identifícanos co país e concédenos visibilidade propia. É un signo de distinción. As campañas publicitarias mais exitosas fixéronxe en galego, cada día son mais as empresas galegas –e de fóra- que utilizan o noso idioma para comunicarse cos consumidores e cos seus propios traballadores. Quero decir que estamos chegando á conclusión de que o galego non é un idioma de confrontación nin de polémica: é simplemente a nosa língua que nos permite comunicarnos entre nós e co resto do mundo.

Temos que ser optimistas, ainda que ás veces temos a sensacion de que algúns gobernantes non teñen a implicación necesaria para potenciar e protexer o idioma. E tamén hai sectores que entenden que o galego non é válido para o mundo do traballo, para os negocios e para a actividade empresarial. Eu considero que é todo o contrario: o galego é unha inmensa oportunidade para sermos mais considerados neste mundo globalizado. 

A miña empresa forma parte desa “clase media” que nin é grande nin pequena, nin rica nin pobre, pero que con moitas outras de semellante factura, contribúen a vertebrar o entramado económico máis importante do país. Xeneramos emprego e pagamos impostos. Non podemos ter grandes tinglados pólo mundo para evadilos, estamos instalados na  legalidade, porque a nosa dimensión tampouco permite prácticas marxinais fora da lei.

Pero estas empresas somos decisivas para a riqueza colectiva.Sentímonos identificados co país e temos o maior interese por potenciar as nosas señas de identidade para seguir medrando e poder concurrir a mercados externos cos nosos produtos. 

Hai quen non o comprende, hai moitos que non son conscientes de que na diferenciación está o futuro. Actualmente, a calidade dos productos dase por suposta. É tal o nível de esixencia que, sen acadar eses mínimos, non se pode estar no mercado. Mais cómpre diferenciarse entre a multitude e para eso a nosa identificación co país e co idioma propio pode servir, para resaltar a nosa visibilidade.

Mais tamén debemos decir que utilizar o galego no contorno empresarial ten uns sobrecustes que deben ser compartidos pola sociedade no seu conxunto. Da parcela política depende que se elaboren normativas que permitan facer eses custes máis asumibles. Non se trata de pedir esmola, senon de actuar con xustiza e facer inversións estratéxicas favorables para o país, para o noso idioma e para o tecido empresarial.

Na sociedade actual, cos avances tecnolóxicos que dispoñemos, a producción de bens ou servizos é relativamente doada. O difícil é atopar mercados. Galicia ten importantes materias primas, dispón de tecnoloxía e ten empresas que realizan o seu labor de forma competente. Temos que convencer aos mercados para que merquen os nosos produtos: nesa tarefa o galego pode axudar para facernos diferentes. 

Sabemos que no mercado interno o galego ten gran aceptación. Hai un crecente sentido de país que está moito por enriba do reflexado politicamente  no Parlamento e que cómpre potenciar e aproveitar. Non hai motivo para non etiquetar e facer publicidade na nosa lingua. Nos mercados externos cada vez valórase máis coñecer a orixe dos productos e debemos destacar as nosas señas de identidade.

En definitiva, non temos ningun motivo para non utilizar a nosa língua con normalidade. Só temos que observar como as empresas estranxeiras, mesmo as grandes multinacionais que operan en Galicia, utilizan cada vez máis o galego. Non o fan por patriotismo: entenden que o uso do galego lles é rendible. 

Antes de rematar quero agradecer ao Foro Enrique Peinador e á presidencia do Parlamento por ter organizado este magnifico encontro. Tamén quero agradecer aos meus colegas empresarios que decidiran adicar um día enteiro á nosa língua. Espero que este sexa un punto de inflexión para fortalecer o noso compromiso co idioma, para convencernos  de que a nosa língua pode ser a mellor ferramenta para decirlle ao mundo enteiro que somos bós, que temos bós produtos e que facemos as cousas ben. Falando en galego, por suposto.

Comentarios