Para min que me sentou mal o café desta mañá do 17 de maio

Dunas de Corrubedo. / Masmar
Dunas de Corrubedo. / Masmar

Ía cavilando, sempre camiñando na dirección do sol cara o faro, cando escoitei un estrano "cro-cro". Eu ben sabía que non era unha rá...

Para min que me sentou mal o café desta mañá do 17 de maio

Na mañá do 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixei ó peirao por mor de aproveitar as que semellaban ían ser as únicas raiolas de sol que quecerían as areas da praia de Corrubedo. O pobo ribeirán ficaba dormido aínda, con só un par de bares abertos para servir almorzos e cafés rápidos. Corrubedo en épocas coma esta é unha marabilla (sempre o é, pero en verán fáise pegañento polos retornos e as visitas masivas que, por outra parte, tamén son de agradecer). O atractivo das súas dunas non se perde. E o característico de pobo que é o seu ser, tampouco. 

Pero esta mañá Corrubedo tiña algo especial. Non sabería dicir que: o ventiño invitaba á andaina;  o mar a pescar; a escasa xente, o saúdo continuo á tranquilidade; as nubes como ás alancadas, ían empurrando a un anímicamente cara o rochedo do faro. E deixéime ir, estrada avante, prácticamente sen coches por ela e con recendo a mar todo o traxecto. Os paxaros facían compaña.

Corrubedo, ó igual que Corme, é un dos pobos galegos con máis capitáns e patróns de barcos de pesca e con menos embarcacións pesqueiras. E a maioría deles están embarcados no País Basco. Hai unha manchea de homes e mulleres desta contorna galega que souberon facer do mar de Euskadi o mar de Galicia, e de Trintxerpe o Corrubedo de seu ou Corrubedo Grande.

Nestas ía cavilando, sempre camiñando na dirección do sol cara o faro, cando escoitei un estrano "cro-cro". Eu ben sabía que non era unha rá, mais non fun quen naquel momento de recoñecer o animal que emitía aquel son constante e que facía que eu, no meu paseo, fose como marcando o paso: cro-cro, cro-cro, cro-cro....

Cheguei á planicie pre faro e bebín a imaxe fantástica da antiga casa do torreiro e, ó seu carón, o faro poderoso, de cabeza relocente polo sol e non pola luz eléctrica que pasará a ser fotovoltáica (se non o é xa) en nada. O mar cabeceaba turrón nas rochas. Saltei o valo e acheguéime, coma sempre que alí vou, a esa especie de miradoiro que os anos foron creando nas pedras que renden pleitesía ó señor Faro de Corrubedo, gardían de mares e coidador de vidas que non sempre foi quen de salvar.

Sentei para sentir e escoitei. O cro-cro non me abandonara, malia o intenso bater das ondas nos coídos da costa. Onda ven, cro-cro vai. E debía ser polo menos un animal de bo tamaño, o que xa me fixo poñer en garda.

Aló en baixo, abeirando as rompentes, unha dorna polbeira. E a bordo desta, un home. Supoño que pescaba, aínda que moito me temía que a súa aventura ía durar pouco porque o Servizo de Inspección Marítima da Xunta non tardaría en facer acto de presenza para sancionalo. Mais, a simple vista, non albiscaba eu que tipo de arte empregaba para pescar. Déume a impresión de que só estaba alí por estar, bogando constantemente a estribor para evitar que a dorna fose contra as pedras. Na man esquerda, o que eu crin era un liñón, non era outra cousa ca un libro. Lía, no canto de pescar!.

Berréille canto puiden: "Vai bater coas pedras!. Aparte de ahí!!". 

Ben vin que sorría e acenou coa man dereita como dicindo "non se preocupe, téñoo dominado".

"É vostede de Corrubedo?", preguntou. Díxenlle que sí co movemento afirmativo da miña cabeza. E preguntou novamente: "E non vería por aquí unha galiña azul, ou?". Azul?. Na miña vida vira unha galiña azul, pensei. Neguei tamén coa cabeza, levantando a pucha. "Ten unhas prumas de cores nas ás e pon óvos de, tamén,  distintas cores. Perdina esta mañanciña. Voou un chisco e foi saltando entre as rochas ata que a perdín de vista. Sentiría moito perdela ou que a arrolara un coche nesa estrada", explicou. 

Para min que aquel home estaba tolo: non pescaba, lía; e andaba a procura dunha galiña azul.

"E logo vostede quen é, que fai ahí ao pé do faro nun lugar tan perigoso?", intereséime eu.

"Chámome Carlos e son da Limia. Escribo. Quería saber como era esto do polbo que para min sempre foi pulpo e xa ve: escapòuse a galiña azul das miñas mans e agora a saber onde andará poñendo óvos", respostou.

"Home, eu non lle sei ben se será a galiña azul, pero por aquí anda un becho que fai cro-cro, cando o normal aquí é o cri-cri dos grilos", clarexéille.

"Non se preocupe,  señor home. Hálle ser un grilo coxo que papou a galiña azul e ela estará desfrutando del. Non todos os días pode papar un grilo coxo, que seica teñen un sabor mistura de pau e carne. Xa virá. Agora vou atender un polbo que me anda facendo as beiras. Que teña unha boa mañá".

O tal Carlos, a dorna polbeira e o libro, desapareceron. Tamén cesou o cro-cro. Para min que me sentou mal o café desta mañá do 17 de maio. en Corrubedo. Ou sería un soño como os que escribía Carlos Casares a cotío.

Para min que me sentou mal o café desta mañá do 17 de maio
Comentarios