Aumenta a contaminación de grandes industrias galegas como Repsol ou Ence

La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato
La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato

Dos datos publicados resalta que Galicia é responsable do 15,08% do total das emisións a atmosfera do Estado español, segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes.

Aumenta a contaminación de grandes industrias galegas como Repsol ou Ence

Veñen de facerse públicos os datos públicos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre as emisións correspondentes ao ano 2015 de substancias contaminantes das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas. A información  que ofrece  o Rexistro  PRTR-España  aínda que incompleta en moitas industrias, non por eso deixa de ser moi valiosa xa que permíte identificar aos complexos contaminantes e cuantificar as súas emisións para observar a sua evolución no tempo e  comparalas tamén coas do resto do Estado.

Dos datos publicados resalta que Galicia é responsable do 15,08% do total das emisións a atmosfera do Estado español, con 14.284.312 toneladas/ano ocupando con este valor o segundo posto no conxunto das comunidades. Pero Galicia tamén é a primeira comunidade do Estado en emitir a atmosfera: flúor,  mercurio e perfluorocarburos; a segunda comunidade en emitir  dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre,   cloro e substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono, a terceira comunidade por emitir a atmosfera partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM), metano , arsénico, cromo ...; a cuarta comunidade en emitir óxidos de nitróxeno, metais pesados en conxunto, e ao mesmo tempo que somos grandes emisores das substancias citadas, estamos algo mellor coas emisión de dioxinas e furanos ( 5º posto), zinc (8º posto), oxido nitroso (8º posto), amoníaco (7º posto).

Os vertidos a auga de Galicia significan  o 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, ocupando con este valor o cuarto posto  no conxunto das comunidades e ademais somos a primeira comunidade do Estado en verter compostos organoestannicos e carbono orgánico total (COT), e estamos entre as catro primeiras comunidades pola cantidade de vertido a auga de : cobre, chumbo,  zinc, cloruros,  fósforo total, nitróxeno total e todos os contaminantes  que se verten a auga menos DQO.

Resulta sorprendente que no Rexistro Estatal de Emisións Contaminantes, Galicia teña so o 4,45% do total dos complexos con información pública e que ao mesmo tempo sexamos responsables das emisións a atmosfera do 80,5% de perfluorocarburos;  36,6%  de flúor; 30,5% de mercurio; 22,0% de cloro; 19,2% de dióxido de xofre; 18,7% de particulas (PM10); 15,1% de dióxido de carbono; 12,6% de óxidos de nitróxeno....por non citar os vertidos a auga  de compostos organoestannicos (54,4%); zinc (16,4%); chumbo (15,3%); cloruros (10,1%); cobre (8,6%); compostos orgánicos haloxenados ( 5,9%).

Estas emisións son  extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso  produto interior bruto e nivel de vida... Pero ademais están a aumentar as emisións con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores  como o ano 2007.

Mentres o dióxido de carbono  no 2015 representa o 15,1% do total do Estado, fai tan só tres anos representaban o 12% , pasamos en tres anos do cuarto lugar no Estado ao segundo. Escollidos 32 contaminantes considerados  como os mais importantes, no ano 2015 deles  21  tiñan valores superiores aos do ano 2010 e  aínda máis 14  superaban os valores que tiñan no  ano 2007.

As empresas responsables

As grandes industrias instaladas na Galicia, a maioría multinacionais do sector da electricidade (Centrais Térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alumina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol na Coruña), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa),  ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades )... son as principais responsábeis de que ocupemos  hoxe – igual que anos atrás- un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado, resulta curioso que aínda sendo alta ou moi alta a contaminación, os focos contaminantes son moi poucos, apenas pasan dunha decena, a excepción da contaminación por amoníaco.

> Dos 14, 2 millons de toneladas de Dióxido de Carbono emitidos  10,5 millóns corresponden as centrais térmicas de As Pontes e Meirama e 1,16 millóns a refineria de Repsol na Coruña, o restante 2, 5 millóns de toneladas  repartanse entre 11 grandes industrias ( Alumina, Aluminio, Alcoa Inespal, tres fábricas de Ferroatlántica, Bioetanol, Magnesitas, Finsa, Forestal del Atlántico e Air Liquide).

> As emisións  de Flúor das que estamos a cabeza por emisión no Estado están relacionadas só con cinco empresas: Central Térmica de Meirama, Central Térmica de As Pontes, Ferroatlántica de Sabón, Aluminio Español e Alcoa Inespal.

> As emisións de mercurio a atmosfera e a auga débense a 11 complexos: Centrais Térmicas, Ence, Elnosa ,PSA, Alumina, Unemsa, Intasa e varios complexos de Finsa.

O importante papel dos poderes públicos

A Organización Mundial da Saúde ,OMS,  recoñece que a contaminación do aire representa un importante risco medioambiental para a saúde. Debemos polo tanto preocuparnos polas altas emisións e buscar solucións xa que estes gases e partículas  están implicados  directa ou indirectamente en problemas de saúde e aumento de morbilidade e mortalidade.  A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) recoñecía xa en marzo do 2014 ( nota nº 313)  que “ cantos máis baixos sexan os niveis de contaminación do aire mellor será a saúde cardiovascular e respiratoria da poboación, tanto a largo como a curto prazo.  Mesmo a contaminación con partículas conleva efectos sanitarios incluso en moi baixas concentracións; de feito, non  se puido identificar ningún umbral por debaixo do cal no se observaran danos para a saúde”  Na OMS, non se pon en dúbida que  existen graves riscos sanitarios non só por exposición a partículas, senón tamén ao ozono (O3),  óxidos de nitróxeno e dióxido de xofre.  O ozono é un importante factor de mortalidade e morbilidade por asma, mentres que o dióxido de nitróxeno e dióxido de xofre poden ter influencia no asma, nos síntomas bronquiales,  alveolite e insuficiencia respiratoria”.

Mediante a diminución dos niveis de contaminación repercútese na carga de morbilidade derivada de accidentes cerebrovasculares, cánceres de pulmón e neumopatías crónicas e agudas, entre elas asma.  A nosa  saúde pode mellorar si  diminúen as emisións de  gases e partículas implicados  en problemas sanitarios  (asma, bronquite, alerxias, problemas cardiovasculares, ictus cerebral, cancro ...) e diminuiría a mortaldade.   

Nos ecosistemas a contaminación  ademais de ocasionar perdas de produtividade e diminución de colleitas na agricultura, repercute negativamente no arborado e na produción forestal , asi como na vida  animal  ademais dos graves problemas globais e locais que todos coñecen como o Quecemento Global e aumento do Efecto invernadoiro, Destrución da Capa de Ozono, Choiva ácida ...

Os poderes públicos non poden quedarse  ao marxe dun problema tan grave si de verdade  perseguen mellorar a saúde dos habitantes e protexer o territorio.  En Galicia tiñan que actuar fai tempo  para  que unha decena de focos contaminantes reduciran a contaminación, as  industrias  non están interesadas en baixar a contaminar pero  poden producir o mesmo contaminando moitisimo menos e poden contaminar menos si dende os poderes públicos poñen prazos e normas que lle obrigan a elo.

O Goberno galego  ten que apostar por  levar adiante  un  Plan de diminución progresiva da contaminación  ( dióxido de carbono, chumbo, mercurio, cadmio, óxidos de nitróxeno,.. ) nas grandes industrias   para protexer realmente  os ecosistemas e a nosa saúde e ademais debe poñer urxentemente en práctica as Directrices da  OMS para Partículas ( PM10 e PM2,5) xa que os niveis da lexislación actual  de concentración  para PM10 e PM 2,5 no ambiente  son moi permisivos  e duplican as Directrices da OMS  e xa se sabe que están prexudicando a saúde. Mentres, Galicia  sigue a soportar unha contaminación  que os galegos e galegas non merecen.

Comentarios