Volven en outubro os programas habituais da TVG

Zigzag. / CRTVG
Zigzag. / CRTVG

A CRTVG emitirá unha serie de sete novos programas  específicos da historia do Parlamento de Galicia.

Volven en outubro os programas habituais da TVG

Outubro será o mes da volta de boa parte dos programas habituais da grella da TVG, como o “Vivir Aquí”, “Parlamento”, “Café sen Gotas” ou o “Zigzag”.

Zigzag” é o programa cultural senlleiro e está enmarcado dentro do proxecto #Cultura365, que leva espazos de cultura os 365 días do ano ás grellas tanto da Radio Galega como da Televisión de Galicia. “Zigzag” amplía o seu horario e tamén se vai emitir as fins de semana. Nesta nova andaina, o programa estrea o seu novo formato pola primeira canle da TVG a partir das 13.40 horas os sábados e domingos. Pola semana manterá o seu horario habitual, ás 16.30 h. pola tvG2.      

“Zigzag” comezará esta nova temporada con tres potentes reportaxes. No arranque, abordará a estrea de “La Sombra de la Ley”, co director galego Dani de la Torre á fronte e con Luís Tosar como protagonista. A película, rodada en Galicia, producida por Vaca Films e con produción da CRTVG, promete ser unha das sensacións da temporada.

Tamén estará o “Zigzag” con “Trote”, de Xacio Baño, que foi seleccionada por primeira vez na sección competitiva do Festival de Cine de San Sebastián. Un equipo do “Zigzag” desprazarase á capital donostiarra para estar co realizador galego. Finalmente, daralle eco ao retorno a Galicia de “A derradeira leición do mestre”, o cadro de Castelao, propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires, e que se poderá ver por primeira vez en Galicia o vindeiro 5 outubro na Cidade da Cultura.

Tamén volve á grella con novidades “Parlamento”. Á marxe da súa emisión xa habitual, esta nova temporada a CRTVG emitirá unha serie de sete programas divulgativos de media hora para dar a coñecer a historia do Parlamento de Galicia, tomando como base os testemuños dos ex-parlamentarios e as anécdotas da actividade parlamentaria relatadas polos seus protagonistas.

O proceso de dixitalización que está a vivir a CRTVG neste mes de setembro fai que a volta destes programas senlleiros sexa no mes de outubro e que en decembro a CRTVG estea preparada para emitir en alta definición. @galiciamundiari

Comentarios