Cada achado literario é unha pequena resposta, un oco que se enche en Galicia

El editor Quique Alvarellos.
O editor Quique Alvarellos, novo columnista de MUNDIARIO.

O editor e xornalista Quique Alvarellos debuta hoxe como columnista de MUNDIARIO. Trátase dunha das mellores plumas do novo xornalismo galego e tamén dun editor cada vez máis relevante no país.

Cada achado literario é unha pequena resposta, un oco que se enche en Galicia

A nosa Cultura é un puzzle incompleto. Cada achado literario é unha pequena resposta, un oco que se enche. O poético abril, que xa se foi, trouxo novas ben interesantes. En menos do que durou o chuviñoso mes, tivemos noticia, en primeiro lugar, da “exhumación” dun manuscrito inédito de 1857 do poeta do Rexurdimento, o romántico compostelán Aurelio Aguirre (1833-1858), o amigo de Rosalía, a “estrela” do Banquete de Conxo. A existencia deste libro xa era coñecida por un reducidísimo grupo de especialistas (nomeadamente Ramón Torrado), mais o orixinal permanecía, ata agora, esquecido nos fondos do Museo de Pontevedra. A súa publicación, que será dentro deste ano (integrado na Colección Rescate da editorial que dirixo), botará luz sen dúbida sobre aquel período que chamamos Rexurdimento, onde agromou con forza a nosa conciencia de pobo.

Poucos días despois, o profesor Francisco Rodríguez, daba noticia duns versos descoñecidos de Rosalía de Castro: un poema publicado en 1866 no diario madrileño La Soberanía Nacional dedicado ao escritor e político liberal Salustiano de Olózaga e que ninguén localizara ata agora. Versos onde a poeta define claramente Galicia como el “pueblo que me ha dado” ou poetiza Compostela cando afirma: “la ciudad santa que un día / vio reyes peregrinando / te abre sus brazos, sombría, / pero amorosa...”.

E tamén abril nos trouxo novas ben gorentosas da nosa lírica medieval. A pasada semana dábase noticia da edición, a cargo da Xunta de Galicia, dun novo poemario con 23 composicións inéditas do cancioneiro de Afonso Paez, un volume que os expertos consideran o epílogo da lírica medieval galego-portuguesa, datado arredor de 1380-1430. E canda este achado, un estudo do profesor da USC José António Souto Cabo editado en Brasil e titulado Os calabeiros que fizeram as cantigas onde adianta varias décadas os inicios desta literatura, citando a Joán Vélaz como o primeiro autor.

Para completar a tríade de descubertas, damos un pulo ata Roberto Vidal Bolaño, pois a carón da recuperación da obra completa que está a publicar Positivas, tamén a pasada semana, o Consello da Cultura Galega presentaba un facsímile dun inédito do gran escritor teatral ao que este ano se lle homenaxea co Día das Letras Galegas, o titulado Ruada das papas e o unto, unha obra de 1981.

Inéditos, en fin, aínda, de Aurelio Aguirre, Rosalía, Vidal Bolaño ou trovadores medievais. Letras que aboian e Cultura que agranda, que enche os pulmóns. [email protected]

Comentarios