A banca privada multiplica os seus beneficios tras o “rescate” público

Francisco González, presidente del BBVA.
Francisco González, presidente del BBVA, que ganó el año pasado 5,16 millones de euros.

En 2013 as principais entidades bancarias multiplicaron por catro os beneficios. Santander, BBVA, Caixa Bank, Banco Popular e Sabadell sumaron lucros por importe de 7.674 millóns de euros.

A banca privada multiplica os seus beneficios tras o “rescate” público

Malia que no discurso oficial se teña incorporado o termo recuperación, a economía real fica moi afastada desa perspectiva. Quen si ten vigorosos e zumentos brotes verdes é o grande capital financeiro. De feito en 2013 as principais entidades bancarias do Estado español multiplicaron por catro os seus beneficios en relación ao ano anterior. O Banco Santander, BBVA, Caixa Bank, Banco Popular e Sabadell, sumaron lucros por importe de 7.674 millóns de euros. 

O dato deuse a coñecer apenas uns días despois de que o pasado 22 de xaneiro finalizara o “rescate” da banca española, financiado entre outros a cargo dun préstamo europeo por importe de 41.300 millóns de euros. Préstamo asegurado polo Estado e que provocou, condicionado polo memorando de entendemento subscrito polo Goberno español, a vaga de duros recortes en servizos públicos esenciais como sanidade  e educación. Mais ese préstamo é unha pequena parte das axudas públicas destinadas ao reflote e saneamento da banca privada. O economista Juan Torres cifra o alcance real do rescate en como mínimo 275.000 millóns de euros, sumando as axudas á capitalización, avais e protección de activos, axudas á liquidez e a compra directa de activos bancarios. Cantidade que o propio Torres eleva a 1,3 billóns de euros, de se contabilizar tamén os préstamos do Banco Central Europeo e máis os avais derivados de garantir todos os depósitos de até 100.000€.

Os datos verifican na práctica a denuncia de que o rescate da banca tan só pretendía asegurar as contas de resultados das entidades, a cargo de fondos públicos, apuntalando o circuíto financeiro no que o grande capital se reproduce con enormes lucros. De feito a regulación bancaria acometida, grosso modo, apenas supuxo un estímulo para a maior concentración e centralización de riqueza nun cada vez menor número de entidades. Así, a ofensiva contra as caixas de aforro para alén de forzar a desaparición práctica das únicas entidades financeiras de carácter semipúblico, favoreceu a súa absorción pola banca privada, endóxena ou exóxena. Tanto do mesmo sucedeu con aqueles bancos de menores dimensións e que mantiñan unha operativa máis sensíbel e apegada ao territorio no que estaban asentados. Precisamente os grandes beneficiados deste proceso, como se deduce do dato co que encetabamos, son as grandes entidades que articulan o oligopolio bancario español. 

Logo da inxección de inxentes cantidades de recursos públicos, e a pesar dos seus beneficios en plena crise, non se percibe ningún efecto concreto desa intervención en beneficio da economía real. O tecido produtivo continúa esmorecendo, entre outros factores pola falta de crédito bancario. Outro tanto sucede coas economías domésticas, co agravante de que entidades rescatadas ou apuntaladas con recursos públicos continúan a practicar, día si e día tamén, desafiuzamentos contra familias traballadoras no que xa constitúe un xenocidio hipotecario. Entrementres cebamos a banca privada con cartos públicos, as persoas estafadas polo calote das participacións preferentes continúan a esperar recuperar os seus aforros, ou no mellor dos casos víronse forzadas a renunciar a parte deles nos procesos de arbitraxe. Traballadoras e traballadores financiando bancos con quitas sobre os seus propios aforros!

Os 7.674 millóns de euros que tiveron por beneficio os grandes bancos, veñen a ilustrar que a crise non o é para todos. E que ao cabo, esta provocou unha radicalización da loita de clases, na que polo momento o capital vai gañando, alargando a fenda social e empobrecendo a amplas capas do pobo. Outro conto sería se en lugar de “rescatar” a banca, financiándoa a fondo perdido á nosa costa, apostaramos decididamente pola súa nacionalización. De telo feito hoxe estaríamos a socializar eses zumentos beneficios. @contradiscurso

Comentarios